“Cultura, y no joderla!”

Resulta xa un tópico urticante escoitar que a xuventude non ten educación. Acampan onde queren, cruzan os pasos de peóns con ollar esguellado e desafiante como se as condutoras fosen unha cadela encirrada, cospen en toda a parte e baixan os pantalóns até que fica ao ar a súa sincera opinión sobre esta sociedade. Son peixes que naceron á beira da poza do desemprego, cando as poucas oportunidades da xeración anterior escorregaron definitivamente polo burato. Dicía o Xavier Seoane hai uns anos que xa non podía animar a estudar os rapaces como facía connosco nos anos 80, cando nos aseguraba que estudando habiamos de lograr un traballo digno.

Os rapaces semellan embrutecidos, mais a boa educación ten a ver moito coa cultura dos cidadáns. A falta de civismo que se demostra no desrespecto polos bens públicos, así como a mala educación que xorde contra veciños e compatriotas non é froito destes anos, senón de moito máis atrás. De facto, entre algúns deses traxados e banalmente educados señores de zapato fino figuran os grandes ladróns da actualidade. Son en xeral membros dunha xeración crecida á sombra da ditadura franquista, réxime que forneceu os ingredientes necesarios para educar na maior falta de humanismo os que habían de ser gobernantes e empresarios no futuro.
Nesa época os intelectuais, os artistas e os profesores de valor foron asasinados, condenados ao exilio ou obrigados a calar para sempre, e do mesmo modo ficou destruído o incalculábel traballo de culturización que as asociacións populares viñan sostendo desde principios do século XX, cando os ateneos o outras organizacións operarias fomentaban a alfabetización xeneralizada, o naturismo, o feminismo, o deporte, o vexetarianismo… Toda aquela semente de modernidade democrática foi arrasada nun novo tempo protagonizado polos peores exemplos dos militares, dos sacerdotes e dos caciques que, entre outros méritos de guerra, dedicaron os maiores esforzos a aniquilar os recursos culturais, para alén dos humanos.

Como non podía ser doutro modo, deixaron unha fonda pegada nos seus pupilos e conseguiron entrar na pseudodemocracia española “deixando todo atado e ben atado”, tanto no material canto no simbólico. Así as cousas, porque criados os principais axentes nese caldo antidemocrático, aínda non foi permitido o progreso real da democracia en España. Nos corazóns dos que sempre mandaron nunca prendeu unha utopía semellante.

No contexto actual, en que a insatisfacción pola falsa democracia fica esquecida perante a volta das actitudes máis autoritarias, as palabras pronunciadas polo mestre –de oficio e de arte– Xabier P. Docampo na Illa de San Simón resultan especialmente oportunas: “O lugar que deixa a cultura pasa a ser ocupado pola barbarie”. Os gobernantes da dereita quéixanse da falta de cultura, mais non a desexan porque conduce á democracia e esta á igualdade entre os cidadáns. Eles desexan educación, si señores, mais só aquela que conduce os desafiuzados a saudaren tirando humildemente a boina perante as grandes señoras no paseo do Cantón.

Nota: o título escoiteillo ao amigo Quico Cadaval, e creo lembrar que provén dalgún traballo dos Mofa e Befa. {Publicado en Praza Pública}

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

Deixar uma resposta