‘Versos fatídicos’ xa na rúa

Felizmente, veu á luz o meu libro Versos fatídicos (1994-2010), nas Edicións Positivas do tan modesto canto perspicaz Paco Macías, a quen a cultura galega, e agora eu mesmo, tanto lle debemos. Non esquezamos que na súa altura foi o editor que prestou atención ao poeta máis moderno -post ou ultra, tanto fai- das letras actuais, recoñecido este ano no Día das Letras Galegas con tantas honras que, aínda que sen dúbida merecidas, o habían de sorprender se soubese delas.

Mais non editou Positivas unicamente con bon criterio unha vez, senón polo contrario infinidade delas: Apollinaire, Whitman, Ginsberg, Safo, Bukowski… para alén doutras necesidades da modernidade (Pereiro, Ronseltz, Reixa, Outeiriño…) e da postmodernidade (Iglesias, Reimóndez, Gómez Pato…). Mais onde se luciu foi coa publicación de Construcións de Eduardo Estévez; sen entrar nun debate xa pasado, foi un acerto que a obra a que o xuri inicialmente tiña concedido o Premio de Poesía González Garcés fose atendida e viñese a ser publicada. Mais unha vez, quen mostrou a súa vontade de servizo á poesía foi Positivas.

Hoxe teño a honra de ver os meus textos publicados nesta louvábel editorial, se cadra con menos méritos que os que defenderon títulos anteriores. No entanto, teño que valorar o inspirado prefacio que escribiu François Davo para a ocasión, así como as sorprendentes ilustracións dun artista oculto para moitos nas Mariñas, Alberto Esperante. Tamén recuperei un deseño fantástico de Juan José Nieto que acompañou un texto meu nos noventa, cando a participación nun Bestiario da artesanal Edicións do Dragón.

Versos fatídicos é unha colectánea de poemas inéditos e outros agora versionados con moita liberdade, na súa maioría escritos en portugués ao longo de dezasete anos. Non entraron ningún dos publicados outrora nas antoloxías e nas reflexións críticas referidas á poesía dos noventa, se cadra debido a que a crítica considerou que a lingua os afastaba do sistema literario galego. Hoxe, tal como daquela, estimo que o galego é en esencia a mesma lingua tanto se escrito con grafía española canto coa histórica: a nai dunha lingua de proxección internacional irresponsabelmente desatendida na Galiza, e a filla pobre de si propia. Por iso, aínda a risco de non satisfacer de novo a ninguén salvo a min mesmo, decidín adaptar a grafía á mais comunmente usada no país, para tentar favorecer unha normalidade cultural pola que moitos nos esforzamos, e que as máis das veces resulta máis nominal do que real, infelizmente.

Ao mesmo tempo, anuncio con descaro que o libro ofrece unha variedade de temas, formas, estilos e intencións que me agrada tanto canto algúns amigos meus celebran. Porque as musas son moitas, tantas como os momentos de inspiración, e estes conceptos son tan necesarios para quen os defende como para quen os nega, se é realmente poeta, como afirmo na contracapa:

“Nunha época en que se valora tanto o monolitismo temático, ofrecemos agora un poemario miscelánico até o paroxismo. Son poemas xurdidos de arrebatos promovidos por esas musas que tantos aseguran non existiren, e mesmo por outras que estes seguros teóricos son incapaces de imaxinar. Musas fuxidías como a auga do mar e musas erguidas en pedra que resisten a maré dunha época en que a razón literaria nega o espiritual encanto se deita cada noite con el para poder escribir versos inspirados.”

Para finalizar, non deixen de aproveitar a precocidade luminosa do crítico Armando Requeixo, quen xa lle dedicou unhas palabras a estes versos nacidos, por causa do fado, das maos que agora xa se despiden dos amábeis lectores deste blogue.

http://www.edicionspositivas.com/
Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.