Que Coruña queremos?

Torre de Hércules - Gravado antigo

Francisco Rodríguez: «A exposición sobre “Alfonso IX e A Coruña”, organizada pola Alcaldía desta cidade, co gallo dos 800 anos da concesión do foro, considéraa ubicada no reino de León. O comisario da exposición, Señor López Alsina, fala de Fernando II e de Afonso IX como reis de León exclusivamente, embora teña que recoñecer que o afán urbanizador deste último estaba centrado na costa galega. Non só A Coruña, senón Viveiro, Ferrol, Betanzos, Baiona… entre outras.

Como é posíbel seguir negando a verdade histórica, con diñeiro público de Galiza?. O propio Afonso IX era de lingua galego-portuguesa, e estaba estreitamente vinculado á nobreza dos reinos de Galiza e Portugal, incluído o seu matrimonio coa portuguesa Tareixa. Finou na Galiza e está enterrado en Santiago, cidade onde, por certo, fixo a carta da concesión do foro á Coruña, usando o latín, como era normal entón para esta función. A maior parte dos documentos do seu reinado foron emitidos en distintos lugares da xeografía galega, onde tiña o centro da súa actividade política. Preocupouse de que as súas fillas, Sancha e Dulce, foran educadas no noso país. O rei ficaría abraiado de tanta ocultación e suplantación. Tampouco compartiría que o colocasen nunha liña dinástica común cos reis de Castela. Xa Vicetto advertiu que, como rei de Galiza, tería que ser considerado Afonso VIII, non IX. […]» (AS-PG)

Camilo Franco: «Na Coruña hai frases de escritores sobre a cidade. As dos galegos en galego, as dos casteláns en castelán. Defoe non escribiu en ningún dos dous idiomas. Pero a súa cita está en castelán.» (La Voz de Galicia)

Estas foron accións culturais que debían servir para ilustrar o cidadán e que algúns observamos estrañados. A que se deben estas intervencións nunha época en que supuñamos a dignificarse a cultura da Coruña? As neuronas traballaron até que imaxinaron o por que, logo constatado: estes eventos non dependeron da Concellaría de Cultura, senón dunha alcaldía entregada ao recoñecemento da Torre como patrimonio da humanidade. Unha alcaldía que pretende, sen máis sensibilidade que a precedente, divulgar no mundo os méritos singulares desta cidade e deste país.

Que Coruña queremos? A resposta é fácil: unha Coruña gobernada por xente con cultura.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.