‘Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro’, por Ramón Nicolás

Versos Fatídicos, por Alfredo Ferreiro (Positivas, 2011)«Tras Metal central (2009) retorna Alfredo Ferreiro ao primeiro plano da actualidade cos seus Versos fatídicos (1994-2010): unha intensa colectánea que agrupa composicións inéditas e outras que agora se versionan e modifican, dispostas logo dun intelixente limiar subscrito por François Davo e que contan cun monllo de ilustracións da man de Alberto Esperante.

Este volume susténtase na aplicación dunha perspectiva heteroxénea, tanto no que ten que ver cos asuntos tratados como no que se refire a formas e estilos, onde podemos atopar desde composicións máis ortodoxas a aforismos, pasando por prosas poéticas ata reflexións de carácter filoensaístico. Se cadra sexa nesta clave desde a que cómpre achegarse ao que se configura como o espello persoal dunha visión poliédrica e singular do noso propio tempo e do “fatum” que o rodea, inquirindo con teimosía posibles respostas a unha morea de preguntas, articuladas desde un rico universo simbólico, que vai desde o ámbito do automatismo creador ata a presenza do máis cotián, sen esquecer a evocación memorialística nalgún caso e, talvez por riba de todo, o cuestionamento respecto da morte e o seu último sentido.

Un libro que nace desde a instancia das incertidumes e as conxecturas pois “Escribir un poema debe ser un diluvio que agoniza”. Poesía que se espalla en marés de palabras, moitas veces esgazadoras, para seguir camiñando sobre o tempo e a vida.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011 baixo o título de «Culto ao vario en marés de palabras».»

{Caderno da crítica}

Share

Bon Ano Novo!

Os nosos mellores desexos para este Ano Novo para todos e todas, e a nosa gratitude aos que nos mandaron os natais que abaixo referenciamos. Tede en conta que aínda que minguan os recursos contábeis, os nosos recursos incontábeis permanecen intactos; se cadra agora máis que nunca se fai evidente a necesidade de usármolos.

Share

Galicia Confidencial entrevista Alfredo Ferreiro

Nesta entrevista falo, ademais de sobre o meu último libro, sobre política e lingua, o que parece xa levantou algunhas pústulas nos máis exaltados.

Galicia Confidencial (GC).- ‘Versos fatídicos’, é o nome do teu último poemario… E, por que “fatídicos”?

Alfredo Ferreiro (AF).- “Fatídico” é esencialmente unha referencia explícita ao destino, e nese sentido entendo o traballo poético como un proceso gnóstico, como procura persoal de coñecemento; na mesma liña, asumo a poesía e a lingua secular da miña familia como descubertas coas que debo manter o meu compromiso, porque me tocan tan de perto que me definen e axudan a camiñar. Ao tempo, no plano social “fatídico” implica unha predición ou un vaticinio negativo: é o estigma, por un lado, que sofre esta cultura milenaria que foi o faro de media Europa no medievo e que agora, moribunda, non é recoñecida nen polos fillos que amamentou; por outro, a cruz que habemos de portar os escritores comprometidos co país… Non, mellor quero rectificar isto: a actitude dos escritores en galego non é unha cruz senón un facho que portamos desde hai moito con dignidade, e que vai indisolubelmente unida a outras reivindicacións conducentes á liberdade do individuo e da sociedade, tanto no sexual canto no social ou no nacional. Deste modo o esforzo persoal alimenta o compromiso social, e viceversa.
Read More

Share

Xavier Alcalá: Bélxica abrazou o reintegracionismo

Xavier Alcalá: «[…] Como sabe, Ernesto, sempre gustei de andar camiños e coñecer xentes. Por iso, xa avó de barbas brancas, aceptei traballo en Flandres, país do que moito temos falado. Hai máis dun lustro que paso case a metade do tempo alá, lendo e oíndo as lingua dos Países Baixos; e visito en Amsterdam o profesor Fernando Venâncio, sabio co cal deberemos armar conversas cando el e eu chegarmos a esa beira do Estixe (para o que os amigos haberán de ser pacientes).

Cumpríalles aos galegos tomar exemplo dos flamengos, pois reviviron a súa lingua asoballada polo francés e aceptaron as normas gráficas da maioría para pesaren máis no mundo. Di o profesor Venâncio que as diferenzas entre falas neerlandesas son maiores que entre as galaico-portuguesas, mais os flamengos cederon: falan neerlandés ao seu xeito e escríbeno como os holandeses.

Ora, ¿como convencermos aquí os enxebristas? Mal se pode discutir con quen devece por Madrid e considera o castelán como única lingua universal. Só fica unha esperanza: os bolseiros galegos en Bruxelas estudan portugués alá. Non é o mesmo a capital de España que a da Unión Europea: desde Bélxica vense o Brasil e Angola […].»

{Carta a Guerra da Cal e ao seu compañeiro D. C. Warnest}

Share

Miguel Sande opina sobre os ‘Versos fatídicos’

Miguel SandeMiguel Sande: […] Alfredo Ferreiro sorprendeu co seu poemario anterior, Metal central, orixinal e atrevido. Agora recompila en Versos fatídicos (Edicións Positivas) parte da súa produción poética dende o 94 ata o 2010 cunha temática, por tanto, moi plural. É un autor a seguir tamén con interese como todos aqueles dos que sempre podes esperar algo novo, por distinto […] {17/12/2011, Culturas, nº 445, La Voz de Galicia}

Share

Dolores Vilavedra comenta os ‘Versos fatídicos’

Dolores VilavedraDolores Vilavedra: «[…] Pola súa banda Alfredo Ferreiro recolle en Versos fatídicos a súa produción inédita e dispersa dende 1994. Libro miscélaneo, no que atopamos dende iso que podemos considerar poemas máis ou menos convencionais ata prosas poéticas ou pseudoaforismos, estes versos son o froito fatídico dunha certa insatisfacción creativa de quen está convencido de que “a vida é unha camisa con talle doutro corpo” e procura na arte literaria (pero non só) “a luz que nos conforta” […]» {El País}

Share