Dez anos de culturagalega.org: entrevista a Alfredo Ferreiro

Membro da Sección de Crítica da AELG, blogueiro, poeta, dinamizador cultural. Alfredo Ferreiro está a se facer un nome imprescindible no panorama das letras do noso país. Cun traballo incansable a prol da integración das novas tecnoloxías na nosa cultura, é responsable dalgún dos proxectos máis anovadores neste campo nos últimos anos.

¿Cando coñeciches o portal?
Supoño que cando comecei a mover pola rede como usuario principiante, cara a 2005 sería.

¿Como o ves na actualidade?
O portal debeu nacer enfocado orixinalmente como un interesantísimo e indispensable aglutinador de noticias, pero hoxe é moito máis. É un medio de comunicación completo dedicado á cultura. As reportaxes que aparecen seméllanme insubstituíbles, e que se poidan consultar na hemeroteca, un luxo.

¿Que pensas que lle falta?
Sen estudalo a fondo, semella que falta implicar máis ao usuario, ser máis interactivos. Non sei se cómpre tanto unha configuración propia por intereses, porque todo lle pode interesar ao leitor que quere saber da cultura, pero si se podería promover mais a participación.

¿Hai algún servizo que empregues habitualmente ou algún contido que lembres de xeito especial?
Eu onde me fixo mais é no que ten que ver co libro, a edición… Paréceme que o catálogo de libros é tamén unha ferramenta moi valiosa ao final de ano. Para min, como membro da Sección de Crítica da AELG, é unha ferramenta que me axuda a ollar o publicado e logo ademais a ver bastantes recensións. Ogallá houbese máis, que xa hai moitas, pero paréceme que permite unha análise do ano enteiro que non hai noutro lugar.

Vía Dez anos de culturagalega.org: Cos ollos dos usuarios – culturagalega.org .

Share

XXVII edición de Galeusca, esta semana na Coruña

Axenda cultural AELG: «Organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.
As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n.) da Coruña, baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.
O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio. Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa […]».

Share

A RAG terá un soño de orzamento

“Saír da precariedade” | Galicia Hoxe : «Os deputados galegos conseguiron introducir un paquete de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que suporán, entre outras cuestións, que a Real Academia Galega(RAG) dispoña de 800.000 euros para o 2011. Así, a partida prevista inicialmente -200.000 euros-, incrementouse de xeito que queda máis preto do que recibirán as súas homólogas, o Institut d”Estudis Catalans-976.000- euros, e o Euskaltzaindia -1.137.000- ou a Real Academia Española -que recibiu 3.700.000 euros no 2010-.[…] A Real Academia Galega recibirá tamén, para o 2011, unha partida de 135.390 euros dos orzamentos da Xunta de Galicia para Política Lingüística […]»

Máis recursos e os académicos máis activos dos últimos tempos, a ver a fórmula en que dá.

Share

Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación

ASPG::Asociación Socio-Pedagóxica Galega: «No ano no que se celebra o centenario do nacemento de Carvalho Calero queremos achegarnos a súa vida e obra tanto dende a súa faceta literaria como da propia historia, cunha orientación didáctica que permita elaborar materiais de aula a partir dos relatorios e as actividades posteriores». Ler aquí o programa do evento.

Reflexión sobre dous aspectos do “cainismo galego”:

1. O día que respectemos a lingua seremos un país con futuro.

2. O día que recoñezamos o labor de Carvalho seremos un país adulto.

Share

Solicitan o galego ser lingua preferente nos portátiles das escolas

Código Cero: «As aulas do sistema educativo galego están neste intre en proceso de informatización, en boa medida a través do proxecto ABALAR da Consellería de Educación, unha iniciativa que entre outras cousas inclúe a distribución de milleiros de ultraportátiles para o noso alumnado. Pois ben, dada a importancia da medida para a aprendizaxe dixital de centos de miles de rapazas e rapaces do noso país, e dado o necesario que é contribuír a identificar a nosa lingua coa vangarda da comunicación e do lecer (co fin de preservala), diferentes colectivos galegos están a pechar fileiras arredor dunha petición común: a inclusión do noso idioma como lingua preferente na configuración dos devanditos ultraportátiles.[…]».

Máis información en Ciberirmandade da Fala e Galicia Confidencial.

Share

Dez anos de culturagalega.org: entrevista a Tati Mancebo

Tati Mancebo

«Desde o seu traballo en Algueirada S.L., Tati Mancebo fíxose nos últimos anos un nome por dereito propio no campo da xestión cultural. Para alén de coordinar diversas actividades e eventos, está a ser recoñecida como unha das grandes especialistas no libro electrónico no noso país e na aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación á cultura.

¿Cando coñeciches o portal?

Non me lembro, preo tranquilamente na altura de 2003, eu creo, cando puxemos itnernet na casa.

¿Como o ves na actualidade?

Véxoo moi ben. É un sitio onde sabes que non se van pasar por alto un monte de cousas. Que vas atopar a maior parte da oferta da vida cultural. Nese sentido é un sitio de referencia.

¿Que pensas que lle falta?

Falta a posibilidade de que os lectores poidan subir contidos. Sería importante que puiden participar de xeito activo e achegar eventos ou semellantes.

¿Hai algún servizo que empregues habitualmente ou algún contido que lembres de xeito especial?

Sempre o leo por feeds, e hai bastantes meses que non entro directamente na páxina. En particular emprégoo para seguir a programación cultural. E logo moitas veces, entérome de cousas que non teño nin idea, moitas veces polas reportaxes sei de proxectos, actividades e grupos que fan cousas e que non coñecía.»

Vía Dez anos de culturagalega.org: Cos ollos dos usuarios | culturagalega.org | O portal da cultura galega.

Share