Biblos Clube de Lectores

Onte polo correo ordinario chegaron as encomendas feitas a Biblos Clube de Lectores, espazo no que hai un tempo merco libro galego, libro portugués e música, preferentemente. Nesta ocasión o lote consistía en:

Bos tempos para a lírica. A xeración de 1980, de Xavier Rodríguez Baixeras (Espiral Maior). «É un estudo exhaustivo, e ao mesmo tempo moi persoal, da escrita levada a cabo polos autores da coñecida como “xeración poética dos 80”. O autor analiza a obra de 11 poetas representativos dunha época particularmente “singular” da lírica galega contemporánea.»

Novas achegas ao estudo da cultura galega. Enfoques literarios e socio-históricos, edición de Olivia Rodríguez González e Laura Mariño Sánchez (Consello da Cultura Galega / Universidade da Coruña / AIEG). «Unha selección de traballos que pasaron, ademais da peneira do comité editorial, o cribeiro non menos rigoroso de seren postos en común, discutidos e refeitos polos seus autores durante os tres anos que mediaron entre o seu encontro na Universidade Federal de Salvador de Bahia (Brasil), co gallo do VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos organizado pola AIEG, e o momento presente, en que fixeron a última revisión antes de entregalos ao prelo electrónico.»

Medea dos fuxidos e outras pezas, Manuel Lourenzo (Biblos). «Conxunto de pequenas obras teatrais que permiten o seu disfrute como lectores e tamén a representación con sinxelas montaxes ao alcance dos afeccionados, escolares ou adultos.»

Totem, Fran Pérez “Narf” (Falcatruada). «Segundo disco de Fran Pérez, compositor e vocalista que ofrece baixo o marchamo de Narf a súa identidade máis sintética e acústica. Este traballo recolle melodías pop que dan forma a sons de todo o mundo.»

Share

Un conselleiro do que ninguén se fía…

As noticias desta semana están irremediabelmente tinguidas de malestar polas inverosímiles declaracións do Conselleiro de Cultura, procedentes sen dúbida do seu descoñecemento do que a cultura xa representa neste paisiño que non duplica en habitantes o distrito de Manhattan, un dos cinco da grande capital que o señor Varela debe coñecer algo, polo que vén contando.
Os primeiros en reaccionar foron os escritores galegos galardoados con Premios Nacionais de Literatura, auténticas institucións andantes a maioría, que non puideron calar ante as afrontas de quen asegura servir Galiza desde o goberno e pediron a dimisión do Conselleiro. Realmente non era de recibo que o máximo representante da cultura estime a galega ser “ensimesmada” ou se permita frivolidades insultantes semellantes.
A seguir, as reaccións da Asociación Galega de Editores foron igualmente contundentes e claras, como xa non podía evitar unha industria que pretendía ser prudente en tempos de crise. Mais un goberno obsesionado con deitar o trigo  sementado polo anterior e abertamente agresivo con toda especie cultural autóctona obrigounos a esixir as debidas rectificacións do Conselleiro polas súas palabras. Aproveitaron tamén a ocasión para lembrar os inxustificados mitos que a acosan en moitos foros, como a reiterada falsidade dun exceso de subsidios que os manteñen artificialmente boiantes, e lembraron publicamente que a promoción da lectura non constitúe necesariamente o proxecto estrela do ano senón un deber institucional reflectido nas leis.
Como aínda era pouco, a día de onte a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) apoiaron os escritores premiados a nivel estatal, lembrando por súa vez que “recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos”.
Véñenme neste momento á memoria os días posteriores ao 1 de marzo, cando Tati Mancebo e máis eu nos reunimos na Concellaría de Cultura da Coruña para anunciar a nosa sospeita de que o Culturgal 2009 non tería apoios da Xunta e que nós estabamos dispostos a axudar a erguer no seu sitio un evento que cubrise a falencia. No Culturgal de 2008, para alén dos lucidos investimentos do goberno, tíñamos percibido como nunca que o movemento cultural galego posuía unha enerxía con inercia propia, e que portanto aquela Feira das Industrias Culturais era visibelmente fundamentada nunha necesidade real da sociedade. Era a grande feira da cultura, e algo así non debía ser desatendido a partir dese momento. Así, o que foi unha arroutada afirmativa de poucos, recolleu na rede os apoios dunha cidadanía activa que non quería renunciar ao espello dunha cultura galega moderna, e unha institución pública, o Concello da Coruña, asumía de modo exemplar o cumprimento do seu deber de servicio. Sen pantomimas, sen protagonismos institucionais e co incalculábel apoio de moitas persoas que puxeron a camisola do AchegArte aquel fin de semana ou colaboraron desde a casa ou viñeron simplemente desfrutar en irmandade daquilo que inxustamente lles pretenderan negar. Porque debemos lembrar, paisanos e paisanas e non vasalos e vasalas, que o deber dos políticos da cultura non é comportarse como autoritarios señores feudais, senón estar á altura do que a sociedade culturalmente reclama. [..] (Ler máis en blogaliza.org)

Share

Que vén o libro electrónico

Tati Mancebo: «Hai semanas en que o libro dixital non produce gran cantidade de noticias, hai semanas en que as noticias se centran nos lectores de ebooks. A semana pasada Apple anunciou un evento de presentación sorpresa para o día 27 de xaneiro e a tinta comezou a rodar. Amazon presentou a oferta para autores venderen directamente os seus libros -pensando sobre todo nos títulos antigos, esgotados e descatalogados-, tamén presentou a súa plataforma, ao máis puro estilo iStore, onde os desenvolvedores poden crear e testar online as súas aplicacións, facendo ver que as acusacións de sistema fechado que se facían ao Kindle están lonxe de ser certas. Nestes dáis seguíronse anunciando novos lectores de libros e comezan a anunciarse para febreiro os primeiros tablets que poden cumprir as expectativas dos usuarios que queren reunir nun só aparello ordenador, navegador e lector cómodo de libros, con sistemas que combinan as pantallas a cores e as de tinta electrónica e similares. […]» (Ler máis en blogaliza.org)

Share

55 mentiras sobre a lingua galega, o 5 de febreiro no mundo enteiro

«A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o  obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.

Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.

Nos próximos días ofreceremos no noso blogue, http://prolinguagalega.org, cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español – Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro – Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague. Unha relación de puntos de encontro e presentación longa e aberta, pois a recepción a esta iniciativa por parte da sociedade está a ser altamente positiva e comprometida.» (ProLingua)

Share