IV Simposio o libro e a lectura

Baixo o título de “Literatura e mercado: unha reflexión complexa” o xoves pasado participei nunha mesa redonda do IV Simposio o libro e a lectura: libro e mercado, organizado pola Asociación Galega de Editores e desenvolvido nas instalacións centrais do Consello da Cultura Galega, en Compostela. Compartín mesa con Xurxo Borrazás, Inma López Silva e Francisco Macías, este último actuando como moderador. Non tiña o pracer de coñecelos persoalmente, polo que ter esa oportunidade foi para min un motivo de celebración.

Inma deixou ben claro desde o principio algo que algunha xente non asume, ou non sabe asumir por falta de coñecemento, mostrándose en ocasións “contra o sistema” mentres obedecen as exixencias do mercado: que sistema literario e mercado literario son a mesma cousa. Tamén afirmou que a crítica non se implica suficientemente nas valoracións, que a promoción literaria se realiza con criterios caprichosos e que a afirmación de que é máis ruinoso publicar teatro que poesía é unha das falacias dos editores.

Xurxo valorou o facto de que os escritores galegos podemos escribir o que nos pete porque nunca hai consecuencias económicas, de ningún tipo. Denunciou a desnaturalizada identificación entre autores e institucións culturais, e afirmou rotundamente que “o único sistema de goberno válido para as artes é o que non existe”.

Pola miña parte, lembrei recentes actitudes mesiánicas pouco recomendábeis nalgunhas empresas culturais e resaltei que “os tempos mudaron e os directivos das empresas culturais da Galiza teñen que asumir que os novos receptores, se ben poden ser ideoloxicamente activos, non teñen tan frescos como nós aqueles referentes de loita político-social que non precisamos agora nomear”. Continuei argumentando que os produtos literarios están inmersos nunha oferta xeral de produtos de ocio caracterizados polo dinamismo, e isto inflúe nunha valorización abrumadora da interactividade e nunha sobreabundancia dos contidos superfluos, facilmente caducos e rapidamente substituíbeis.

Neste sentido, defendín unha literatura de contidos elaborados que trascenda a moda do banal e poda alimentar un futuro para a nosa industria da creatividade. Porque non creo que competir coa industria internacional do bestseller sexa unha opción asumíbel. Somos un país pequeno e iso implica que habemos de saír ao mercado exterior, mais non de calquera xeito. Ha de ser con orixinalidade, cunha etiqueta propia (que non deveña en uniforme) que caracterice unha visión do mundo susceptíbel de ser “descoberta” e estudada.

E para logralo nada mellor, ao tempo, que ser un país pequeno, pois os poucos máis facilmente chegan a acordo sobre a optimización dos recursos e a determinación de obxectivos comúns. Por iso terminei afirmando: “O noso grande reto hoxe é a coordinación de esforzos”.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.