Tati Mancebo cantará no próximo encontro Milpedras

Serán con versións propias en galego do Summertime de George Gershwin e doutras pezas de Leonard Cohen e James Taylor. Será acompañada por María Xosé Silvar (Sés) na voz, Tito Calviño na guitarra e Dubi Baamonde no saxo. Todo no contexto do recital poético e da expresión plástica do X Encontro Milpedras.

«Os Encontros en Milpedras, espazo de comunicación natural entre diversas artes, unindo os seus camiños nun fluxo simultáneo onde os espectadores e participantes poden aproveitar a enerxía de varios artistas compartida nun mesmo lugar e momento, continúan no Taller de Litografía Milpedras.

A proposta consiste no traballo común de escritores, músicos e artistas plásticos e visuais que queren comunicarse entre si e co público sen intermediarios, aumentando o coñecemento e o diálogo libre entre as diferentes disciplinas artísticas, e ofrecendo ao público interesado unha experiencia nova e enriquecedora.

Este X Encontro é moi especial, ao fin somos unha Asociación Cultural que nace co obxetivo de promover a cultura e do intercambio de coñecementos e actitudes dunha maneira libre, de tal xeito que o espectador poida estar en contacto directo cos artistas, inmiscuirse no seu traballo e sentirse unha parte importante del.

– Presentarmos oficialmente la AC Encontros Milpedras – Presentacion da identidade da nova AC

O “X Encontro Milpedras” conta con estes participantes:

poesía – Ramiro Torres – Diana Varela Puñal – Arturo Casas

pintura/artes plásticas – María Martínez – Gosia Trebacz

música – Dubi Baamonde – Tito Calviño – Tati Mancebo (como cantautora)

lugar: Milpedras, taller de litografía . Rúa Brasil, 3 baixo . 15009, A coruña. Tel: 881 926 698 hora: venres 29 de xuño a partir das 21:00 h., duración aproximada dunha hora. A entrada é libre e gratuíta.

info@milpedras.com

Atopa Milpedras premendo aquí» {Milpedras}

Share

Premios Xerais 2012: o evento

 

Share

“Cultura, y no joderla!”

Resulta xa un tópico urticante escoitar que a xuventude non ten educación. Acampan onde queren, cruzan os pasos de peóns con ollar esguellado e desafiante como se as condutoras fosen unha cadela encirrada, cospen en toda a parte e baixan os pantalóns até que fica ao ar a súa sincera opinión sobre esta sociedade. Son peixes que naceron á beira da poza do desemprego, cando as poucas oportunidades da xeración anterior escorregaron definitivamente polo burato. Dicía o Xavier Seoane hai uns anos que xa non podía animar a estudar os rapaces como facía connosco nos anos 80, cando nos aseguraba que estudando habiamos de lograr un traballo digno.

Os rapaces semellan embrutecidos, mais a boa educación ten a ver moito coa cultura dos cidadáns. A falta de civismo que se demostra no desrespecto polos bens públicos, así como a mala educación que xorde contra veciños e compatriotas non é froito destes anos, senón de moito máis atrás. De facto, entre algúns deses traxados e banalmente educados señores de zapato fino figuran os grandes ladróns da actualidade. Son en xeral membros dunha xeración crecida á sombra da ditadura franquista, réxime que forneceu os ingredientes necesarios para educar na maior falta de humanismo os que habían de ser gobernantes e empresarios no futuro. Nesa época os intelectuais, os artistas e os profesores de valor foron asasinados, condenados ao exilio ou obrigados a calar para sempre, e do mesmo modo ficou destruído o incalculábel traballo de culturización que as asociacións populares viñan sostendo desde principios do século XX, cando os ateneos o outras organizacións operarias fomentaban a alfabetización xeneralizada, o naturismo, o feminismo, o deporte, o vexetarianismo… Toda aquela semente de modernidade democrática foi arrasada nun novo tempo protagonizado polos peores exemplos dos militares, dos sacerdotes e dos caciques que, entre outros méritos de guerra, dedicaron os maiores esforzos a aniquilar os recursos culturais, para alén dos humanos.

