DdoOLeR 2013

Share

Manifesto III Enarborar o bosque: pola defensa de Corcoesto

Manifesto “Creadoras e creadores galegos- músicos, poetas, artistas plásticos e e visuais, actrices e actores, magos… co apoio de colaboracións internacionais, xuntámonos o día 1 de xuño , data próxima ao día mundial do medio ambiente, na Carballeira de Santa Mariña – Corcoesto, Cabana de Bergantiños, para amosar un ano máis o noso compromiso coa conservación da Natureza, e neste 2013 fixamos a nosa mirada no forte impacto das explotacións mineiras en Galicia, especialmente as que se realizan a ceo aberto. O proxecto de Edgewater Exploration Ltd de explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Bergantiños representa o máximo expoñente desta ameaza no noso territorio. Pero non hai que esquecer as explotacións xa en desuso como as de lignitos en Meirama e As Pontes de García Rodriguez, rexeneradas con proxectos sinxelos e baratos para as empresas pero ambientalmente incorrectos, xa que se optou por enchelas de auga. Lembramos tamén as máis activas neste momento, as de rochas ornamentais, nomeadamente granito e lousa, nos lindes de espazos de grande valor ambiental que no segundo dos casos mesmo sepultan vales enteiros das serras do Courel e Pena Trevinca, provocando unha situación de deterioro irreversible, que chegou a condicionar a delimitación destes Espazos da rede Natura 2000.

Share

Adtlantida.tv, 4 últimos días de crowdfunding

Coñeces Qik, Livestream ou Bambuser? Son apps que instalas no móbil e permítenche emitir vídeo ou audio en directo a través de internet, colocando un reprodutor en calquera páxina web ou blog. Contas cun espazo de almacenamento e os vídeos poden reproducirse tamén en diferido.

Adtlantida.tv vai ser así. Pero grazas a Beka Iglesias e a Berio Molina, teremos unha app en galego, sen publicidade e unha mediateca onde os nosos vídeos serán facilmente localizábeis. Con Adtlantida.tv poderemos emitir vídeo en directo non só desde un móbil, senón desde dous ao mesmo tempo por canal, para dar dous puntos de vista do mesmo acontecemento e sen censura.

O proxecto está en goteo.org E por 55€ podes ter conta de streamer o primeiro ano (a partir do segundo ano a app estará dispoñíbel para todo o mundo de balde). Tamén podes colaborar con cantidades menores, por suposto.

Esta xente necesita apoio e o seu proxecto é vital para a nosa cultura. Por primeira vez teremos unha mediateca ben visíbel na que ir construíndo entre todas a memoria do noso povo e que non estea a expensas de que ningún goberno poida eliminalo, como acontecera con flocos.tv. O poder da imaxe no móbil desde unha aplicación en software libre, comunitaria e totalmente de balde feito realidade por Beka Iglesias e Berio Molina. É importante que colaboremos! Páxina para colaborar en goteo.org: http://goteo.org/project/adtlantida-tv Páxina web oficial do proxecto: adtlantida.tv Tati Mancebo

Share

Medo do reintegracionismo?

O pobo abandona o galego, e isto semella por momentos unha realidade inexorábel. Despois da noite escura da ditadura, nos seguintes trinta anos foron criadas institucións, televisións, radios, ensino en galego e, para favorecer o desenvolvemento dunha modesta industria cultural, deixouse de lado a sempiterna discusión sobre a norma escrita. Deixouse caer, digamos, para o lado menos atrevido: tratábase de conservar a pouca normalidade que o galego podía ofrecer mostrándose como, non sen algunhas variacións, se tiña publicado na maioría da produción bibliográfica e académica dos anos anteriores. Porque mudar a lingua mediante a recuperación dunha grafía histórica na actualidade vinculada a un idioma estranxeiro era ousadía que só un grupo de arroutados mozos e un par de vellos tolos eran capaces de propor. Ao mesmo tempo, existían beneficios evidentes para un alto o fogo normativo: a industria cultural podería desenvolverse e a intelectualidade máis ousada podería traballar desfrutando dunha certa normalidade que a todos había beneficiar. E existindo esta normalidade, aos poucos o pobo había de ir perdendo os prexuízos lingüísticos e pasaría a valorizar unha lingua propia que así iría perdendo o estigma milenario que a condenaba ao abandono dos fillos que durante séculos amamentou. Para rubricar o conto, unha Lei de Normalización Lingüística saíu do mandil da dereita posfranquista, como un compromiso firme dos poderes fácticos co xogo limpo da democracia.

