Lusofonía VII: unha Galiza útil

“A Galiza é o nosso melhor contacto. Pode a Espanha ser-nos um exemplo de sociedade, e é decerto um parceiro comercial. Mas não nos é, nunca foi, nem parece que venha a ser, um interlocutor. Até hoje, ninguém apresentou uma fórmula para isso que não diminuísse Portugal.

A Galiza, essa, há-de servir-nos, sempre, de casa ao lado. Com amigos certos. Para uma longa conversa ao pôr-do-sol.” (Fernando Venâncio, Aspirina B)

Share

Betanzos, esta semana: recuperación da memoria histórica

Organizado pola Asociación Cultural Eira Vella, publicitamos o programa de actividades que se van desenvolver en Betanzos para a recuperación da memoria histórica da comarca, no marco do Ano da memoria.

26 de setembro

Presentación das Xornadas “A Represión franquista en Betanzos” e pase do filme A lingua das Bolboretas.

28 de setembro

Presentación por Suso García dos filmes A Sombra Negra da CNT-Galicia e Aillados.

3 de outubro

Charla-coloquio “A represión en Betanzos”. Suso Torres e Alfredo Erias.

5 de outubro

Charla-coloquio “A galiza do 36”. Eliseo Fernández e un representante de Memoria histórica da Coruña

11 de outubro

Mesa redonda. Falan os veciños.

21 de outubro

Roteiro por lugares sinalados de Betanzos na represión do 36.

* * *

Por certo, A sombra negra inclúe entrevistas a veteranos militantes como José Iglesias e Manuel Díaz Moreno “Talache”, eses mesmos que frecuentaban na realidade o ateneu libertario “Resplandor en el abismo” e os ambientes anarquistas homenaxeados por Manuel Rivas en Os libros arden mal.

Share

Suso de Toro fala para Libro de Notas

Suso de Toro: “A todos nosotros nos han tratado y nos tratan aún como a niños que no pueden conocer el mundo de los mayores. Ése es justamente el drama de la sociedad española, lo que explica su infantilismo profundo, su inmadurez.” Interesante entrevista ao autor de Home sen nome en Libro de Notas, que ademais liga para a presentación do libro na blogosfera acontecida no mes de maio e da que David de Ugarte fai unha impactante reseña (referenciada por Brétemas na súa altura): “Desde el punto de vista de la convocatoria el resultado no puede ser más positivo. Incluso, aunque la convocatoria era sólo para la blogsfera, vinieron para cubrir no el libro, sino la novedad del acto, un equipo de cámaras de Cuatro y una periodista de ElMundo.es. Por lo visto pidieron venir a los de la editorial, a los que debió de darles poco menos que un colapso: por una vez en vez de perseguir a la prensa y la tele para que de cobertura a la presentación de un libro, resultó que era al revés, los medios les pedían cubrir una novedad editorial… aunque sólo fuera por serlo también de la blogsfera. Me llamó la atención la actitud de los periodistas respecto a Suso: le identificaban como el gran innovador. Y es cierto. Pocos tan valientes como él.”

Para que digan que os blogues non sirven de plataforma para a literatura. E para que quede claro que a endogamia excesiva é unha necesidade ou unha limitación mental que non todos padecen.

Share

As poetisas da vangarda

Poetisas.jpg

Publica La Voz de Galicia no suplemento Culturas do sábado 9 de setembro unha ampla reportaxe sobre “Os sete rostros femininos da poesía galega actual”. Nel son entrevistadas, na Fundación Luis Seoane, ámbito privilexiado para a reflexión artística, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Lupe Gómez, Emma Couceiro, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e Antía Otero.

Baixo un titular como “As poetas da vangarda” e o anuncio no subtítulo de que “constitúen un grupo heteroxéneo que combate tópicos e cuestiona a natureza da poesía” atopamos as opinións que a seguir referimos.

1) Desbotan o termo poetisa polas súas connotacións cursis. Consideran algunhas que para utilizala deberían primeiro despoxala de “cargas pasadas”. O termo poeta tampouco as satisfai “por demasiado grande” ou por impreciso. Segundo Yolanda Castaño ou Estíbaliz Espinosa rexeitan a imaxe máis tradicional do poeta, vinculada a “un don divino insuflado polas deidades” e a obras “antigas, pesadas”. Parece esta a vangarda que preconizan: o poeta como un membro do vulgo, un traballador máis da sociedade, que poida estender os seus froitos como unha necesidade cotiá da comunidade: “a poesía estivo demasiado metida nun andel”, afirma Espinosa.

Redundando na súa preocupación pola imaxe, protestan contra o clixé de poeta melancólico, introspectivo, comprometido coa Galiza rural, e reclaman entraren co seu propio estilo postmoderno, feminino e rompente na variedade recoñecida de especies poéticas.

2)Consideran necesario “«democratizar» a poesía para achegala aos lectores”. Para isto os avances tecnolóxicos “están a permitir experimentar con novas formas de arte poética, non só conseguindo sacar á poesía dos espazos pechados, desintelectualizándoa, senón facéndoa interaccionar con outras canles de expresión.”

Yolanda Castaño afirma que “hoxe hai unha poesía máis ortodoxa, que é a que está nos libros, pero tamén hai unha linguaxe poética que se pode atopar en calquera recanto. As nosas influencias tamén están na música, no cine? Vemos poesía nas letras de cancións, nun spot publicitario, e tanto como o recibimos intentámolo comunicar; intentamos buscar novos soportes e linguaxes afíns á poesía.” “Trátase ―subliña Emma Couceiro― de entender a diferenza entre poemas e poesía.”

