Algunhas recomendacións estivais

«O son de cada pisada dada naqueles corredores atormentaba os tímpanos coa intensidade dunha cazolada. Como podía un corpo de area provocar aquel estrondo? As estruturas metálicas da prisión ameazaban con virse abaixo lanzando Mario ao baleiro no medio da ferralla. Os funcionarios, afeitos ao ruído metalúrxico, avanzaban inexpresivos.

No amplo comedor ninguén mirou para Mario pero el sentiuse observado como un aprendiz de artista porno.»

A trenza é un romance de intensidade psicolóxica nun marco de reflexión sobre as complexas redes en que a sociedade nos capta, na ineludíbel fórmula universal da acción e a reacción, da elección e a responsabilidade sobre o propio e o alleo. Porque nada do que os outros fan deixa de afectarnos, porque nada do que facemos deixa de ter transcendencia.

Tres merlos brancos é o volume que contén as narracións premiadas nas tres últimas edicións do Certame Manuel Murguía de Arteixo (XV-XVII), convocante desde 1991. Neste caso ofrece os relatos de Xesús Manuel Marcos (Caída da folla), Miriam Rodríguez (Mentres espero) e Alva Martínez Teixeiro (Un domingo amarelo para dentro).

O Morgado de Fafe em Lisboa e O Morgado de Fafe Amoroso son dúas pezas de teatro dun dos maiores escritores ibéricos do século XIX, agora introducidas e editadas por Carlos Paulo Martínez Pereiro para a Biblioteca-Arquivo teatral “Francisco Pillado Maior”da Universidade da Coruña: «Pode-se afirmar que as duas peças protagonizadas pelo Morgado de Fafe posuem tanto o processo de crescimento, como o potencial de actualização que dão vida intemporal e acompanham os textos ‘clássicos’, pois, atacando as bases do próprio (e duplo) fingimento dramático como mostram as repetidas alusões distanciadoras ao próprio teatro ante o exagero de atitudes e situações, sáo muito mais -e já não seria pouco- do que típicas farsas que não visam mais que fazer rir pela típica tromperie bouffonnne

Os alimentos terresteres e Os novos alimentos, de André Gide, agora introducido e traducido polo poeta do verso narrativo (e non prosaico) máis polido das letras actuais, implica unha lectura dun calado raro na edición galega. É talvez un caso como o precedente, no sentido de que ofrece a pluma dun autor invulgar como poucos, e xenial como moitos menos: «Tira do meu libro; di que só é unha ds mil posturas posibles ante a vida. Busca a túa. Non fagas o que alguén tería feito tan ben coma ti, e escrito tan ben coma ti, non o escribas. Sinte apego nada máis que por aquilo que só está en ti mesmo e en ningunha outra parte, e crea de ti, con impaciencia ou con paciencia, ah!o máis insustituible dos seres.»

Aire negro, de Agustín Fernández Paz, é un dos éxitos de novela da modernidade, como traduce esta 13ª edición, revisada polo mesmo autor. Narración con fantasía e terror, inclúe o amor tamén na corda bamba dunha intriga tensa que só no final permite ao lector que recupere o alento. Unha mostra máis do talento de Agustín, na mellor utilización dos recursos emotivos do discurso literario.

A verdade como mal menor, de Xosé Luís Martínez Pereiro, é o título dun conxunto de cuarenta e cinco relatos co que venceu o Premio Repsol 2008. Textos que pretenden unha focaxe tanxencial sobre o mundo, non só polo que supón arrimarse aos xéneros burlescos, nunha actitude proclive á sátira, a escatoloxía ou á obscenidade. Falo da pretensión de mostrar as posturas menos usadas polo cerebro, aquelas que lle permitirán pensar dun outro modo. Algo así como facermos ioga co pensamento, na procura dunha nova perspectiva: a postura do arado, por exemplo, mais non afectando á nosa coluna vertebral, senón facendo dobrar o noso modo de pensar sobre si mesmo. Un afán libertario que na literatura galega surxe talvez por primeira vez.

