Apoiamos 'Vitaminas para o galego'

Porque os tempos que corren precisan de apoios concretos:

Share

Unha lingua inútil?

«Jaume Cabre: “P: Como filólogo y escritor en catalán, conocedor de la situación lingüística en los diferentes territorios que lo hablan, ya sea el País Valenciano, la Franja, Cataluña o las Islas Baleares, ¿cómo ve su supervivencia como lengua frente a lenguas imperialistas como el castellano o el francés?

R: Lo veo francamente mal. En el País Valenciano el proceso de substitución, en parte acelerado por una voluntad de carácter político, convierte la situación de la lengua en algo dramático. Ahora en las Baleares quieren también atizarle. Pero la supervivencia de una lengua, a parte de las agresiones externas, se alimenta sobre todo con el uso natural cotidiano y público.” (“Yo confieso”, Entrevistas Digitales en EL PAÍS)» {Jaume Cabre: Yo confieso | Tati Mancebo}

Eis os problemas da lingua galega: 1. Nivel individual: Unha lingua non se usa cando non é útil 2. Nivel nacional: Unha lingua é inútil cando non é necesaria (para comer) 3. Nivel internacional: Unha lingua é innecesaria cando non ten mercado (lusófono)

Share

Un grupo 'shandy' galego?

Esta obra case lendaria de Enrique Vila-Matas pareceume un deses licores que sempre desexo ter perto, para aqueles momentos baixos en que é preciso reencontrarse co saber intenso da boa literatura. Trátase dunha noveliña que se apoia no aspecto formal no ensaio e argumentalmente constitúe unha sorte de investigación sobre un colectivo de acción artística. Con certo tinte surrealista, a obra refire actuacións e encontros de reputados protagonistas como Duchamp, Scott Fitzerald, Walter Benjamin, César Vallejo, Rita Malú, Valery Larbaud, García Lorca, Pola Negri, Berta Bocado, Alberto Savinio e Georgia O’Keefe, todos estes ben mexidos e maxistralmente temperados cunha lingua literaria saborosamente destilada. Constituída a sociedade secreta, para facer parte dela había dous requisitos imprescindíbeis: a obra do artista debía ser portátil; a outra era que este debía funcionar como unha auténtica máquina solteira. Aínda que non imprescindíbel, era recomendábel posuír certos rasgos especificamente shandys: sexualidade extrema, espírito innovador, ausencia de grandes propósitos, insolencia, convivencia tensa con o duplo, simpatía pola negritude e nomadismo infatigábel. Porén, a lectura desta obra tróuxome á memoria o que sen sabelo puido ser un incipiente grupo shandy galego, alá polos 90, apenas cinco ou dez anos despois da primeira publicación da História Abreviada da Literatura Portátil (Porto: Campo das Letras, 2006). Éramos sete poetas: José António Lozano, Pedro Casteleiro, Mário Herrero, Tati Mancebo, François Davo, Luís Maçãs e quen isto agora lembra; contábamos ademais co apoio inestimábel de Dulce Fernández e con o albergue inigualábel da Agrupaçom Cultural O Facho. A nosa creatividade frenética durante as noites de case unha decena de anos pola Coruña adiante deu como fruto visíbel un libro denominado 7 poetas. Na capa podía verse unha foto en negativo da Torre de Hércules, facto que para min sempre singnificou a “reapropiación lexítima do símbolo herculino”, furtada, como toda a cidade, á cultura galega polo alcalde Francisco Vázquez. Pois ben, editamos o libro no cuarto da miña casa e imprimimos tan só 200 exemplares, 150 dos cais foron enviados a institucións e persoas relevantes. Despois de varios meses, poucas persoas nos tiñan acusado recebemento: Biblioteca González Garcés da Coruña, Biblioteca Municipal de Narón, Luciano Rodríguez, Xosé María Monterroso, Xosé Lois García, Cesáreo Sánchez, Francisco Fernández del Riego, Kathleen March, Vergílio Alberto Vieira, Miguel Anxo Fernán Vello e, das terras interiores da Goiânia, o brasileiro Gabriel Nascente, de quen recibimos unha fermosa nota de xornal que aquí por primeira vez reproducimos. Lembro que na altura eramos ben conscientes da nosa singular posición político-cultural, que sempre poñiamos atrás das maiores ambicións poéticas, as cales tiñan evidentemente moito máis a ver cun gnosticismo fortemente intuído do que co pacato éxito editorial. Neste cadro, a ninguén pode sorprender de que modo intestino celebramos a publicación da obra: en lugar de organizar unha presentación pública decidimos reunirnos nós mesmos nun lugar afastado á beira dun río e comer e beber xuntos á saúde dos lectores do noso libro, naquel momento ignorantes da báquica homenaxe que lle estabamos a dedicar. Por esta actitudes e por outras consideracións que paso a refenciar eramos, sen sabelo, unha sorte de clube shandy, a saber: a) a obra do poeta debía ser invisíbel, e para iso nada mellor que escribir o galego con grafía portuguesa, que aínda que histórica, filolóxica e romántica é a máis desprezada polo poder neste país, e por tanto inoperante no permanentemente incipiente mercado literario galego; b) o poeta debía funcionar como unha máquina solteira, o que sin excepción se concretizaba en que política e poeticamente non nos casabamos con ninguén, e implicaba, por outra parte, que non contásemos con padriños. Nunha ocasión en que estes si quixeron aparecer, o seu apoio viña condicionado a que expulsaramos do libro colectivo o François Davo, para dar lugar a unha obra coruñesa sen contaminacións exóticas. No entanto, se o François non estaba no grupo para atribuírmonos un marcado carácter internacional, interesante se quixésemos vender unha marca, tampouco había de restar coruñesismo ao proxecto. A poesía estaba por riba de todo, como unha ponte que salva o superfluo e une o esencial. A maiores destas características, outras nos marcaban en diversa medida: espiritualidade extrema, afán innovador, ausencia de grandes propósitos editoriais, anarquismo, creación en grupo, simpatía pola lusofonía e nocturnidade infatigábel. Por todos estes motivos, e aínda por outros que esquecín ou non me atrevín a lembrar, puidemos ter promovido, sen sabelo, unha secreta conspiración literaria, o que se cadra nos haberá de inspirar para o resto das nosas vidas.

