Unha heroína por descubrir

Resulta difícil, despois do enorme gozo que a súa lectura produce, clasificar Verde oliva. É sen dúbida unha novela histórica, ben situada no marco dos acontecementos da revolución cubana; é tamén unha intensa novela de espías, onde se nos mostran os pormenores das actividades que os revolucionarios desenvolveron nas urbes contra o poder de Batista, así como as súas manobras de ocultamento; é a autobiografía dunha muller que participou na súa adolescencia en accións que en varias ocasións estiveron a punto de custarlle a vida. Porén, a carón dos datos exactos e singulares de quen viviu con intensidade un dos maiores acontecementos políticos de Occidente, subxace na obra unha humanidade que, habilmente temperada por Xavier Alcalá, cataliza no relato a profundidade emocional da verdadeira literatura.
Mariana pertence á burguesía media-alta da Habana. Detesta os abusos do poder autoritario de Baptista e decide apoiar na cidade o proceso revolucionario mediante a transmisión de información secreta e a recadación de fondos para o confronto militar. Era unha fina flor que gozaba de estudar inglés e acudir ás festas con elegantes vestidos e zapatos altos, mais axiña se revelarán a súa valentía e un compromiso invulnerábel co pobo que a acolleu. Unha vez estes valores florecen no relato, estamos ante o testemuño dunha auténtica heroína inmersa nun ambiente prebélico de densa e perigosa espionaxe urbana.
Como acontece tantas veces na novela negra, o cerco vaise estreitando ao redor de Mariana e por isto debe abandonar o seu traballo e botarse ao camiño, na procura do contacto co exército revolucionario que da Sierra Maestra está a piques de caer sobre as chairas e as cidades. Así devén un duro periplo por estradas secundarias, entre as sombras cómplices das facendas e os ruídos delatores dos cans, sempre a temer un control do exército e a rogar a axuda de paisanos con vontade de colaborar coa revolución. Chega finalmente á serra, mais alí o esforzo non dá o froito desexado. Para Mariana a vida, reducida aos mínimos de dignidade e alimento, é un animal que repta buscando algunha protección. Entón prodúcese unha nova viraxe do destino, e a espía habaneira convértese en moeda de cambio nunha complicada trama político-militar.
Mais, como anunciaba enriba, o mellor argumento histórico non atinxe un nivel literario relevante se o autor non consegue tocar o albo do profundamente humano. Deste modo, a personaxe de Mariana é unha heroína que ten medo, que sangra, que súa, que ten que lamentar os erros cometidos. É, ademais, unha muller moi consciente de que a causa non lle permite satisfacer as necesidades que o seu corpo novo reclama, e que debe deixar o amor para un futuro de paz, se este lle é concedido. «Somos fillos do destino» (p. 392) é unha frase que na novela vibra como con luces de neon, e teño para min que constitúe, dalgún modo, un xordo leitmotiv ao longo de toda a obra. Neste sentido, os amuletos que a protagonista usa, a mítica visita a unha meiga que lle anuncia un amor lonxincuo e a «axuda» da Virxe do Cobre mestúranse na súa vida coa compaña dunha pistola nunha poética aliaxe do espiritual e o material, do transcendente e o cruamente terreal.
A novela, no final, regálanos o retorno á Terra nai. A galega que participou nun dos grandes conflitos mundiais do século XX volverá ao seu particular centro do mundo. Unha vez máis un membro destacado do Impaís deixarase arrolar polas sombras do esquecemento despois de se converter nunha auténtica heroína. Aínda ben que contabamos co Xavier Alcalá para que escribise a corazón aberto esta tan humana historia, para que todos nesta abandonada terra creamos para sempre no corazón heroico das fillas que pariu.

[Publicado en Grial. Revista galega de cultura, 197]

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.

One thought on “Unha heroína por descubrir

  1. Pingback: Unha heroína por descubrir | ::Crítica literaria::

Deixar uma resposta