A democracia, unha imposición intolerable

A dereita nacional-católica española en 1936 ergueuse contra a imposición. Entendeu que as decisións políticas dun goberno democrático en favor da maioría social, desde o momento en que supuñan unha diminución dos seus beneficios particulares, constituían un facto intolerábel. Como pode entenderse que unha parte da sociedade non acepte as decisións labradas en conxunto e se atreva a romper o grande pacto para submeter o pobo mediante a guerra e o terror?
Setenta anos pasaron e a sociedade, despois de camiñar durante decenios polas congostras da fame, o medo e o exterminio cultural, arribou a un cruzamento en que se contemplaban vías para a democracia de novo nacer. Un destes camiños encetados, tal vez unha simple corredoira de palabras humildes, foi o acordo para a normalización do galego. Precisaba este sendeiro dunha auténtica vontade de superar pozas, pelouros e lama, e nos últimos tempos un goberno de anceio progresista tomou como propio o reto de simplemente pór en marcha un decreto anteriormente aprovado por consenso. Mais de novo a dereita nacional-católica española mostrou a súa intolerancia coas decisións democraticamente tomadas. Porque a única normalidade lingüística que acepta é a do galego esmorecer en redutos permitidos a modo de reserva indíxena.
Todo isto débese a que os nacional-católicos non saben convivir en democracia; só chegan a discernir, doentiamente maniqueus, entre o que toleran e o que non. E intolerábel é para eles toda mudanza que os obriga a esforzarse por algo que non revirte en beneficio propio. Son deste modo egoístas e asociais. Nesta liña, a dereita non gusta de aprender linguas se non é para facer negocio directo, nin obedecer novas leis por respecto ás particularidades diversas do veciño. Por iso estivo e está en contra da lexislación do divorcio, do aborto, do matrimonio homosexual, da dignificación das culturas autóctonas, da igualdade de sexos e do laicismo estatal. Porque non acepta calquera cousa que poña en dúbida a súa proeminencia social.
En definitva, os nacional-católicos españois non aceptan a reforma da vella sociedade franquista conforme a unhas necesidades novas que eles son incapaces de ver. O inmobilismo é a súa estratexia, aferrados aínda á mesta capa de imposicións con que Franco abonou España para cultivar o ermo en que só a dereita florece.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.