Share

17 de maio: reivindicar as Letras non é suficiente

Son as 10:25 hs. da mañá neste venres chuvioso en que tantas amigas e amigos estarán a saír das súas casas para unirse á manifestación de Compostela, máis unha reivindicación popular para que obtuso Goberno do PP subministre a medicación imprescindíbel á lingua propia da Galiza e que esta non morra no pendello miserábel da política lingüística actual, van ornamento dese decorado de spaguetti western que é a democracia española. A min hoxe, despois de varios anos, tócame ficar en casa, aínda que o meu corazón viaxe á vella capital do Reino que un día iluminou coa súa cultura o occidente europeo.

Se o pasado foi esplendoroso, o presente é deplorábel, sobre todo cando constatamos que a situación que persoas como Rosalía de Castro denunciaban hai cento cincuenta anos foi perpetuada até o momento presente. Para confirmar isto non temos máis que reparar na descrición que neste vídeo se fai da sociedade rural da Galiza dos anos 70.

Unha profesora afirma: “Ocurre que muchos de los niños que asisten a este colegio son de la zona rural, entonces tienen un grave problema con el bilingüísmo. Ellos están acostumbrados a hablar en gallego casi siempre; les queda el castellano para contadas ocasiones. Entonces, a la hora de expresarse lo hacen con dificultad por la falta de vocabulario y también por la poca expresión. Así, prefieren a veces callarse o contestar con monosílabos”. Como se comproba, “expresarse” significa “falar en castelán”, porque o galego non é considerado unha lingua. Vemos a continuación como todas as alumnas traballan ao chegar á casa: andan coas ovellas, dan de comer aos porcos, fan queixo, dan a cea aos irmáns e déitanos, e só despois de limpar a cociña poden dedicarlle un tempo aos deberes. Probabelmente con ruído e pouca luz, no único lugar quente da casa. O vídeo termina cunha estampa paradigmática: unha avoa moi vella, con certeza posuidora dunha cultura secular, canta á súa neta unha canción de berce nun recoñecíbel castelán, alimento cultural asumido como imprescindíbel para as novas xeracións. A boa mantenza e os traballos dignos habían de vir mediante o coñecemento de unha única lingua de cultura e instrución, diversa da dos alumnos. En que mudou para o galego a situación, por tanto, desde a publicación de Cantares Galegos?

Describamos agora a actualidade. Coñezo un matrimonio que é practicamente monolingüe en galego; por moito que comprendan o castelán, é probábel que non sexan quen de dicir dúas frases seguidas sen apoiarse no galego. Unha competencia, evidentemente, moi común debida a unha escola escasa e a que non se precisa máis para vivir nunha vila galega. A súa filla falou na casa en galego, aínda que aprendeu unha profesión fundamentalmente en castelán, como é tan común. Mais agora que é adulta e mora cun compañeiro a cousa mudou. Por moito que o galego é a lingua común das familias de ambos e a deles propios, como os seus falares inmediatamente delatan, o castelán comeza a instalarse nas súas conversas diarias, mormente naquelas que acontecen en público. É por un desprezo da lingua galega, da cultura tradicional ou debido a unha irredutíbel bacteria galeguicida? Non, é simplemente que os pombos están a facer o niño, e que cando pensan nos seus fillos constrúen a vida cos mellores materiais, ofrecen con cariño os recursos máis útiles e procuran a mellor protección para o futuro dos seus. Como os nenos e as nenas do vídeo precedente, ninguén desexa un traballo miserábel, e así todo se resume a unha cuestión xeo-económica: a aldea é foco de miseria, e o galego representa a aldea.

