Premios Xerais 2007 – Illa San Simón

sansimon3.JPGPartimos todos do porto de Cesantes para a Illa de San Simón con vento e nubes escuras. Tres viaxes farían falta para o transporte de todos os convidados, por volta de trescentas persoas. Despois dun agradábel paseo polos camiños empedrados da illa, xa con sol e boa temperatura, a organización dos Xerais convócanos nunha sala para o anuncio dos ditames dos premios.celiatorres2007.JPG

Celia Torres, coordinadora dos premios, abre a sesión. Xavier Blanco, gaiteiro de recursos innúmeros e sensibilidade sobresaínte, cun espectáculo de vangarda tradicionalista ameniza con interludios o acto. A seguir, Teresa Moure, mantedora literaria nesta ocasión, ofrece un discurso titulado “O carácter revolucionario da escrita e da palabra”, que a editora nos ofrece en papel (aquí en .pdf) xunto co disco de Xavier Blanco Instrumentos pobres. Os fallos foron os seguintes:

XXIIº Premio Merlín de literatura infantil

premiados2007.JPGBaixo o lema “Carboeiro”, o gañador é Minimaladas de Carlos López Gómez. Desta obra o xurado valorou especialmente as creacións literaria e plástica. O autor, ao recibir o premio, dixo: “Só hai unha cousa mellor que gañar o Merlín: gañalo e que cho entreguen na Illa de San Simón”. O xurado recomendou tamén a publicación de Mácara Nácara.

IIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil

Para ser albergada na colección “Fóra de xogo” de Xerais, venceu a obra co lema “Capitán Alberto”. O seu título verdadeiro é Illa soidade, e a súa autora resultou ser An Alfaya. Trátase, segundo o xurado dunha novela de carácter iniciático en que se reflicte especialmente o valor da autonomía persoal. A autora, despois de indicar que a súa “é unha novela sobre vagabundos e xente marxinal”, quixo recoñecer o esforzo de todos os outros concursantes pendíndolles disculpas “por deixalos fóra, porque ela xa sabe o que é”.

XXIVº Premio Xerais de novela

xerais2007_3.JPG Co lema “Fanto Fantini”, a gañadora foi Rexina Rodríguez Vega pola obra Cardume. O xurado quixo recoñeceu co premio unha historia familiar e persoal que parte da época do final da Segunda República, no contexto do Vigo industrial atlántico, proletario e cosmopolita, sobre o que se presentan varias xeracións. Foi valorada especialmente nesta obra a capacidade expresiva de clara vontade estilística, que atinxe até o nivel do poético. Cando recibiu o premio, a autora afirmou: “É a miña primeira novela, pois até agora só me tiña dedicado ao ensaio e á crítica literaria. Non esperaba este premio. […] Esta obra reivindica a memoria como un instrumento de relación interxeracional. E tamén a memoria histórica: a miña novela é outra maldita novela sobre a Guerra Civil, como diría Reigosa. Mais penso que aínda resulta necesaria”.

manuelbragado2007.JPG No final da presentación dos ditames dos xurados Manuel Bragado, director xeral da editora que promove os premios, dedicou unhas palabras de agradecemento a todas as persoas e institucións intervenientes. Logo de valorar os Premios Xerais deste ano, anunciou algunhas das liñas de traballo que pretende encetar a editorial: “Creo que este foi un dos mellores Xerais. Os xurados víronse obrigados a facer un esforzo meritorio: ler perto de cen obras en pouco tempo. […] A música de Xavier Blanco, por outro lado, está a ser engaiolante. Atreveríame a dicir que se algún día alguén me quere facer unha homenaxe non estaría de máis que soase a peza “Pasarrúa”, a segunda do seu discoxavierblanco2.JPG Instrumentos pobres, que temos a honra hoxe de ofrecervos como regalo. […] Nestes tempos non todo son boas noticias, mais non quero agora tratar o tema dos problemas da edición do libro galego, provocados en grande medida polas últimas decisións sobre a gratuidade dos libros de texto. […]

Vivimos uns tempos con retos até agora inéditos, e un deles é o da “nova literacidade”. A nosa editorial non desexa eludir as esixencias dos novos tempos para poder continuar a traballar no proxecto de normalización cultural que alimenta desde o inicio os seus esforzos. Neste sentido, quero anunciar para o próximo ano, ademais da ampliación do catálogo, a pretensión de renovar o debate cultural coa produción de proxectos de edición electrónica. Estimo que o debate cultural no está á altura das necesidades nin do que os recursos actuais favorecen. Reclamo unha ambición maior neste sentido. […] Tamén no próximo ano presentaremos outras novidades que farán sen dúbida que os Premios Xerais non podan pasar desapercibidos.”

teresamoure2007.JPG Canto ao texto de Teresa Moure, este ano mantedora literaria do acto insular, foi rotundo: “O texto de Teresa Moure é o noso proxecto”. Este discurso, que a editorial ofreceu nunha delicada edición tipo plaquette (xunto co disco Instrumentos pobres de Xavier Blanco), foi un alegato rotundo, fresco e libertario sobre o lugar que a literatura debería ocupar no aseo mental do cidadán. Un lugar tan irrenunciábel, por exemplo, que afectase a arquitectura das casas coa concesión para os libros de espazos propios tan habituais como os dos servizos sanitarios.

romaria2007_1.JPG Logo do acto literario veu a Romaría, e tres horas máis tarde o embarque para Cesantes. Durante esta tarde meiga tiramos fotos, gravamos intervencións (O blog dos pelachos) e fixemos entrevistas (Días estranhos).

Na columna da dereita do blogue ofrecemos unha pequena reportaxe fotográfica do evento.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

4 thoughts on “Premios Xerais 2007 – Illa San Simón

  1. Pingback: días estranhos » Premios Xerais 2007: Conversas na Illa de San Simón

  2. Pingback: días estranhos » Martiño / Martín

  3. Con certeza, Peke. Só foi de desexar que dispuxésemos dunha mellor ubicación para as gravacións e fotografías, así como máis luz e un micrófono nas entrevistas. Polo demais, foi unha experiencia moi interesante, ademais de divertida.

Comments are closed.