‘nós escoitando o badalo de marienplatz’, de Eli Ríos

Na Praza de María, unha praza incógnita dedicada a unha señora que ben podería pasear calquera rúa do mundo con zapatos apresados e brillantes, soa un badalo que só nós escoitamos desde a casa. Nós, é dicir, o eu deste poemario e os seus mundos interiores, desde a súa propia atalaia a esculcar un terreo ermo, agreste, reflexo irónico dun baleiro psíquico (hai baleiros da alma / escondidos / nas pregas escuras / das nubes) que se alimenta do estatismo dunha vida fundamentalmente caseira. Unha sorte de furado negro que se engole a si mesmo, ou unha eterna ouróboros que, reconcentrada en si mesma, impide a conquista do espazo exterior así como o éxito que a exploración comporta.
O rexeitamento da vida no exterior, por veces tan intenso como se da vida nun planeta lonxincuo se tratase, é en primeiro lugar apoiada pola importancia da vida doméstica. Así, calquera elemento do cotián é resaltado cunha importancia de nivel existencial: a cama, a almofada, o cobertor, a barbeadora, o pixama, a persiana, a xanela, o ferro de pasar, os pantalóns, o cuarto, en definitiva lugares de reflexión e ferramentas que participan da enerxía que lles outorgamos á hora de cada noso acontecemento vital. Si, cada xesto como unha escena da existencia que a poeta describe fotograficamente nos seus trazos esenciais, sen demasiado detalle nin enfoque preciso, porque o que pretende representar é, mediante unha serie de fotogramas domésticos, a abismal profundidade da existencia. Desde a tona da vida, os abismos emocionais que bulen irrefreábeis.
A vida representada aquí non precisa da aventura exterior para mostrar a batalla psíquica universal, aquela que mediante os grandes mitos foi elevada a relato da tradición. Nesta liña ancestral, non se escatiman referencias revisadas ao paso do tempo (reloxos / tictaqueantes / mostrando pingas / enxoitas), á perda do que a memoria non conserva (recordos / falseados / na imaxinación), ou a unha “infancia gasta”, que por ser tal xa non é recuperábel por moito que doa a perda dese suposto paraíso perdido. Nada fica máis que o agora, e a reflexión que devén por isto produce melancolía (arrincando /a melancolía /das despedidas), a loita permanente polo equilibrio (loitando / no orballo / por non caer) e contra a hipótese do suicidio (non sei quen canta / as cancións / dos suicidios nocturnos; o libro / no canto / da mesa / de noite / relata suicidios adolescentes) ante a inmensidade do mundo e as opcións minimizadas dunha simple mortal. Chorar a perda é talvez unha acción positiva, porque impide que arrefeza completamente o corazón (recolles o / sal do teu rostro / e esperas / que saia o sol).
Existen, completando os acios simbólicos do libro, algunhas dicotomías que apoian a tese principal do seu imaxinario: o conflito entre o eu e o mundo. Neste sentido, a oposición entre a casa e a rúa resultan paralelas das correspondentes ao ti fronte ao eu, os cancetíns fronte aos zapatos ou mesmo, nunha das deslumbrantes imaxes poéticas que nos ofrece, a tinta fronte ao leite (as sobras / da tinta escrita / no papel mollado / baixo o leite / do gato). Hai, portanto, un evidente enfrontamento de conceptos con valor simbólico que remiten, como nos tempos dos grandes mitos, aos procesos necesarios de harmonía persoal, por moito que se adoben coa descrición dunha vida moderna en que figuran a televisión e o cinema (greta / ollar candente), a banda deseñada (somerxo a loura / de lichtenstein / no caldeiro), a literatura (a rima / cesariniana; os andares tripeiros / do euxénio), os estudos de filoloxía (sememas, monemas, fonemas, lexemas) e a música (os sidonie rexouban cos siniestro).
Mais se ben o tema tratado é, se me permiten dicilo así, tradicional, a forma de presentalo constitúe o fornecemento realmente substancial do libro. Falar do momento escaso en que acontecen os mínimos xestos da vida diaria sería simples labor de ourive se non presentase máis fondo significado, e resulta que con esta proposta nos obriga a unha inusitada reflexión sobre o tratamento do tempo en poesía. Efectivamente, estes “trechos de vida” que escolle a autora para as descricións son de tal modo reducidos que o tempo semella non progredir, provocando unha sensación permanente de estatismo. O suxeito non só se nos mostra como entrando permanentemente en conflito coa falta real de acción no plano semántico, senón que na sintaxe profunda do texto o tempo tampouco corre, sendo unicamente a enumeración de xestos, percepcións e emocións aquilo que na esencia o libro nos “conta”. Deste modo, fronte ao eixe da diacronía ou da narración, aquel que nos transporta dun principio a un fin através dunha cadea de situacións que podemos imaxinar dispostas nun plano horizontal, a obra de Eli Ríos nos remite ao plano sincrónico unha e outra vez, textualizando situacións precisas con valor emotivo mais non activo, procesos mentais e resolucións persoais que non levan a ningunha parte porque son en si mesmos o obxectivo poetizábel (para reafirmar /que penso e existo / tamén na penumbra). E igual que a estrutura profunda a forma máis exterior: os versos están compostos por moi poucas palabras e dispostos de tal modo nos poemas que estes resultan visualmente columnas case perfectas, o que apoia tamén, aínda sen pretender constituírse en poemas visuais, a verticalidade que simboliza o valor axial sincrónico, non por casualidade explícito na obra (esa figura / reflexa / que rexouba / no plano / sincrónico). Unha forma asombrosamente útil para describir textualmente a existencia sen usar a narración, para mostrar o ser sen o seu facer.

Prólogo de Alfredo Ferreiro a nós escoitando o badalo de marienplatz, de Eli Ríos (Espiral Maior, 2010)

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

2 thoughts on “‘nós escoitando o badalo de marienplatz’, de Eli Ríos

  1. Pingback: As crebas » Presentación en Compostela de tres libros da colección de poesía erótica Caldeirón

  2. Pingback: nós escoitando o badalo de marienplatz, de Eli Ríos | Crítica literaria

Comments are closed.