Premio DARDOS para O levantador de minas

Hoxe recibimos o Premio DARDOS por desexo expreso de Mario Regueira, ese escritor que traballa arreo desde o seu Porto abrindo alxemas sen cesar. Agradecemos o seu recoñecemento e sumámonos á iniciativa. As condicións de participación son as seguintes:

«Com o Prémio Dardos reconhecem-se os valores que cada blogger, emprega ao transmitir os mesmos por culturais, éticos, literários, pessoais, etc., que, em suma, demonstram sua criatividade através do pensamento vivo que está e permanece intacto entre suas letras, entre suas palavras. Esses selos foram criados com a intenção de promover a confraternização entre os bloggers, uma forma de demonstrar carinho e reconhecimento por um trabalho que agregue valor à Web.

Este Prémio obedece a algumas regras:
1) Exibir a imagem do selo;
2) Linkar o blog pelo qual se recebeu a indicação;
3) Escolher outros blogs a quem entregar o Prémio Dardos.»

Así as cousas, pola nosa parte recoñecemos os seguintes blogues:

Dias estranhos

Ovnis e issoglosas

Paseante extranjero

Share

As cidades imaxinarias, de Xabier P. DoCampo

Nun momento en que, polas circunstancias do mundo que ocupamos, debemos aspirar a soños moi altos, aparece O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
Do mesmo modo que acertamos plenamente coas nosas previsións sobre O último que queda é o amor, augurámoslle a O libro das viaxes imaxinarias o destino que só pode ter un libro redondo, un libro que, como todos os grandes, crea un mundo e convida a habitalo.
Un dos seus maiores logros, e non será trasladábel a outras linguas mais ese é o noso privilexio, radica na mestría de DoCampo para levar o lector a unha regresión, a un estado de graza en que pode percibir como propio un mundo aparentemente tan alleo, inzado de mecanismos e seres marabillosos, a través da lingua: léxico, sintaxe, fraseoloxía, connotación… Todo soa tan absolutamente galego que podemos reconstruír ese mundo no noso pensamento coas nosas referencias máis profundas. As cidades imaxinarias está entre eses, entre eses grandes libros da nosa literatura, os que farán Historia, tendendo xentilmente a súa man ao acaso.
Longa vida ás Cidades imaxinarias.

T. M.

Nota: recomendamos a lectura da crítica O libro das viaxes imaxinarias: pide que o camiño sexa longo, de Martin Pawley, quen tamén o conseguiu gravar o escritor a ler a obra.

Share

Xardín do pasatempo, de Ramiro Fonte

ANO DE 2001

Na soidade do universo,
Entre estrelas e cometas,
Entre os aneis dos planetas,
Procura mundos diversos

A branca nave espacial
Que, no escuro, danza un vals.

O capitán do navío
Celeste é a computadora:
Metódica e soñadora
Non dá puntada sen fío,

E leva a cabo o motín.
Un odiseico astronauta
Decide levar a pauta
E pór á conxura fin.

En Xardín do pasatempo, de Ramiro Fonte

Por cortesía de Ignacio Chao (Tambre) chegounos este libro de poemas de Fonte recomendados para rapaces a partir de 10 anos. Despois de comprobar asombrados noutras ocasións como a poesía rimada gusta aos máis pequenos da nosa tribo, con certeza este libro vai triunfar na casa. Ademais, conta cunha variedade tal de temas, tamaños e perspectivas diversas do poema, desde o máis popular ao erudito, sen esquecer o misterioso, que sen dúbida sorprenderá positivamente por un lado ou por outro.

A. F.

Share

No recital de Xavier Seoane e Manuel Rivas

Foto: César Morán, Xulio Valcárcel, Miguel A. Fernán Vello e Xavier Seoane.

