Milpedras: litografía, música e poesía


Milpedras: Un recital de altura, unha música cativadora e un contexto artístico e artesanal de ensoño. Só era preciso xuntar unha compañía adecuada para a vontade de repetir xurdir como unha substancia adictiva consumida desde tempo inmemorial para solaz dos corazóns sensíbeis.

Share

Roteiro literario por Lóuzara 2010

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/LyPOyC5oWhg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Share

Historias de ultramar: Pepito 'O Peinado'

Pepito “O peinado”

Manuel Mancebo Batán (diante)

Por volta dos anos 1870 na vila de Palavea -hoxe Concello da Coruña e antigamente Municipio de Elviña- vivía unha moza chamada Micaela Batán Vázquez. Era unha muller sen escola, como tantas da súa extracción social, que tiña conseguido un posto na fábrica de tabacos da Coruña. Camiñaba de luns a sábado seis quilómetros de ida e seis de volta, paciente e constantemente, para ao final do mes recibir un xornal e unha cantidade de tabaco coa que facía algún troco necesario. Era, na altura, unha situación económica nada desprezábel.
Micaela tiña un mozo a cumprir o servicio militar en África, do cal recibía cariñosas cartas coas que ambos pretendían vencer a distancia. Porén, a memoria periódica daquel soldadiño tristemente afastado en terra de mouros precisaba da axuda dun intérprete, dado que a cigarreira non sabía ler. Na vila de Palavea esta función cumpríaa habitualmente José Mancebo Catoira, por outro nome Pepito “O peinado”, de profesión “pendolista”, quen por regra se dedicaba á redacción de documentos e á asesoría epistolar dos que estaban faltos de instrución. Foi Pepito, nesta circunstancia, requirido para ler as cartas do soldado e redactar as respostas da Micaela unha e outra vez, até que o rapaz foi tomando conta do valor da súa traballadora aínda que iletrada veciña. Interesado máis e máis cada día por aproximarse a aquela muller que o destino lle poñía ao carón, dispúxose a asegurar estratexicamente a súa posición e comezou a distorsionar as mensaxes dela mostrando un progresivo desprezo nas cartas dirixidas ao mozo ausente. Finalmente, a batalla oculta chegou ao seu termo cunha definitiva detonación nunha carta versionada habilmente polo calígrafo; a cigarreira, sen ela mesma o saber, naquela carta comunicaba ao triste soldado: “Mais nada quero de ti. E como aparezas por aquí escánchote como a un xurelo”.
Non será preciso observar que faltaron máis cartas entre Palavea e o exército español en África, e que Pepito “O peinado” atopou a porta franca para conquistar o corazón de Micaela. Mais o sangue, como a auga das marés, non cesa de bater no cantil da carne até que xorde a espuma da vida. Así foi que na praia partillada por Micaela e Pepito o mar da paixón deitou un fillo, Manuel, que había de enfrontar a necesidade de traballo que seus pais, entre follas de tabaco e papel, nunca sufriran.
Manuel Mancebo Batán naceu en Palavea por volta de 1880 e casou con Elisa Paz García, de Monelos, daquela Municipio de Oza e non da Coruña, como na actualidade. Chegados catro fillos ao mundo, o matrimonio dispuxo a aventura do pai nos recursos migratorios, e o destino foi claro: La Habana, unha cidade en que os galegos tiñan progresado a principios do século XX como en poucos lugares do mundo. Se arredor de 1880 os galegos habaneros falaban de crear un “Ateneo Gallego”, sen dúbida seguindo os modelos das maiores cidades do país de orixe, a principios do século seguinte contaba o Centro Gallego de La Habana con dez mil asociados e un local social que resultaba ser en verdade un magnífico palacio no mellor espazo da cidade, onde os fillos dos emigrantes eran ensinados por competentes profesores; onde se celebraban espléndidas festas e grandiosos bailes para milleiros de persoas; con servizos de pasaxe para a repatriación daqueles paisanos máis morriñentos que precisaban dos aires patrios por prescición médica. O centro galego, como nos lembrou o escritor Xavier Alcalá, estaba tasado en 2.000.000 de pesetas e os seus ingresos anuais ascendían a 1.000.000 de pesetas, útiles para prestar multitude de servizos e conservar e aumentar a propiedade… Titularidade do Centro era tamén a Casa de Salud “La Benéfica”, que anos máis tarde albergaría o Palacio de la Cirugía, sen dúbida un dos servizos de atención médica máis adiantados do globo.
A este mundo industrializado e moderno chega Manuel, deixando atrás a Galiza que a duras penas abandonaba os lastros do Antigo Rexime. Deseguida arranxa traballo e se establece como operario da industria do calzado, co oficio de cortar as pezas de pel dos zapatos que viste por coleccións, a xogo cos traxes. É unha vida que lle permite mandar diñeiro durante uns dez anos, ao punto que consegue sufragar a construción da nova casa familiar en Monelos, no número 109. Da súa aventura cubana a familia conserva un baúl completamente forrado con billetes de lotería, case todos co número 17.168; no fondo obsérvase o recibo dunha póliza do Centro Galego de La Habana. En canto ás fotos que se conservan, os seus descendentes de hoxe unanimemente estiman que, a pesar do peso que a distancia da familia impuña, nas fotos de Manuel en Cuba se revela a luz de quen tiña abandonado a lama da súa terra para experimentar o que imaxinaba como un luminoso futuro.

