Tertulia na Coruña sobre Ousmane Sembène

O amigo Martin Pawley, do dias estranhos, infórmanos de que

«Mañá xoves ás 19:30 na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), tertulia sobre a obra de Ousmane Sembène por mor da edición en galego da súa novela O xiro postal. José Manuel Sande e máis eu falaremos dos filmes do director senegalés e do insuficientemente coñecido cinema africano en xeral.

OUSMANE SEMBÈNE

Falar de cinema africano é falar de Ousmane Sembène. Non me refiro xa á súa condición pioneira como autor dos primeiros filmes nos que a África negra falou coa súa propia voz; falo máis ben da súa vontade explícita de usar o cinema como vehículo para transmitir mensaxes á poboación de todo o continente, non só a do Senegal onde naceu, pasando por riba das fronteiras debuxadas con regra polas potencias coloniais. A figura de Ousmane Sembène ten, si, unha evidente connotación patriarcal, mais trátase dun patriarca revolucionario e valente, que criticou con audacia as estruturas caciquís que coutan toda posibilidade de progreso e se enfrontou ao poder político, económico e relixioso que se atopa sempre detrás delas.

Decidiuse a facer películas nos anos sesenta, nunha viaxe de volta a África que para el tivo moito de iniciático. Naquela altura xa desenvolvera unha importante carreira como escritor, e o seu nome gozaba do respecto e o recoñecemento dos máis valiosos intelectuais do seu tempo, mais o que el procuraba non era o eloxio da esquerda francesa, senón que o seu pensamento chegase da maneira máis eficaz posíbel aos seus compatriotas. “O meu primeiro obxectivo é chegar ao público africano”, explicaría logo. “Europa e América non son as miñas referencias -non son o centro do mundo. Sei que existen, e estou moi feliz de que os europeos vexan os meus filmes, aínda que sei que eles só comprenderán a metade do que contan”. Esa visión utilitaria xa estivera presente na súa decisión de empezar a escribir. Autodidacta e cunha permanente curiosidade polo coñecemento, Sembène foi un usuario entusiasta das bibliotecas do Partido Comunista e da Conferencia Xeral dos Traballadores, e lendo nelas as grandes obras do seu tempo comprendeu que ningunha falaba da súa terra. O único que había sobre África era un mapa, dixo algunha vez, e por iso deu en escribir el mesmo os libros que até ese intre ninguén fixera.

Nunha entrevista na revista Cinema-Scope por mor da estrea de Moolaadé, que Sembène acabou con oitenta e un anos, Ray Pride dicíalle que seguía parecendo un mozo optimista. “Non creo que haxa nada máis fermoso que a vida”, respondeu, “mais tes que ser quen de compartila”. Así era Ousmane Sembène: solidario e combativo, mais tamén alegre e esperanzado, un creador extraordinario en cuxa obra sempre asoma a pegada do seu profundo compromiso cívico.

OUSMANE SEMBÈNE EN GALEGO

Até a publicación d’O xiro postal por parte da editorial Rinoceronte, a obra literaria de Ousmane Sembène permanecía inexplicabelmente inédita en España. A tradución ao galego de Le mandat feita por Isabel García Fernández é, pois, a única vía para achegármonos a un autor que xa era aclamado como novelista antes de botarse a facer filmes. O xiro postal do título é o que lle envía un inmigrante senegalés en París ao seu tío que vive en Dakar. As dificultades para cobrar o xiro do protagonista, vítima do rigor e as paradoxas dos procedementos burocráticos, e a cobizosa presenza da veciñanza, á espreita duns cartos nos que ve a saída de todos os seus males, son os eixos argumentais dunha novela que foi levada ao cinema polo propio autor (Mandabi, 1968), co recentemente falecido Makhouredia Gueye como actor principal.»

Share

A Xosé María Álvarez Blázquez

O mestre

O mestre observa o mundo da cima da montaña dos seus ollos.

Ás veces, palpita na súa man o tempo, a morte de alguén con pasos apresados, que el coñece no cheiro a zapatos mollados. É entón que prepara a súa mala: por fóra o coiro, por dentro a súa mirada gardada.

A dirección do ar indica o lugar da casa inutilmente construída. Chega cedo —antes do que a morte sempre é cedo— en forma de muller o mestre a esta ruína e pola alquimía dun xesto nos lenzois transparece un tesouro nunca aberto.

Nota: Quero hoxe dedicar este antigo poema á memoria de Xosé María Álvarez Blázquez. A. F.

Share

Tempos Novos na Rede en casa propia

Celebro emocionado que a Tempos Novos se teña lanzado tamén en formato electrónico, algo moi necesario nestes tempos de indubitábel axilidade comunicativa. Ademais, o invulgar suplemento de letras da revista, o Protexta, que aquí tamén se poderá consultar, vén de comezar un périplo novo desde o número 05, cando foi distribuído de graza con todas as cabeceiras do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e Diario de Ferrol) agás DXT Campeón. Así as cousas, consegue atinxir os 60.000 exemplares e voar para uns 120.000 leitores potenciais. Sen dúbida un salto cuantitativo na súa divulgación que a súa cualidade merecía.

A. F.

Share