O local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda estaba cheo, e iso incluía o chan e o corredor até o fondo. O acto comezou cunhas palabras que en nome dos alexandrinos proferiu Miguel Mato Fondo, en actitude de emotiva rememoración da Coruña dos 80. Logo falou o crítico da mesa, César Morán, quen nos  deseñou o percurso poético dos dous autores e mostrou algunhas das súas primeiras publicacións; entre elas o caderno rústico Anisia e outras sombras, feito a dúas mans, e os primeiros números da inesquecíbel Luzes de Galiza.

Cando Lino Braxe apagou as luces e na mesa prenderon un faroliño pequeno, o recital comezou e os meus recursos técnicos reveláronse estrondosamente improcedentes para deixar testemuño audiovisual do evento (aquí desculparán que non ofreza do mesmo máis do que esta foto). Gustaría de  poder  ofrecer unha mostra do ambiente case gótico que unha tenue luz propagaba polas faces dos poetas proxectándose até os altos teitos dun andar que tería por volta dos cen anos. Só a luz da rúa dos Olmos, iluminando através de tres esveltas xanelas, evitaba que nos sentísemos ás escuras cando Xavier Seoane comezou a recitar. Comezou polo principio, os poemas de finais de 70 e terminou no libro que actualmente se está a distribuír nas librarías, Do ventre da cóbrega, sempre co seu ton de trascendencia e fondo sentimento. Logo leu os seus Manuel Rivas, desde aqueles máis densos até eses outros máis narrativos e de efeito final con pica-pica, pasando por outros que semellaban pequenos excertos de poesía cinematográfica.

Mais o recital permitiu reflexións para alén do facto poético concreto. Houbo quen preguntou que podían facer os poetas perante a inxustiza mundial, e tamén quen lles preguntou se eles mesmos acreditaban en espíritos. Non podía ser menos, estando como estamos en crise e xa entrados na Era de Acuario. Mais a crise de que falou Seoane foi a que me sorprendeu, até porque falou de auténtica crise moral nestes tempos. Argüíu o meu exprofesor que en 70 e 80, cando el entendía que o seu nivel de vida melloraba nesta periferia da periferia que é Galiza, os tempos de Reagan e Thatcher iniciaban un retroceso de benestar social que só nestes últimos tempos se fixo aquí evidente. E isto dá lugar a unha quebra moral enorme, cando se recoñece como docente a recomendar aos alunos que se esforcen por atinxir títulos cando xa nada asegura un traballo digno. Está convencido de que as novas xeracións van ter que saír á rúa a defender cada día liberdades que nas xeracións anteriores se creron xa consolidadas, e que a necesidade fará que nos tempos difíciles se xeren movementos reactivos contra a represión e a caída do nivel de vida. Foi un discurso moi crítico coa situación actual, que a moitos debera facer reflexionar antes de que nos vexamos lamentando o espazo libre perdido.

O resultado foi para min un recital sentido, elevado e entrañábel ao tempo, que me fixo revalorizar os tempos en que eu me esforzaba coas mesmas actitudes que aquela tarde eles rememoraban. As necesidades dos poetas semellan ser sempre as mesmas, ao menos no inicio daquilo que debe considerarse unha auténtica vocación.

A. F.

Share

A lúa dos Everglades, de Xesús Manuel Marcos

«Empurrou devagar a porta, coma se temese espertar un animal durmido. De súpeto, o primeiro que viu foi unha boina deitada no corredor. Semellaba un cogomelo que nacera alí, coa chuvia de abril, entre as lañas das táboas, baixo das que podía xurdir calquera criatura.

Néstor Gaute anicouse e observouna. Antes fora negra, mais agora semellaba da cor do viño. Estaba ensanguentada. A poucos pasos, estrados polas táboas do chan, o paraugueiro e os caixóns do moble do recibidor.

Hai alguén na casa?, berrou Néstor asustado, avisando a quen por alí andase.