Fotos de A. F. sobre obxectos da familia: Manuel Mancebo Batán (diante); o baúl de Manuel; detalle do baúl: póliza do Centro Gallego de La Habana; detalle do baúl: décimo de lotería.

[Este relato foi publicado por Alfredo Ferreiro na revista Gal(l)egos nº9, para a nova sección “Historias de Ultramar“.]

Share

Historias de ultramar: Entre indios charrúas e divas da zarzuela

Historias de Ultramar

Esta que agora comeza é unha nova sección que tentará divulgar as vicisitudes dos nosos emigrantes, familiares e amigos, por medio do relato das súas aventuras nacidas da necesidade e a ousadía. Quen non escoitou historias reais e non por iso menos sorprendentes en contextos como selvas, desertos, mares ou loucos ventos? Historias con frecuencia difíciles de crer, que tantas veces converten o humilde e común protagonista nun novo Ulises, nacido para superar as probas máis difíciles. Porque todos sabemos que onde exista o limite do desarraigo, do impacto do exótico, do traballo sen descanso ou do esforzo nun contorno hostil, aí emigrou un galego.

Se a mellor ficción literaria implica unha reflexión profunda sobre o destino, estas Historias de Ultramar, sendo realidade pura, poderían ben ser a descrición do destino mesmo. Desta perspectiva, a sección ofrecerá historias reais, sorprendentes mais relatadas con mínimo adubo, e sempre temperadas pola pluma dunha man experta. Sirvan como inicio estas primeiras transcritas pola miña, con certeza facilmente superadas en arte polos escritores de próximas entregas.

Foron as historias que agora ofrecemos recollidas da boca precisa e a memoria lúcida de María Elisa e Julio Mancebo Moreiras, naturais da Baiuca, lugar orixinario da vila de Arteixo, na provincia da Coruña; as fotos foron fornecidas pola familia; o tratamento dixital das mesmas debe agradecerse a Antonio Iglesias Núñez.