Share

'Suscitar o entusiasmo con distintos alentos ', por Román Raña

«O volume que agora comentamos, Versos fatídicos (1994–2010), reúne a produción poética de Alfredo Ferreiro (A Coruña, 1969). Latexan nos seus poemas distintos alentos. Por exemplo, un claro fervor protestatorio, especialmente na sección “Textos bélicos”; ou un aparente discurso reflexivo sobre o acto creativo que acaba sendo, á súa vez, creación:“escribir un poema debe ser un diluvio que agoniza”.Tamén existe un núcleo temático moi fermoso cando o autor explora a urbe onde se domicilian as súa inquietudes vitais,“A cidade engrinaldada”, e entón lemos:“Aquí o mar entrégase e non dicimos nada: bañámonos en auga falsa, rebozámonos en terra negra e saímos enxoitos da nosa noite estraña”.

Tamén conviven, no interior das pezas máis diversas, momentos de rara clarividencia que nos deslumbran: “A cidade adormece as súas unllas de prata”, onde percibimos un depurado surrealismo con ecos que nos cegan e que van de Breton a Lorca,de Éluard a Octavio Paz,mais que o noso artista destila no seu persoal estilo. Por iso non son estraños aquí algúns elementos amargos,como gotas de suprema acidez, no medio de textos aparentemente descritivos. Definitivamente, estamos ante unha voz que se suma ao noso entusiasmo polo panorama da nosa poesía actual. » {Faro da cultura, 19/01/2012, Faro de Vigo}

Share

Vitaminas para o galego

«QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO? O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do NO da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto “Vitaminas para o galego”, impulsado polos medios en galego e que se centrará en eventos a desenvolver en distintas vilas galegas e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera do 2012.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?

Promoven esta iniciativa Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3. Tamén Terrachá.xa, Crónicas da comarca (Arzúa – Melide), Radio Nordés (Vimianzo), Cadernos de Comunicación e Analise, Hermes e Atenea, surfgz.com, disquecool, Cabozo e Vencello. Son medios e redes sociais que teñen en común a utilización da lingua galega […]» {Vitaminas para o galego}

Share

Fervenzas literarias: os mellores libros de 2011

«Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas.» {Fervenzas literarias}

No apartado de poesía temos que celebrar o cuarto posto do noso Versos fatídicos, sen esquecer o agradecemento permanente que lle debemos a Fervenzas Literarias pola divulgación da nosa literatura.

Share

Publicado o nº 1 da Revista de Poesía

O soportal Poesiagalega.org, que leva o Grupo Alea de Análise Poética (GAAP), ven de presentar o primeiro número da Revista de Poesía, un proxecto semestral que inclúe artigos, entrevistas, recensións e traducións sobre poesía galega e internacional. {Fervenzas Literarias}

Share

'As escollas electivas', ou a divulgación colectiva da poesía

«[…] Hai 100 anos que naceu o poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro e, nesta data tan sinalada, nace esta iniciativa poética As escollas electivas, coa idea de xunguir aos poetas contemporáneos de Galicia.

As escollas electivas é unha inciativa privada, inspirada noutros proxectos similares (que puxo en marcha o arxentino Alejandro Méndez), e que teñen como único fin amosar a poesía dos autores vivos galegos.

A Suso Díaz e Maripaz Paz, como contribuintes a este proxecto, móvenos o interese que temos pola poesía, e cremos que este é un bo medio para defundir a poética que se está a escribir no país, coa idea de que sexa divulgada e coñecidos os seus autores. É a nosa humilde aportación en prol da lingua, que é o horizonte que nos move, e o vieiro que non queremos perder como seña da identidade do noso pobo.

«Mais o lume que alampea / xamais o veredes morto».

[…] O único xeito de aparecer neste caderno é ter sido mencionado por outro/a poeta. De ser o caso, ponte en contacto con nós no correo: asescollaselectivas@gmail.com. Tamén agradecemos que os autores nos faciliten algún enderezo dos/as escollidos/as por eles/as, para establecer comunicación e ir enchendo este espazo.

Este caderno medra contigo, coas túas achegas, e é unha obra en permanente construcción. […] Criterios para participar deste espazo

Os poetas para seren incluídos terán:

Que ser proposto/a por outro/a poeta. Escribir poesía en lingua galega, independientemente do lugar de residencia ou da nacionalidade. Nomear alomenos a outro/a poeta, ata un máximo de dez […]»

Share