3) Respecto á mensaxe da súa poesía, recoñecen a liberdade de “falar de cousas superficiais, non necesariamente hai que tocar os grandes topos: amor, morte e tempo” (Rosa Enríquez). Espinosa vai máis lonxe: “cando algo é novo e se di que non ten mensaxe, iso é precisamente a proba de que estamos ante unha novidade.”

4) Canto á lingua, calculan algunhas posíbel escribir en castelán (Espinosa), e outras recoñecen que o galego é simplemente a lingua escollida para a creación (Castaño).

5) Finalmente, varias opinións son apresentadas en aglutinación algo confusa, moitas delas gratuítas e dificilmente defendíbeis, contraditorias e superficiais, que non pretendemos comentar. É posíbel que no final da reportaxe se teñan amontoado as citas das entrevistadas por unha necesidade de deixalas falar máis, e o resultado teña sido influído pola présa facendo baixar o nivel do traballo xornalístico, que sen dúbida é moito mellor que outros que nunca poderemos deixar de esquecer.

En resumo, que as poetas vangardistas de hoxe están preocupadas coa cursilería, con que o traxe de “poeta” habitual non lles acae ben e teñen que arranxalo na modista, sobre todo aquel que se vén utilizando tradicionalmente desde hai milleiros de anos, con que a poesía sexa un obxecto habitual na cesta da compra diaria, coa intelectualización da poesía que desbota os traballos demasiado superficiais, co lercheo, etc. É dicir, coa súa imaxe de cara ao mercado, e o certificado de calidade dos seus produtos. De visión poética do mundo, do sentido das paixóns humanas, de ideoloxía, da lingua literaria que as grandes obras erguen páxina a páxina, nada. De lusofonía?… Por la Santa Cruz, ¡de qué me habla!

Contodo, debemos ser conscientes de que as reportaxes teñen o seu límite, e aínda máis se se pretende falar de tantos temas con tanta xente. As poetisas, a quen nomeo así porque un termo que explicita a feminidade non me parece negativo en absoluto, con certeza ofrecen o que de mellor teñen nos seus libros, algo que nesta ocasión non tocou valorar.

Share

Lusofonía VI: por unha endogamia máis ampla

Santa Tegra e Portugal
No seu último post, Aquém e além do Minho, Fernando Venâncio fai referencia ao noso blogue e ao debate lingüístico surxido no Portal Galego da Língua sobre os sotaques norteños (“galaicos”) presentes nunha telenovela portuguesa, con presenza de galegos, portugueses e brasileiros.

Tamén da noticia do Encontro Luso-Galaico de Weblogs a celebrarse na Universidade do Porto en Outubro. Para informarse, aqui.

Share

Vostede non sabe con quen está a falar, de Manuel Darriba

Manuel Darriba, xornalista, poeta e narrador, publicou este ano na Espiral Maior o poemario Vostede non sabe con quen está a falar, co que gañou o XIIIº Premio de poesía Espiral Maior. Nel presenta descricións sinxelas de visións fugaces, materializadas en simples concatenacións de imaxes, seccionadas en versos curtos. Pinceladas leves sobre a vida cotidiana, bocetos poéticos sobre o lenzo do real. Sirva como exemplo o poema

VIDA

Ese xesto de repasar

a pintura de labios

nos cristais abrillantados

do coche da funeraria

―o cadaleito, este sol;

acenos infantís―

e dicir, entre risas:

merquemos foita á saída.

Share

Lusofonía V: unha telenovela portuguesa

Floribella
Segundo nota Fernando Venâncio o sotaque galego está a ser levado ao éxito televisivo, na personaxe norteña (de Gaia) dunha telenovela portuguesa:
“Luciana Abreu dizia «primêiro», não «primâiro». Dizia «dôu», não «dô». Isso era um novidade em ficção televisiva nacional, decerto em personagem de relevo. Os dois ditongos «êi» e «ôu» vêm da Alta Idade Média, tendo-se formado no Noroeste peninsular acima do Douro (do «Dôuro», claro). Para sermos mais exactos: são invenções galegas puro-sangue. Foram, mais tarde, levados assim para o Brasil, onde se mantêm.”

Quen sabe e quere, por veces fala do moito que hai, e outros supomos o moito que podería haber… se quixésemos superar esa patente endogamia.

Share

Os cadernos de Azertyuiop

Ovo de Azertyuiop

En 1995, nacida dun inicial ovo de Azertyuiop, xorde a Asociación Amigos de Azertyuiop. Da cría secreta deste ser fabuloso xurdiron Os cadernos de Azertyuiop, dos que por fin nos permiten dar coñecemento neste blogue, e pasan a localizarse no apartado de páxinas fixas da marxe superior dereita. Variados e inesperados foron os froitos desta actividade que en ningún caso pode entenderse como gandeira. O método de cría consérvase até o momento en rigoroso segredo, talvez á espera dunha conxunción astral máis propicia.

Share

No ano da memoria

 

pontearteixo.jpg

Neste ano da memoria queremos sinalar a particular colaboración dun amigo de Arteixo, Julio Mancebo, “Julito de Moreiras”: as descricións das casas da Baiuca na altura da súa infancia, hai aproximadamente cincuenta anos, unha por unha, veciño por veciño, co adobo das súas anécdotas e a calor do seu cariño. O relato que está a publicar titúlase A miña Baiuca.

Share