Diante de Néstor fuxía o longo corredor coas portas ás beiras. Sentiu no tellado a chuvia de abril a mesturarse co bater desmandado do seu corazón. Foi daquela cando percibiu a casa coma un can acazapado que acababa de recibir unha malleira. Un can doente, desenganado das boas palabras, dos aloumiños do dono, ao que só lle quedaba regallar os dentes a quen entrase polo corredor.» (A lúa dos everglades, p. 30)

Nesta novela Xesús Manuel Marcos sorprende na súa destreza á hora de estarricar o imaxinario que lle coñecemos en Fonte de Esperante, conxunto de relatos sobre paixóns exacerbadas nun ambiente rural de resoancias míticas. Efectivamente, aqueles primeiros relatos cos que vencera no Premio Modesto Figueiredo do Pedrón de Ouro, no Carvalho Calero de Ferrol e no Manuel Murguía de Arteixo provocaban un reto emotivo en que forzas telúricas mesturadas coa deshumanización de épocas realmente difíciles deseñaban escenas de suxa traxedia, mesmo de patente tremendismo con descricións de abuso caciquil, sexo forzado e supervivencia fraca. Un mundo, en definitiva, que se podía entender con dificultade trascendendo os límites geográficos dunha serra esquecida para sempre en tempos remotos.

Mais non foi así. N’ A lúa dos Everglades (Premio Terra de Melide 2007) é precisamente ese mundo da aldea mítica o que é transportado ás grandes urbes transatlánticas mercé a un recurso de cristalina verosimillanza: a inclusión no argumento do tema da emigración. Así, ademais da aldea que impera como lugar en que os caracteres desta novela tiñan agromado, desenvólvense as vidas ficcionadas tamén nos ambientes urbanos de Bos Aires, Miami e Madrid. Con esta cartografía, a referencia aos pasados aldeáns, inevitábeis até o punto de seren tratados como un estándar eficiente, adúbase con intrigas que tinxen o relato coas cores do asasinato e ilumínase ambiguamente coas penumbras do romance policial. O resultado foi  unha narración áxil, imaxinativa, emotiva e amena, é dicir, unha novela recomendábel para un amplo abano de lectores.

A. F.

Share

O colectivo poético De Amor e Desamor celebra os 25 anos

De Amor e DesamorAo ver esta foto a memoria lévave como se dunha alfombra voadora se tratatase ao final dos anos oitenta, cando eu tiña xa moi clara a miña estraña paixón pola literatura e viña de recibir aulas de Xavier Seoane e Xosé Luís Axeitos no Bacharelato da antiga Universidade Laboral Crucero Baleares, nas aforas da Coruña.

Coñecín tamén algúns outros como Miguel Mato e talvez máis algún nun recital que a (miña) Asociación Xuvenil “Mil e pico” de Carral organizara na época en que o colectivo se desprazaba para esparexer a súa arte. Pouco máis tarde, xa situado na Filoloxía Hispánica do Colexio Universitario da Coruña, aínda pertencente á USC, fun retado para o meu primeiro recital na Coruña. Aceptei, non sen antes ter un encontro inesquecíbel con Pilar Pallarés na súa casa, en que lin os meus primeiros poemas e decidín cais deles irían ao recital coa solidez que entón considerei mínima. Logo algúns deles saíron na revista Luzes de Galiza, e a partir de aí comecei a considerarme un poeta. De Xavier  Seoane gardo, por exemplo, os seus primeiros libros dedicados. Débolles, por tanto, a varios dos integrantes deste colectivo, un certo apadriñamento que sempre lembrarei con ternura.

Na época seguinte sentinme debedor da auténtica vangarda poética, o cal me levou ao surrealismo, ao anarquismo e ao “lusismo postlusista” (así o bautizamos no momento), facto que me fixo concentrarme nas esencias poéticas e ideolóxicas de tal modo que comecei a ver a xeración anterior como  xente que na realidade ficara artisticamente a medio camiño.

