A evidencia dos novos tempos

Hai tempo que percibimos novas necesidades culturais no país. É algo capaz de ter a ver con exixencias de máis amplo espectro, e que teñen tamén unha manifestación no ámbito artístico e literario. Até agora vivimos entre o que sempre funcionou, o que nos negaban e “resistía heroicamente” e os sólidos poderes que impedían un novo florecemento. Mais o novo florecemento ten que darse, apesar dos lastros de antaño que caen xa para o fundo e os “heroicos resistentes” que permanecen en activo con esquemas en ocasións desfasados. Desfasados aínda que meritorios, e aos cais debemos respecto e recoñecemento, mais que non podemos agardar que nos acompañen en paralelo ao ritmo que exixen as novas sinerxias. Neste sentido creo que fala

Ana Romaní: “[…] Percibo certo período de tránsito. Creo que na cultura galega ábrese un tempo de procura, de mudanzas, non se sabe moi ben cara a onde, tanto nas expresións artísticas como na xestión cultural. Os contextos mudaron, a presenza do mercado imponse e crea interferencias nunha cultura non normalizada, hai tensións entre as dinámicas que se arrastran de atrás, a influenza doutros modelos e a urxente necesidade de novas fórmulas e formas propias. As dependencias do mundo da cultura póñense en evidencia, comezan a cuestionarse tutelas e as expresións artísticas oscilan entre a resistencia, a institucionalización, a demanda de recoñecemento e apoio e un exceso de liberdade ou independencia disidente. E todo aínda nunha lingua e nunha cultura non normalizada, nun país que apenas se descubre nas súas expresións culturais ás que en moitos casos permanece alleo.” (Culturas, La Voz de Galicia, 21/07/07)

Nun espazo máis concreto está o dilema dos subsidios, que en ocasións non sabemos se sosteñen a posibilidade dun futuro para a cultura galega ou están a ocultar os erros dun presente que se precisa con urxencia máis eficiente. É como vendar unha ferida: vendada molesta menos e nos permite esquecernos momentaneamente dela, mais tamén tarda máis en curar. E a saúde é a verdadeira normalidade. Por esta liña opinaba Pablo Couceiro, un empresario que aposta pola cualidade antes do que pola cuantidade das publicacións:

Pablo Couceiro: “Nos 70/80 era unha militancia e era o tempo de pouco máis dun cento de novidades anuais. Hoxe superan ben os 1500, pero daquela viviamos mellor do libro galego. Publícanse moitas cousas que non debían e faise porque teñen subvención. Esa política era pan para hoxe e fame para mañá. Hoxe xa chegamos á fame e nótano os editores e os distribuidores. Non é que esteamos desilusionados, porque pensamos seguir vivindo do libro galego, pero hai cousas que terán que mudar por forza. […] Aínda sabendo que o editor precisa apoio a subvención, ou parte dela, tiña que dedicarse á promoción, que é a grande esquecida. Como se vai vender máis sen promoción e publicidade? O libro precísaa, como calquer produto, e máis aínda hoxe que está en competencia con outras ofertas culturais moi potentes. […] Con promoción podería haber máis librarías especializadas en libro galego e ser un bo negocio. […]” (A Nosa Terra, 19/07/07)

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.