Entre indios charrúas e divas da zarzuela

Cara os anos sesenta do século XIX José González Mes, veciño de Arteixo, colleu un billete de barco na Coruña por valor de cento cincuenta pesetas. As débedas da familia, contraídas a consecuencia da compra dunhas fincas que fixera o seu pai, depositario dos fondos municipais, obrigábano a aventurarse nunha viaxe transatlántica con término no Uruguai.
Este país, oficialmente independente da Coroa Española trinta e dous anos antes, ofreceulle traballo nunha das grandes quintas do interior, en labores necesarias para unha importante propiedade dedicada aos gandos bovino e equino. Deste modo o ousado galego traballaba xa a moitos quilómetros da súa terra, e mesmo a tantos da capital uruguaia que, segundo se conta aínda hoxe na familia, o pan chegaba no ferrocarril cada quincena. Mais a vida nese xoven estado uruguaio era aínda insegura a causa das accións de pillaxe dos indios charrúas, unha comunidade nómade que sufría desde había séculos a constante apropiación da terra e os intentos de exterminio por parte dos colonizadores hispanos e os seus descendentes. E tanto era o risco por este conflito social, que nunha ocasión os indios atacaron a propiedade e varios traballadores, entre eles José, foron capturados.
Uns anos máis tarde da chegada de José, as súas irmás María e Carmen tiñan arribado tamén a Montevideo para buscar traballo. Pediran dez mil pesetas para a viaxe, e probabelmente despois de alixeirar algo as débedas familiares cruzaron o Atlántico con non menos valentía e capacidade que o irmán de ambas. Carmen sempre destacou polo seu sentido común e unha sólida e luminosa intelixencia. Aínda hoxe a xente lembra en Arteixo como, xa avellentada, recibía calquera que lle pedise consello sobre un litixio, un acordo incumprido ou un requisito legal: baixaba do piso, inclinábase sobre o mostrador da tenda sostendo a súa face na palma da man e solicitaba calidamente a exposición do problema: “A ver, cónteme vostede que aconteceu, amigo…”.
María, pola súa parte, sempre destacou pola elegancia natural e o trato fino e considerado, algo que sen dúbida a ía axudar a atopar traballo no Uruguai. Estas cualidades deberon propiciar que fose contratada como camareira da famosa artista Dolores Franco de Salas, unha grande señora da Zarzuela madrileña que triunfara en toda España e se atopaba de xira por América. La Franco, como era coñecida polos amantes daquel xénero que destronou a ópera italiana na segunda metade do século, foi aplaudida sen cesar durante seis lustros e máis de cincuenta anos despois aínda os bebés eran arrolados con versos da súa interpretación máis celebrada como Paloma en El barberillo de Lavapiés, composta por Francisco Asenjo Barbieri sobre libreto de Luis Mariano de Larra: “¡Ay, mamá!, ¡qué noche aquélla! / cuando el falso me decía…”
É curioso comprobar, entre o vocabulario galego recibido polo español das Américas, como a palabra “charrúa”, de orixe incerta, ten varias acepcións na lingua da Galiza, como as que referencian un tipo de arado ou o modo tradicional de disfrazarse no entroido de Allariz. No entanto, as concomitancias lingüísticas non deberon ser suficientes para que José convencese os indios da súa liberación. Moito ao contrario, a situación atinxiu momentos realmente preocupantes cando o celo dos indios era maior: un seu compañeiro preso, coñecedor de palabras indíxenas, chegou a escoitar aos indios que se fuxían lles contarían as plantas dos pés.
Cando coñeceron Carmen e María a desaparición do irmán, unha das estratexias que adoptaron, despois de procuralo arduamente, foi publicar un anuncio nos xornais para tentar que alguén chegase con noticias á súa morada na capital. Ninguén sabe canto tempo estivo José en cativerio nin canto tardou en liberarse, mais o galego conseguiu finalmente fuxir e unha vez libre debeu atopar o anuncio impreso que había de deseñar na súa face o máis puro xesto de tenrura fraternal. Semanas máis tarde, alegre e ansioso aínda que descoñecido por unha barba asilveirada, José chegou a Montevideo e puido abrazar de novo as súas irmás.
Carmen e María voltaron despois de dez anos de experiencia uruguaia. José casou e tivo un fillo, e máis nada se soubo del.

Foto: fornecidada pola familia; María (en pé, primeira pola dereita) e Carmen González Ames (segunda, sentada).

Gravura: Dolores Franco de Salas, segundo a revista Blanco y Negro de 30/01/1927, p. 69.

[Este relato foi publicado por Alfredo Ferreiro na revista Gal(l)egos nº9, para a nova sección “Historias de Ultramar”, creada por el mesmo.]

Share

Que é o xornalismo hoxe?

Eu estaba alí, eu mesmo estiven próximo da idea inicial e da organización da presentación da obra de Catherine François na Coruña. Coñecía as dificultades de tempo que a autora e o tradutor, seu cónxuxe, superaron para viren promocionar o libro dela na cidade. Eu fixen fotos e gravei vídeos. Eu estaba alí.

