Para unha biografía de Ramiro Torres, auténtica

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013)Probabelmente algúns de vostedes non o saberán, mais o autor de Esplendor arcano, Ramiro Torres, é unha persoa singular desde o día en que chegou ao mundo.

O día que Ramiro naceu a súa nai estaba calma, tan asombrosamente calma que parecía querer parir como quen se dedica a unha actividade plácida, como quen non ten présa por acabar o choio e prefire andarse polas ramas. Tanta fama atinxiu esta actitude natalicia, que desde ese día o “estilo ramírico de nacer” figurou nos anais da Obstetricia.

No entanto, os prodixios non se cinguiron aquel día á área da ciencia médica, senón que algúns sucesos milagrosos houberon de colorir o seu nacemento co tinte dos elixidos: a matrona que o atendeu, nai confesa de tres cachorros, recuperou no acto a súa virxindade; e o xinecólogo que apañou o corpo de Ramiro para que non se magoase cando tombou no frío e luminoso mundo, nunca máis precisou de facer a manicura pois os seus dedos permaneceron delicados e suaves por sempre, para delicia de familiares e pacientes.

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013_2)Si, señoras e señores, a abrupta experiencia do nacemento humano foi para Ramiro Torres unha doce caída polo tobogán da vida, e esta sabedoría, como os seus amigos sabemos, tamén afecta aos que rimos con el, aos que traballamos con el e aos que lemos os seus versos. Por iso a publicación de Esplendor arcano nos produce tanta emoción, porque recoñecemos un estilo propio, o ramírico, co que este libro foi parido, e mercé ao cal semella ter saído do prelo como por elevada e arcana predestinación, como un deses acontecementos que mudan o rumbo da Historia e que, se coñecésemos as antigas artes, saberíamos ver escritos no firmamento.

Hoxe é un día histórico porque podemos comprobar coas nosas mans e cos nosos ollos, en negro sobre branco, que acaba de nacer unha das potencias poéticas da época.

Deamos grazas á musa, e que a todos nós inspire. Amén.

Nota: Este texto foi lido na presentación de Esplendor arcano en Portas Ártabras, en 25 de xaneiro de 2013. As fotos son de Gabriel Ferreiro.

Share

Ramiro Torres publica Esplendor arcano

Inícianse as publicacións amparadas polo Grupo Surrealista Galego co poemario Esplendor arcano, de Ramiro Torres.
O libro, editado o 31 de decembro de 2012, está dividido en tres partes: Campos de visão, Casa do despertar e Terra da iminência, ten 72 páxinas, e leva un poema-epílogo de Pedro Casteleiro. A portada, que reproducimos abaixo, é de Alba Torres Ferreiro. O prezo é de 8 euros.
As persoas interesadas en obter exemplares, poden dirixirse a este correo electrónico: esplendorarcano@gmail.com

Tamén se pode adquirir aquí:
A CORUÑA
Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3).
Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32).
Libraría Sisargas (Rúa Curros Enríquez, 9).

 

Este é un dos poemas do libro:

Respiramos em noites
grávidas, claudicados
de toda possessão
entregamo-nos ao
desterro feliz entre
as fendas, como
sombras enigmáticas
a arder sem cálculo
à espera de florir na
irradiação primeira.

{Grupo Surrealista Galego}

Share

Un paraíso invisíbel

Casa rural Graña da AceaRecentemente fiquei impresionado cunha escena que aconteceu nunha aldea, pois tiña para min que estas situacións xa non pertencían ao presente. Reunidas varias familias por convite na casa familiar duns amigos nosos, achegouse por alí unha veciña do lugar, a quen foron presentados varios dos membros da festa. Cando a nosa Tati foi anunciada pola anfitrioa como unha amiga da Coruña, a señora mirou para ela e preguntou: “Isto todo é moi feo, verdade, nena?”

A realidade é que estabamos a desfrutar dunha xornada de amizade nun lugar paradisíaco, un espazo en que aínda as fragas, os soutos e as carballeiras acompañan leiras e prados, a carón de casas cinguidas por estreitas estradas que lembran os camiños que deben existir para alén da memoria do máis vello. Un contexto, en definitiva, en que o rural, sen esforzo, nos regala aromas, cores e saúde cunha intensidade que a máis requintada paisaxe urbana xamais poderá ofrecer. Entón, por que motivo esta persoa asume de xeito tan negativo o espazo que desde sempre a fixo feliz? Será que asume o tópico de que na aldea, ao contrario que na cidade, todo é miseria, ignorancia e atraso vital?

Probabelmente a veciña saiba que na cidade ela mesma non se daría, e que prefira esgotar os seus días na rutina de alimentar as galiñas moito antes que a camiñar con zapato fino pola Rúa Real. Mais hai algo de desprezo intrínseco na situación descrita, un desprezo que atinxe a terra e a vida labrega e, como non, tamén as persoas que herdaron un modo de vida secular. E resulta que ese modo de vida é unha vasta cultura que se concreta en horarios, organización do traballo, cultivos, gastronomía, festividades e como non, un modo estético de pensamento que se denomina lingua galega.

Chegados a este punto, xa sabedes por onde vou: como defendermos a lingua sen dar a entender á nosa xente que avogamos por un mundo vello e atrasado, aquel que representa para tantos a vida rural? Como defendermos o uso de galego para sermos máis modernos, porque a modernidade na globalización consiste en ofrecer ao mundo un particular modo de ser? Como demostrarmos que sen tradición non hai identidade? Como demostrarmos que a nosa tradición é digna e que nela residen os regalos do presente e os tesouros do futuro?

Se cadra non existen as fórmulas máxicas para respondermos preguntas así. Se cadra é preciso, simplemente, o esforzo particular e diario de quen só pretende mellorarse a si mesmo en coherencia e dignidade, sen importarse polo que opinen del. Se cadra é iso o mellor que se pode ofrecer.

{Publicado en Prolingua}

Share