A polida poesía de Suso Pensado

grilo.jpg

Suso Pensado, A tarde (Espiral Maior, 2004). É este un libro escrito con indubitábel talento. Poesía costumista, que nos fai espectadores dos máis leves acontecementos cotidianos, transcende con verdadeira arte os referentes poetizados para transportarnos á sublime intuición vital que é substancia real do poema. Non foi nunca da miña predilección a poesía puramente realista, máis amigo sempre de rotos imaxinarios e asociacións sorprendentes; mais cando algo está ben feito é un pracer lelo e recoñecelo publicamente, e iso supera as miñas preferencias iniciais.

A tarde ofrece poemas de asombroso equilibrio entre o dito e a forma de dicilo, que non caen no erro tan asombrosamente común da redundancia semántica e que fornecen unha profunda perspectiva poética que recrea o mundo ao tempo que tenta descifralo ou ao menos tornalo máis familiar. No contexto da poesía máis recente, unha asombrosa mostra de polimento e maturidade, tanto para un primeiro libro canto para unha obra derradeira:

OS GRILOS

Os grilos cantan trascenderse noutra carne
baixo o calor da herba e das paredes
aproveitando o breve sol que vai chegando.
A melodía, monótona, invisible
concentra o seu esforzo de nacer e de buscarse
sen descanso na sombra, (¿que música lonxana soñarán
que no silencio soe, que os impulse?).
E non dubidan, soio cantan a obsesión por vivir
no sol, na noite morna,
cando o calor aviva os élitros vibrantes.
E ese canto que busca perdurar,
que forxa a vida por instinto baixo terra,
intérnase no aire, enchendo a tarde descoidada
e desfacendo a súa esencia muda.

METAFÍSICA

Agora que só hai árbores enfrente
e nada que entorpeza o pensamento,
termino por pensar en Deus.
E penso nel antes daquel principio,
vivindo nunha terra como nunha masa informe,
quizais idéntica á de agora,
sen preocuparse de crear, porque bastaba o que existía,
aínda que as tebras cubrisen o abismo
e o vento poderoso axitase as augas.
Non precisaba nomes, nin de días ou de noites,
tampouco un ceo,
nin unha terra atarefada eternamente
na destrucción e o nacemento.

Un día Deus
soubo da realidade enorme e indiferente en torno del,
de todo o que non tiña nome, e que existía
como unha masa informe; e viuse ameazado.
E sentiu medo. E comezou a creación.
E Deus, naquel principio, creou o ceo e a terra,
e ó ceo chamoulle ceo, e á terra terra.
E descansou
temendo para sempre o que non tiña nome.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

2 thoughts on “A polida poesía de Suso Pensado

  1. Pingback: Suso Pensado na Sargadelos : O levantador de minas

  2. Pingback: Suso Pensado na Sargadelos : O levantador de minas

Comments are closed.