Como non podía ser doutro modo, deixaron unha fonda pegada nos seus pupilos e conseguiron entrar na pseudodemocracia española “deixando todo atado e ben atado”, tanto no material canto no simbólico. Así as cousas, porque criados os principais axentes nese caldo antidemocrático, aínda non foi permitido o progreso real da democracia en España. Nos corazóns dos que sempre mandaron nunca prendeu unha utopía semellante.

Share

“Encontro”, de Ramiro Torres

Para o Xoán Antón Pérez Lema, em serena irmandade.

Povoamento de raízes na luz exacta que desnuda a voz e se afinca na brancura solar onde tu estás, pai, como olho puro no coração interior do tempo, abraçados ao corpo de tenra espuma a fluir dentro do mundo, juntos no desenho de árvores líquidas a esclarecer o silêncio que arde, indefinível.

Junho de 2012

Share

Premios Xerais 2012: as entrevistas

Máis un ano tivemos a honra de colaborar na emisión e gravación dos Premios Xerais, onde non faltaron nin a celebración fraterna da nosa literatura nin a reivindicación dun apoio institucional digno para a cultura do país, que con explícitas palabras para os políticos presentes se está a facer recorrente e que sempre resulta amplificado por entusiasmados aplausos. Así mesmo, como noutras convocatorias improvisamos una serie de breves entrevistas a premiados, xurados, organizadores e asistentes, as cales ofrecemos aquí aglutinadas.

 

Share

II Enarborar o bosque

Acción Cultural en Defensa do Monte Galego “Enarborar o bosque” é un acto simbólico promovido por os artistas plásticos e visuais Deli Sánchez e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, para facer un chamamento á valoración dos nosos bosques e reivindicar a sua protección frente á rapiña das talas abusivas realizadas por particulares, comunidades, institucións (concentracións parcelarias, falsas e excesivas limpezas, construcción de infraestructuras…) e empresas madereiras, que con total impunidade talan árbores autóctonas moitas veces centenarias e senlleiras e as substitúen por outras especies como o eucalipto e o piñeiro, ou simplesmente as deixan a monte, sen a aplicación do proxecto de reforestación preceptivo.

Ten acontecido repetidas veces nos últimos anos, unha longa lista que entristece e fire no cerne da nosa identidade: Cecebre (Cambre), Porqueira, Rairiz de Veiga, A Limia, Santa Eulalia de Mazoi, Ordes, Val Miñor, A Fervenza (O Corgo), Barrio de Abella, Carballeira de Faramontaos (Negueira de Ramuín), carballeira de Rioxoán (Pol), Pintinidoira… violencia catastral consentida pola falla de vixiancia e vontade política para aplicar as medidas de protección disponibles.

Defendemos as nosas árbores autóctonas: carballo, acivro, castiñeiro, teixo, cerquiño, bidueiro, faia, ameneiro, freixo, pradairo, sobreira, aciñeira… que na actualidade só ocupan un 25% do bosque frente a especies foráneas como o eucalipto que a máis de deteriorar a nosa paisaxe, empobréce-nos (estan-se a pagar a 25 € tonelada no cargadoiro), favorece a propagación do lume…

Defendemos unha silvicultura racional e sostibel, onde se fagan valer os potenciais das madeiras nobles cun manexo estractivo sustentábel que conserve a diversidade do bosque autóctono e tamén, como non, do tan importante sotobosque.

Esiximos a protección do noso bosque, a nosa paisaxe, a nosa vida!

Esta iniciativa está apoiada por ADEGA e a FEG.

{Vía Enarborar o bosque}

Share

Hoxe ás 19:00 sigue a entrega dos Premios Xerais 2012 en directo

Tamén podes seguilos a través da páxina web de Xerais e da conta de Xerais en Facebook

Share