Por iso me sorprende tanto que o título da reseña e o texto lle outorguen moita maior relevancia ao tradutor e prologuista, por outra parte divino cantante, letrista extraordinario, teórico da música sorprendente, conferenciante inspirado, crítico perspicaz e sólido intelectual… que non presentaba ningunha obra propia na Feira do libro. Del realmente poucas referencias dispensou La Voz de Galicia cando o músico comandaba A Coruña Son, este obradoiro de canción cunha fórmula inédita en España, e ningunha xa cando descubriu que tal evento era respaldado por unha concellaría con persoal nacionalista a traballar. De nada servíu que A Coruña teña visto nestes últimos anos que a Cultura existe na política municipal para alén das touradas, os músicos anglófonos, o teatro español e a ópera italiana. Quen non ve na cultura coruñesa como creceu a demanda a base de oferta autenticamente galega, aquela que nos permite relacionarnos con escritores, pintoras, ilustradores, cineastas, escultoras, bailarinos, actrices, editoras e tantas persoas que ao noso carón alimentan o seu talento con esforzo perante unha política institucional que llo quer deixar morrer de inanición…

…Quen non quere ver a realidade social non a ve, mais que despois non anuncie que o seu traballo é  un baluarte das liberdades públicas. Evidentemente, estas actitudes non  permiten un xornalismo digno, aquel que conta o que acontece para que o que ignora pase a saber, aquel que debemos apoiar porque non debe desaparecer. A diva desta festa foi Catherine François coa súa obra El árbol ausente, unha noveliña dunha sensibilidade tal que semella antes unha esencia literaria, un produto de bouttique ao que só os moi exixentes, aínda que sen vaidades económicas, poden acceder.

Se cadra o/a xornalista que acudiu referenciar o evento tivo que actuar así perante a insensibilidade dun seu superior. Se cadra un superior fai o que pode para mostrar a diferenza ao xornalista entre o xornalismo cultural e o xornalismo rosa, sen resultados polo momento. Nada sei dos porqués, recoñézoo, e aínda por cima nin xornalista son, así que mellor debería recomendarlles que especulen polos seus propios medios.

Share

Feira do libro antigo e de ocasión da Coruña

/>
2008 – 74 páxs. – 3 € 1985 – 286 páxs. – 4 € 1974 – 304 ps. – 3 € 1941 – 216 páxs. – 2 €

[Feira do Libro Antigo e de Ocasión da Coruña]

Share

Blogaliza acollerá a maior comunidade online da diáspora

Debido á carencia de recursos da asociación Fillos de Galicia, hoxe asinouse un convenio de colaboración que permitirá integrar a comunidade Fillos.org en Blogaliza.

«A empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza, ven de asinar un convenio de colaboración coa asociación responsable da maior comunidade online da diáspora, Fillos.org, que conta xa con case 7 mil usuarios rexistrados. Grazas a este acordo evítase a desaparición deste proxecto histórico da Internet galega, que naceu en 1997 como ponte entre Galiza e os galegos do exterior, nomeadamente fillos e netos de emigrados. A falta de recursos económicos, agravada tras a cambio de goberno na Xunta de Galicia, e a carencia de persoal técnico capaz de xestionar unha rede social en continua expansión levaran á asociación Fillos de Galicia a facer un chamamento tras outro para acharen quen continuase co proxecto.
Aínda que estes chamamentos fracasaron e algúns medios apresuráranse a anunciar a morte do proxecto, abriuse unha derradeira oportunidade da man da consultoría tecnolóxica Algueirada: o traballo de actualización do portal Fillos.org realizado cos últimos recursos da asociación, facilitou a compatibilidade técnica con Blogaliza, o coñecido servizo ofrecido por Algueirada.

Deste xeito faise posible a supervivencia do proxecto, que agora fará parte de Blogaliza, quedando outros coñecidos proxectos de Fillos de Galicia como Atopadoiro.org fóra do acordo e baixo a xestión directa da asociación, xa cun custo moito menor. Os responsables de ambas organizacións felicítanse polo acordo e agardan poder sentar así as bases para novos proxectos a prol da cultura e a lingua galega no exterior.»

Vía Blogaliza.org.

Share

‘Settecento’, de Marcos Calveiro, na Feira do libro da Coruña

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Wq8MQlzM3-c" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Share

‘El árbol ausente’, de Catherine François, na Feira do libro da Coruña 2010

Share

Feira do libro da Coruña 2010

03-08-2010 ~ Presentación de Settecento, de Marcos Calveiro (Martin Pawley, Marcos Calveiro e Manuel Bragado):

03-08-2010 ~ Xosé Manuel Pereiro e Ghanito fedellando antes de acudir a unha presentación literaria:

02-08-2010 ~ Presentación de El árbol ausente, de Catherine François (Catherine François, Tati Mancebo e Santiago Auserón):

Share