O amante japonês, de Armando Silva Carvalho

O amante japonês é un poemario dedicado a un automóbil: “Estes versos são escritos com a gasolina dos deuses / Que te dão alento”. A ironía de quen, lonxe de pretender unha louvanza futurista propia de hai cen anos, fala poeticamente dun obxecto que moitos consideran unha marca de personalidade, mesmo unha cualidade do carácter. Somos o que comemos, díxose metabolicamente un día, e di na actualidade o “home de éxito” que el é aquilo que conduce. Conducir, gobernar unha máquina de precisión ultramoderna, é un privilexio reservado para os auténticos comandantes da sociedade. Conducen o futuro nas estradas do presente, mentres as necesidades do pasado, demoradas, permanecen nas marxes da vía rápida.
O amante japonês é a obra dedicada a un viaxeiro que veu do Oriente para ofrecer os seus servizos através de neumáticos, volante, parabrisas e asentos confortábeis, a personificación dun obxecto en que tanta humanidade transportamos ao cabo do ano. Se as casas recibiron o recoñecemento de seren o ventre que nos alberga adultos, os coches de hoxe non merecen menos. Non obstante, hai implícita a forte ironía que en Armando Silva Carvalho sempre pinga, e que resalta no facto de que o autor lle dedique ao automóbil un libro enteiro. Non un poema, ou dous, nunha serie de louvanzas a máquinas domésticas. É o xogo hiperbólico o que nos é presentado como brillo dunha ironía abafante, en que xa o obxecto amado e o autor amante sosteñen unha relación amorosa (“Abandono-te todas as noites / Troco-te pelos outros”; “Há muito que não sei levar-te ao mundo. Pareço aquele amante / Que não quer exibir uma conquista gasta”) que implica unha reflexión sobre a deshumanización. Non é isto, baixo a forma aparente dun banal atrevemento, unha transgresión violenta da tradición amorosa en poesía (“Beijo-te a boca larga, de joelhos, / E sinto nos meus olhos / a química do carburante fogoso”)? Non fala a inversión deste tópico da deshumanización da sociedade mediante a humanización da máquina (“Que luzes menores nesse teu rosto tão baixo / E cabisbaixo”)? Non somos máis capaces de prescindir egocentricamente do amor ás persoas cando dispomos dun obxecto que non nos esixe coherencia emotiva? Porén, non pensen que o poemario enterra os ollos no individualismo, pois a sociedade, en contrapunto, é homenaxeada nos múltiplos logros dos homes de talento a quen son dedicados textos: Camilo Pesanha, Herberto Helder, Novalis, William Blake, Luiz Pacheco, Carlos de Oliveira, Manuel de Freitas.
Armando Silva Carvalho publicou o seu primeiro libro de poemas en 1965 baixo o título A Lírica Consumível, en que utilizaba xa a ironía para rexeitar a efusión sentimental, a idealización excesiva da realidade e as vaidades do poeta como individuo sensibelmente privilexiado. É un poeta que desde os anos 60 combate a desubstancialización do verso libre mediante un prosaísmo renovado, caracterizado por recursos como unha sintaxe elíptica, os xogos de palabras, as aliteracións e o carácter burlesco da tradición de escarnio e maldizer, todo isto transido pola actitude máis liberadora e lúdica do surrealismo.

(Reseña publicada en Protexta 10 – Primavera – Revista de libros de Tempos Novos)

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.