Moito tempo xa pasou, mesmo épocas de inmersión absoluta en “Matrix”,  e agora, orgulloso de todos os meus compromisos anteriores porque nacidos dun corazón sincero até onde eu fun capaz, foco as tarefas de hoxe tentando procurar o esencial e desfrutando dos esforzos e logros daqueles que tamén cultivaron o seu talento coa mellor intención para si e a sociedade. Outros considerarán que fiquei a medio camiño, deslumbrado polos reflexos en que a miña ignorancia me ancorou.

A Asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña promete un recital poético os segundos martes de cada mes para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Serán os martes ás 20:30, na intimidade do pequeno local da asociación. Miguel Mato adianta que tratarán de pechar o ciclo «cunha gran gala e se temos apoio levaremos estes recitais a outras cidades galegas». Tamén preparan un novo libro con textos destes autores e ilustrado con obras do grupo Atlántica.

Eu desde logo acudirei con gusto ao eventos. O niño que eles construíron serviu, anos máis tarde, para albergar o ovo do que a miña pluma naceu.

Share

A Coruña Son edición 2009

O certame de canción popular A Coruña Son 2009 abriu as portas o 17 de decembro, mais os fríos natalicios e a falta de forma nos asuntos dixitais dos nosos máis intrépidos grupos musicais fixo que o 2008 pechase sen candidatos. Comezado o ano con folgos novos, despois de recuperar glucosa coas uvas de fin de ano (e se cadra algún zume de tomate), son a día de hoxe 41 os grupos inscritos e 34 as cancións disponíbeis na web de A Coruña Son 2009.
O prazo para concorrer continúa aberto até o 10 de febreiro. Os nomes vencedores virán á luz o día 14. O premio será modelar as súas composicións coa asesoría técnico-artística de Santiago Auserón e participar finalmente no disco da presente edición.
Todo parece indicar que a calidade será polo menos tan alta como a do ano pasado.

As cancións de 2008, xa editadas en disco simple (en breve tamén en digipack) e disponíbeis para descarga na supradita web, son estas:
Tonhito de Poi: Marinheira (Coros: Tonhito de Poi, Javi Manero e Santiago Auserón) [1]
Chámalhe Xis: Canto aquí, canto onde me peta [2]
Mr. Carácter: Xabarín-manía [3]
Pablo Díaz: O moucho [4]
Chus Silva: A lagoa dos soños [5]
O sonoro maxín: A rúa do perigo [6]
Nat: Nunca te quixen [7]
Os John Deers: De que me vale [8]
Iria Pinheiro: Violoncello [9]
Santiago Auserón: A Misteriosa (Versión en galego de Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro) [10]
D-Laxe: As túas mans [11]

Share

“Ya quedan pocos españoles, y yo soy uno de ellos”

Podemos pensar que vivimos xa unha nova época, mais é evidente que aínda experimentamos unha fase de transición. Lea isto e descubrirá de que modo esta aínda vivo aquilo que non podemos deixar de esquecer. E tómeo con humor, faga o favor, que non é para menos.

Share

Conta comigo

Que é a Rede? Un instrumento de comunicación versátil e non especializado? Desde logo un medio útil para comunicar algo moito máis profundo do que unha proposta comercial. [kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Us-TVg40ExM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Share

Navegar é preciso

Queridos amigos,

desde finais do ano passado comecei um blogue chamado NAVEGAR É PRECISO.
Trata-se de reunir pensamentos dispersos e ocasionais, poemas, pequenas estórias, contos com a finalidade de provocar a reflexão sobre questões que não vejo tratadas habitualmente na nossa cultura. O meu companheiro é o poeta turco Ali Rustam Çiçek, algo mais do que um simples ajudante, é também uma fonte de inspiração, a verdadeira alma mater do assunto. Cada quem tem as suas manias.
Enfim, convido a todos os visitantes d’O levantador de Minas a passar por ali. Ficaria muito agaradecido.

José António Lozano

Share