Sobre mitos e vida real

“Teño un amigo que é un heroi, e creo que moitos á súa volta non o saben. Porque os herois existen, aínda que habitualmente pensemos que son sempre personaxes de ficción. Ten este amigo meu un traballo común, unha familia correcta, unha filla riquiña. É, en aparencia, un veciño calquera, mais ten un pasado que moi pouca xente podería asinar.

Naceu nunha das grandes cidades galegas e, como tantos nos bairros marxinais, acabou por caer na silveira da droga. Como o espírito do rapaz era forte e a súa enerxía abundante, acelerou sen mirar atrás pola costa abaixo da delincuencia. Precisaba moita velocidade para non ter necesidade de fixarse na vida que abandonaba a cada lado, dos tesouros que o ceo lle outorgaba sen que puidese deterse para apañalos. Así o camiño difícil da marxinación se anda, e con estraña facilidade renunciamos a custodiar a verdadeira semente do noso destino.

Sen decatarse adormeceu no colo da heroína, e pouco máis tarde a súa man sostiña unha pistola nas noites do lumpen portuario. “Atracar un camello pode dar 500.000 pesetas, mais hai que ter coidado cun botín como ese, as consecuencias son terríbeis”. Con dezaoito anos ingresaba na cadea xunto co seu compañeiro de malfeitorías. Despois de ter acabado varias veces inconsciente na rúa, mesmo de ter entrado “en coma” no hospital, seus pais despedíanse del co corazón esmagado. […]” {Ler máis en Praza pública}

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.