«Calquera localidade pode ser o centro do mundo; Xuan Bello fai, con emoción, que nestes textos o sexa Paniceiros. Coimbra, Tánxer, Nova York, Barcelona… todos collen en Paniceiros. As sete casas desta aldea asturiana gardan un espazo literario propio que Xuan Bello universaliza maxistralmente. É Historia Universal de Paniceiros unha das obras máis líricas e emocionantes que se escribiron nos últimos tempos».

Unha experiencia literaria no sentido máis aberto do termo, sin contemplacións sobre o estilo e a perspectiva. Unha reflexión sobre o universal e o local, o social e o individual nuns relatos escritos desde unha óptica moi particular. Non só Gide dicía que o que debemos escribir é aquilo que só nós somos capaces de levar ao papel, Herberto Helder tamén estaba convencido disto nunha das escasísimas entrevistas que concedeu.

Share

O portugués avanza na Extremadura… ou Extremadura avanza co portugués?

Cada vez que atopo, sen as procurar, noticias sobre o recoñecemento do portugués na Extremadura levo as mans á cabeza e bato con ela doentiamente contra a primeira parede que vexo. Por que na Galiza é tan difícil todo? Será porque a mesma esencia da galeguidade é algo irrecoñecíbel para os galegos? Debe ser iso o que non lles pesa aos extremeños españois: os que son portugueses gustan de o portugués ser recoñecido, e os españois achan interesantes hipóteses de negocio no alleo. No noso país alienado, ao contrario todo: o español, que é alleo, deséxase propio; o portugués, que é propio, trátase de alleo. E os portugueses que veñan han de imitarnos aos alienados, que como conversos á máis pura españolidade deben mudar as roupas do corpo e do espírito.

Os resultados son os que poden ver na páxina do Centro Integral de Cultura Portuguesa Rainha Dona Amélia, entre outros. Por que non é posíbel na Galiza que as distribuidoras encontren o modo de ofrecernos libro portugués de forma fluída? Temos que conformarnos coas mínimas edicións actuais de literatura internacional en galego, a unha ducia por ano, encanto nos bañan con millóns de edicións en castellano, esa lingua universal que falaron Xesús Cristo,  Madame Curie, Kirt Douglas,  Nefertiti, Copérnico, Xoana de Arco, Aristóteles, Lao Tse, Safo, Gandhi, Artur, Cleopatra, Moctezuma, os pigmeus, as tuaregues e os esquimós? E non esquezamos, embora recoñecendo grandes limitacións,  Tarzán.

Share

Mapeyé – Orquesta Criolla Nacional de Puerto Rico

Varias horas de espera no aeroporto madrileno antes de voar para as Baleares proporcionaron este encontro maravilloso con expertos na improvisación da décima. Nunha pequena conversa con eles, despois de que amenizaran o ambiente da terminal 2, para informalos de que acababa de retransmitilos ao vivo pola Rede, serviume para saber que se dirixían ao IX Festival de Cante de Poetas de Málaga. Ao saberen que era galego inmediatamente louvaron a arte dos nosos regueifeiros, con quen esperaban encontrarse no mesmo festival.

Recomendamos tamén outros espazos recomendados por estes músicos: http://decimania.com/; www.myespace.com/mapeye; http://www.youtube.com/watch?v=VYT-KnI6keQ

