Catherine François e a súa árbore ausente na Feira do libro da Coruña

El árbol ausente, de Catherine François, é un exemplo moi apropiado para aqueles que, ben por falta de referentes literarios sólidos ben por teren ficado atordoados nunha época de permanentes “achados” estéticos, boian sobre os sistemas literarios sen saber para onde se dirixen as correntes das boas obras. Edificada sobre as lembranzas da infancia, esta novela de 120 páxinas demostra que existe unha incomún maturidade que permite comprender a infancia na súa verdadeira potencia, aquela que permite experimentar a vida cunha intensidade sabia, afastada da hiprocrisía, do hábito vacuo, do amor como costume e do traballo como unha escravitude tolerábel.

A infancia como un modo intenso, sincero e valente de enfrontar a vida. O coñecemento indutivo que tanto ofende o tópico católico da vida como lugar de purga ou dor necesaria. Un modo que, ao tempo, nos mostra a importancia do mito e o valor real dos misterios que xamais nos abandonan: o abismo insondábel do lago, a morte súbita que reservan incógnitas bombas da guerra mundial, a escuridade do submundo nos corredores infrecuentados dos edificios, as identidades de persoas descoñecidas… Paralelamente, a reflexión sobre a creatividade que nos ofrecen as semellanzas excesivas dos predios, recipientes idénticos para vidas diversas en experiencias domésticas, ás veces coincidentes, sempre irrepetíbeis. O que temos de humano fainos comúns, mais o modo de desenvolvernos convértenos en diverxentes. Partimos do mesmo lugar, partillamos os mesmos espazos e porén camiñamos por sendeiros que aleatoriamente se aproximan e afastan.

Se ben as vidas da xente do bairro constitúen de partida un argumento  de cadro costumista, isto logo se revela o recurso principal para o destaque dunha lingua literaria puída como poucas en que cada frase, cada parágrafo e cada capítulo semellan ter sido medidos en lonxitude e altura poética cunha mestría que, avanzaba no inicio da reseña, nos lembra cal é a técnica perenne da escritura literaria. A necesaria compensación de recursos poéticos (o símil , por exemplo) con descricións carentes de retórica, a ausencia de reiteracións, o equilibrio entre o subxectivo e o realista…

Orixinalmente en francés e agora con tradución e prólogo de Santiago Auserón, esta edición (Demipage) será presentada pola autora, o tradutor e a nosa colaboradora Tati Mancebo o luns 2 na Feira do libro da Coruña.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

2 thoughts on “Catherine François e a súa árbore ausente na Feira do libro da Coruña

  1. Pingback: Onde está o xornalismo hoxe? | O levantador de minas

  2. Pingback: Onde está o xornalismo hoxe? | O levantador de minas

Comments are closed.