O sentido dun final, de Julian Barnes

O sentido dun final, de Julian Barnes (Rinoceronte)Antes de falar de literatura quixera facer unha reflexión sobre o soporte d’ O sentido dun final, de Julian Barnes, na edición de Rinoceronte Editora (2012): o deseño da capa, austero ou declaradamente minimalista en salmón e branco brillante con tipos en negro, resulta elegante e permite intuír que o fundamental está no seu interior, sen tentar cativarnos por pretendidas alegorías visuais; o papel interior, Offset editorial óso Torras de 80 g. e o tipo Adobe Garamond Pro 13/15 confiren unha combinación que produce unha sensación de calidez e nitidez moi agradábel; a impresión e a encadernación de Sacaúntos Coop. Gráf. son impecábeis, o que lle dá ao que entendemos un simple fresado solidez e maleabilidade a un tempo, facto ao que sen dúbida axuda que o libro non chegue ás 200 páxinas.

A tradución do inglés de Xesús Fraga non poderá ser valorada por quen non coñece o orixinal para comparar. No entanto, o resultado en galego é un texto que se deixa ler con total fluidez, é dicir, que cumpre sobradamente o cometido de permitir unha lectura que nos fai esquecer que estamos perante unha tradución. Ao tempo, as grallas que ao editor sempre se lle escaparon cóntanse cos dedos dunha man e aínda sobra dedos. Por todos estes motivos, o libro como obxecto de papel destinado á lectura merece o cualificativo de sobresaliente, sen lugar a dúbidas.

O que me resulta obscuro é o sentido da novela contemporánea. Estamos ante un autor de recoñecido prestixio e unha obra que recibiu o Man Booker Prize en 2011. Non precisa da miña aprobación para triunfar no mercado internacional, evidentemente, mais non por iso vou deixar de opinar sobre o sentido que poda ter escribir unha novela como esta. Vexamos: o protagonista é un xubilado que, frustrado no plano amoroso, tenta imaxinar se unha antiga noiva pode chegar a ter un interese renovado por el agora que entraron na terceira idade, despois de que na xuventude o tivese abandonado polo seu mellor amigo; no medio dun disimulado coqueteo o que descobre é que a nai da pretendida chegou a ter un fillo co amigo de ambos, para sorpresa maiúscula do protagonista. Este é «o sentido dun final», e a xustificación dunha novela. Ben, hai que recoñecer que está ben escrita, cun estilo tan lubricado que a lectura corre case sen darnos conta. Entendo que a moita xente esta narrativa debe gustarlle, sobre todo a aquela que non desfruta dos finais «felices», «previsíbeis» ou «clásicos», nos que os esforzos e as penalidades, cando ben asumidos, levan o protagonista a algún tipo de merecido premio, mais a min resúltanme estas estruturas narrativas unha espionaxe permitida nunha vida vulgar. Eu boto en falta unha intención de mostrar un sentido da vida, o que debe vir a demostrar, pola miña parte, que non debo ter unha perspectiva realmente contemporánea. Se cadra a solución simplemente estea na procura dun psicólogo literario para min e na recomendación da lectura desta novela para a maioría dos lectores.

Agradezo, en definitiva, a Rinoceronte que nos pouse na man o mellor da literatura contemporánea, e ademais que o faga nun formato físico que tan boas experiencias táctiles e visuais proporciona.

Share

by

Alfredo Ferreiro nasceu na Corunha em 1969. Estudou Filologia Hispânica e iniciou-se na Teoria da literatura. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Tem participado desde 90 em inúmeros recitais de poesia e colaborado em revistas galegas e portuguesas, entre elas Anto e Saudade, sob a direção de António José Queiroz. Na atualidade é membro do Grupo Surrealista Galego. Como crítico tem colaborado em publicações periódicas impressas como A Nosa Terra, @narquista (revista dos ateneus libertários galegos), Protexta (suplemento literário de Tempos Novos), Dorna e Grial, para além de em diversos projetos digitais. De 2008 a 2014 dirigiu, junto com Táti Mancebo, a plataforma de blogues Blogaliza. Desde 2006 é asíduo dos meios eletrónicos, em que se dedica à divulgação da literatura e do pensamento crítico. Atualmente colabora no jornais Praza Pública e Sermos Galiza. A inícios de 2014 fundou, junto com Táti Mancebo e Ramiro Torres, a revista digital de artes e letras Palavra comum, dirigida ao âmbito lusófono. Desde outubro de 2015 é coodenador do Certame Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo.