Rodrigo Díaz de Vivar, ese galego

Manuscrito do Cantar de Mío CidQue o famoso Cid fose galego non é algo que se pretenda reivindicar aquí, senón tan só un dos insultos que lle dedicou o mouro Ben Bassam de Santarém ao nobre burgalés no seu Tesouro das excelencias dos hispanos, por volta de 1109, a saber: “vil galego”, “avasalador, opresor”, “enfermidade incurábel”, etc. Que un cronista falase mal de quen era un terríbel pesadelo para todo exército inimigo ao estilo do que foron máis tarde os condottieros non admira a ninguén, mais que o tratase de galego cando nos mapas de época a historiografía moderna nos mostra un reino de Asturias, de León ou de Castela, resulta cando menos chocante. Ora, se entendemos que Afonso VI era outro “vil galego” para os mouros, como de facto tamén o chamaban, a cousa muda completamente.

A verdade histórica, se desprovista da camuflaxe que sempre aprimorou unha imaxe de caudillo castelán, católico e reconquistador, revélase en todo o seu explendor. Isto foi o que fixo a profesora Dolores Oliver Pérez no seu fantástico traballo El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe (Fundación Ibn Tufayl), cando defende que o primixenio texto foi unha encomenda do Cid ao poeta al-Waqqasi a quen nomea cadí da súa corte en Valencia seguindo o xénero árabe do ajbar, habitualmente utilizado para encomiar os gobernantes. Para chegar a esta conclusión pon en causa a perspectiva habitual dos estudos herdeiros de Menéndez Pidal e fornece novos e rigorosos argumentos, sempre pondo por diante que até o momento non se tivo suficientemente en conta o mundo hispanoárabe para explicar a riqueza cultural peninsular:

a) o público ideal do Cantar de Mío Cid non pode ser cristián, xa que os xuízos descritos cobran sentido só desde a xurisprudencia islámica;

b) o comportamento do Cid responde máis ao modelo beduíno do que ao visigodo;

c) o poema mostra grande respecto polos musulmáns e presenta como maus personaxes cristiáns;

d) non se atopan referencias a xograis cristiáns anteriores ao século XII, cando en territorio islámico existiron inumerábeis poetas que facían panexíricos dos seus gobernantes e cantaban súas vitorias sobre o inimigo;

e) a sospeita dun autor árabe xustifica a utilización de tópicos e cadros escénicos da poesía beduína, así como o estilo das descricións das batallas e as louvanzas do Cid desde parámetros usuais para os paladíns do Islam; non por acaso Cid provén de sayyid ou señor dunha tribo, apelativo usado para os reis das Taifas (ver nota final).

Estas e outras sólidas argumentacións de Oliver no seu completo traballo de catrocentas páxinas poden ser o primeiro paso para cuestionar unha historia literaria medieval que carece de sentido. Puxando deste fío atopamos algunhas consideracións inevitábeis e de patente interese:

  1. Se o Cantar de Mío Cid foi composto en árabe arredor do ano 1095 e o texto actualmente conservado é un manuscrito do século XIV, non hai razón para consideralo o “monumento máis antigo escrito en romance”.
  2. Que o Cantar fose escrito en árabe no século XII e versionado en castelán no XIV é coherente coa revisión historiográfica actual que asinala o principio da política castelanista no século XIII, a partir do reinado dun Afonso X que comeza a utilizar o castelán para a prosa. Que na altura Rodrigo de Vivar fose tratado de galego non debe admirar ninguén, cando prestaba servizo ao rei galaico Afonso VI que gobernaba desde León, como teñen demostrado os nosos historiadores.
  3. A falsidade do texto castelán do Poema como do século XII, segundo defendeu Pidal e a continuación a práctica totalidade dos historiadores da literatura, xustifica un protagonismo improcedente da lingua castelá no medievo que sen dúbida afecta tamén aos parámetros cronolóxicos da historia das linguas ibéricas.
  4. Revélase como necesaria unha nova análise da historia da literatura hispánica no que di respecto dos sistemas literarios. A posición dun prestixioso sistema literario en árabe até o Califato, a existencia dun sistema literario cristián en galego proeminente até o século XIV e o nacemento dun sistema literario en castelán a partir das políticas unificadoras castelás do século XV constitúen puntos de referencia, a meu ver, imprescindíbeis para unha moi necesaria revisión da historia da literatura galega. {Publicado en Praza Pública, 23/04/2012}

Nota: Agradecemos a referencia de Ernesto Vasques Souza sobre a obra de Eulogio Losada Badia El Campeador Cid en las peninsulares fuentes medievales, onde cuestiona que a palabra Cid proveña da árabe sayyid, pois rexistra o antropónimo Cid dentro da tradición galaica.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.