Economía de subsistencia

Cando eu era pequeno o concepto de subsistencia posuía un matiz claramente negativo, pois era asociado habitualmente a unha explotación deficiente dos recursos. Na mesma liña, unha característica autenticamente galega, o minifundio, era sen dúbida unha lacra ancestral que impedía o progreso económico. A Galiza traía desde o pasado máis un veleno que debía ser neutralizado canto antes, un lastro intolerábel que perpetuaba a miseria e impedía o progreso.

Na actualidade, nunha situación en que a subsistencia non é unha falla grave unicamente nos países máis pobres senón que nos supostamente máis avanzados non está asegurada para a maioría, o concepto tínxese irremediabelmente de positividade. Xa non está sobre a mesa unha mellora continua do nivel de vida, onde visamos atinxir cada ano o conforto da Europa desenvolvida. Só desexamos que na mingua de recursos a que nos conducen os nosos gobernantes non se perdan completamente a escola, a atención sanitaria, a vivenda e a alimentación para a maioría da sociedade. Preténdese, e por iso se reclama na rúa cada semana, termos o necesario para dignamente subsistir.

Moitos dos nosos pais pertencen a unha xeración que foi criada, nas tristes consecuencias dunha guerra, por militares e sacerdotes. Viviron despois como a treboada franquista amainaba e como as forzas vivas do autoritarismo pasaban á clandestinidade democrática. Despois de teren saído da noite da ditadura e teren criado os seus fillos nunha bonanza posterior que pensaron irreversíbel, non teñen forzas, xa na terceira idade, para imaxinar un novo desastre social.

Os nosos fillos, amamentados nos estertores dun certo progreso económico e democrático, están a ser criados nun ambiente xeral de desánimo pola perda progresiva de nivel de vida. Os seus profesores, día após día conscientes da demolición programada do Estado do ben estar, non poden sinceramente animalos a estudar ou a esforzarse para conseguiren unha profesión. Os postos de traballo non existen, ou van camiño de se converter nunha renuncia completa á liberdade individual; a crise económica é intereseiramente convertida en crise social, e unha evidente frustración cidadá nace da pésima xestión política do ben común.

Neste ambiente xeral de frustración retorna o concepto de subsistencia como algo necesario, e con el deben ser revisados os parámetros da rendibilidade agraria; referentes como o autoconsumo e a agricultura de subsistencia, antes claramente deplorábeis face a unha produción suficiente para ser comercializada, revélanse agora como hipóteses que, no marco do apoio mutuo comunitario, poden resolver un problema xeneralizado de alimentación.

Neste sentido, hoxe en día xa existen colectivos conscientes da importancia da soberanía alimentaria e da calidade nutricional. E é que provoca medo comprobar como a calidade da alimentación está en mans das grandes empresas da alimentación e como a súa oferta constitúe directamente un engano ao consumidor desde o punto de vista cualitativo. As administracións conceden sen pudor as concesións de servizos de comedor escolar, hospitais, residencias para maiores e outros servizos similares en virtude unicamente dos prezos máis baixos, e isto implica unha ausencia de control sobre a calidade dos alimentos. Como a estratexia destes servizos consiste unicamente en encher bandullos en lugar de ofrecer programas nutricionais e produtos adecuados, conscientes disto en Europa existen iniciativas de cultivo local responsábel de alimentos que prestan servizos a comedores escolares xestionados con valores da ecoloxía e a saúde (cfr. o iluminador documental El plat o la vida). Lugares en que se consumen diariamente vexetais frescos de temporada sen aditivos tóxicos, onde non se abusa dos conxelados nin das carnes de animais alimentados con abonos nocivos e onde pais e familiares entran en contacto cunha nova perspectiva saudábel da produción e o consumo local.

Grazas a estas iniciativas chego a sospeitar, ignorante como son nos campos da nutrición e da agricultura, que a nosa vella estrutura minifundista pode constituír un patrimonio de incalculábel valor. Se cadra estamos perante máis unha faceta dun legado cultural que aínda non soubemos aproveitar. {Publicado en Praza Pública}

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.