Existe un conflito, mais é institucional

Ao final si temos que recoñecer que existe un conflito grave nesta sociedade, mais non é de carácter lingüístico: é institucional. E pon en causa mesmo a vontade democrática do goberno galego. Diríamos, despois de observar os meses de mandato do PP, que chegaron ao goberno para actuar como señores da terra, como se os cidadáns fosen vasalos a traballar unhas leiras emprestadas. Do noso traballo, suado día após día, temos aínda de dar os inxustos dícimos para a construción do grande túmulo da cultura galega, cando os proxectos de hoxe, aqueles que están en marcha e sachan o noso futuro, son abandonados polo apoio institucional. Semella que recaudan impostos sanguinarios para logo nos ofreceren morcillas a comer. É isto futuro? Isto ten outro nome: canibalismo encuberto ou aniquilación premeditada.

Os esforzos de institucións culturais e de ensino, e aqueles tan populares que deron en manifestacións tan rotundas como as tres catedralicias xuntanzas e a cultural AchegArte, produciron nese goberno un movemento cara a retagarda. Porén, isto non debería ser a guerra, nin os gobernantes seren enemigos da ponderación e do benestar social. Din hoxe desde o goberno, ante o rexeitamento social abrumador do pobo, que se mateñen “fieis aos seus principios” , aínda que polo momento afrouxen a corda con que pretenden esganar  o patrimonio cultural do país. Que desculpas son esas de que “eu non estaba aquí nese momento”? É que agora, coas mans tinguidas e a arma do delito na man, pretenden eludir a culpa cunha infantil cohartada?  Ergueron un pretendido decreto do ensino dando as costas aos profesionais do sector, isto é, sen autoridade pedagóxica, e agora van mudar a proposta porque a protesta popular os puxo a eles mesmos en causa como gobernantes. Só reaccionan ante o medo a unha estampida que os poda pisar, eis uns “principios”  carentes de criterio técnico, os únicos que albergan as súas mentes sedentas de poder […]. (Ler máis en blogaliza.org)

Fotografía: un enorme bolo de chapapote que esta fin de semana expectorou o mar na praia de Valcovo, en Arteixo.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.