Share

Historia contemporánea da destrución da natureza, de Xurxo Pérez Pintos

Historia contemporánea da destrución da natureza en GalizaNon acostumo a ler ensaio medioambiental, mais neste caso teño que agradecer a recepción deste esclarecedor traballo  (xa recomendado por nós) sobre os porqués da natureza que temos na Galiza nestes momentos. Miña familia é toda de labregos se ascendo a dúas xeracións, e nunca tan claramente ninguén me tiña explicado como Xurxo Pérez Pintos que papel tradicional tiña o monte no sistema agrogandeiro galego e que grandes transformacións se deron nos últimos cen anos para que este rico país agrícola coxeaxe no ámbito vexetal, e paralelamente a pobreza, os abusos e a emigración fixesen do coxo un eivado auténtico. Quen lea este libro atopará nítidos argumentos para situar medioambientalmente no seu xusto lugar a concentración parcelaria, o roubo dos montes comunais e, por que non, aplicando a mesma fórmula, a estratexia dos gobernos de dereita no trato dos asentamentos do negocio eólico. Claves, razóns históricas e consecuencias loxicamente deducidas son os valores dunha obra breve que dispara ao miolo dun dos máis desatendidos recursos económicos do país. Aquí teñen algúns excertos:

«No século XIX desenvólvese o capitalismo no estado español. A organización política deste sistema supuxo un forte ataque á agricultura tradicional. A produción agrogandeira era unha actividade realizada en pequenas explotacións, orientadas ao autoconsumo, que vendían pouco e compraban pouco, que tiñan que satisfacer detraccións feudais pagadas principalmente en especies. O “soporte do sistema”, o monte, era propiedade das comunidades campesiñas … Aproveitando a indefinición legal dos montes, e utilizando o (sangrento) poder coercitivo, o franquismo proclamou, en 1946, unha lei que lles permitía aos Concellos (alcaldes e concelleiros eran, daquela, títeres do rexime franquista) rexistrar como da súa propiedade todos os montes da súa demarcación, sen probas documentais, só coa certificación do secretario do Concello. O latrocinio estaba feito … Un ano con outro, córtase en Galiza arredor da metade da madeira que se comercializa no estado español … Ao ser despoxado dos montes comunais, o campesiñado viu destrozada a base do sistema agrogandeiro máis estendido o que orixinou unha onda de emigración, derrubándose un estilo agrícola que dependía de, e coidaba, o monte … Repoboación forestal, desecación de humedais, encoramento de ríos, concentración parcelaria, foron actuacións do franquismo con forte repercusión medioambiental … O franquismo, coa súa duración, co seu poder represivo gañado nunha sangrenta postguerra, e coas súas extremas necesidades, nacidas do illamento ao que foi sometido un rexime con homoloxías cos fascistas, levou todo até o extremo. E ao non ser liquidado, como merecía, senón prolongar usos e persoas, ten feito presentes as consecuencias da súa existencia até o século XXI … Foi arredor de 1985 cando a macrofauna galega chegou ao mínimo … Do ubicuo bosque primordial non fican máis que uns miserábeis cerellos. Tendo en conta que esta é terra de bosque, non é exaxerado dicir que o risco máis definitorio da paisaxe vexetal galega actual é a ausencia de bosque, risco que comparte co resto da Europa occidental. Galiza é unha potencia forestal, pero non hai nela bosque natural.»

Share

Altamente recomendadas

invitacion-lecturas-de-poesia-en-caixanovaSon catro poetisas (con toda a honra o digo, pois non serei eu quen lles tirar o sexo) que encarnan a poesía máis recente con sólidos argumentos. Berta Dávila, poeta e narradora loureada como poucas. Susana Sánchez, escritora com uma língua literária extremamente poderosa, povoada de imagens apanhadas no abismo, versos de aço, brilhantes, polidos e firmes. Diana Varela co pragmatismo da deusa cazadora perscruta na floresta da vida as pegadas do esencial, capta o seu recendo, asinala as pegadas emotivas, ouve o frémito dos corazóns que procuran un lugar para a paz, aquela en que só o poema describe o mundo. Dores Tembrás destaca na precisa descrición sentimental, ao punto de distinguir as pequenas partículas de emoción que os ollares comúns non observan, porque sendo tan finas soben como o fume e se desagregan e sementan polo mundo, diminutas calcinacións daquilo que só consumíndose perdura.

Share