Noutros ámbitos recentemente tiven mostras dunha desafección con consecuencias similares. Un compañeiro de actividades deportivas, nacido e criado na cidade, considera que o galego nos últimos foi erroneamente imposto, e que isto provocou o rexeitamento de moita xente. Entende que o galego debía de ser promovido con políticas que o fixesen atractivo e cálido, e non en situándoo en posición de conflito: para el que na escola lle expliquen ao alumnado os mesmos conceptos en dúas linguas diferentes é un motivo de confusión inxustificábel. O galego, na súa opinión, non debe ser imposto, por moito que asuma leis en todos os ámbitos da vida para protexer un número vastísimo de asuntos. Non comprende, por moito que é unha persoa perspicaz e xusta, que as decisións lingüísticas, e sociais en xeral, deben ser analizadas con criterios profesionais, tal e como el aplica rigorosamente ao seu oficio.

Outro compañeiro do mesmo ámbito, este funcionario, non comprende que teña que sentirse obrigado a aprender catalán se o destinasen a Cataluña. Non comprende a obriga simplemente porque estamos en España, e iso demostra que a democracia española nada educou os españois nos últimos corenta anos de posfranquismo. Que democracia non é o esmagamento da minoría pola maioría, que democracia é o respecto das liberdades lícitas de todas, que democracia é un pacto revisábel a cada momento conforme a unha realidade en permanente mudanza non foi un obxectivo da “transición democrática”, unha transición inconclusa que agora transixe co autoritarismo. É este un compañeiro sensato que comprende que cando me paso ao castelán puntualmente porque alguén non me entende son educado, mais que se o fago por sistema cada vez que alguén non me fala galego non podería falar a miña lingua en case ningunha ocasión. É tamén unha persoa sensíbel que comprende que o desprezo do galego transcende o uso da lingua e que implica no fondo unha actitude que rexeita o propio, e que iso é algo manifestamente contrario ao progreso social.

Concluímos, por tanto, algo a todas luces evidente: que se en galego non se pode facer vida, ninguén quere vivir en galego. E digo eu, en que sentido é convincente reivindicarmos unhas Letras que transcriben unha lingua inútil? Non serei eu quen cuestione a importancia do Día das Letras, unha das poucas institucións que se cadra terá sempre sentido defender. O que cuestiono son as Letras que hoxe defendemos, porque son con certeza a transliteración dunha lingua que non resulta útil aos galegos. Non discuto que moitos conseguisen presidencias, prazas de profesorado, premios literarios ou teñan erguido proxectos culturais de incuestionábel envergadura e mérito incontestábel. Só digo que o galego con que foi construído todo isto é unha ferramenta obsoleta, como o pobo leva tempo a nos mostrar.

Son as 14:00 e probabelmente a manifestación en Compostela estea a rematar. Aínda que o artigo de hoxe teña un certo sabor amargo, poño por diante que debemos apoiar sempre todos os esforzos que se fixeron e fan pola defensa da lingua galega, se estes son sinceros. Analizar o presente con rigor, se o que pretendemos é ter un futuro colectivo, é preciso. É tempo de enfrontar decisións transcendentais, aínda que os incómodos persoais sexan inevitábeis.

Share

Das críticas vas á boa crítica

Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. “Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito”, teño ouvido de veteranas plumas; “Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan”, teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; “As editoras publican sempre os mesmos” ou “As institucións pagan as viaxes aos de sempre”, e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.

Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: “Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos”, ou “De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano”, por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións.

No entanto, temos que recoñecer que en ocasións os argumentos á hora de valorarmos as obras non son da altura que se require. Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade. Si é certo que estas cuestións poden aparecer nunha argumentación, mais debería ser, creo eu, en segundo plano e xustificando estratexias de maior calado que os meros caprichos do crítico. Porque se non non existirá un criterio digno de tal nome, e nada salvo o criterio propio constitúe a xustificación dunha crítica literaria. Ao mesmo tempo, por exemplo, pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios que, nacendo para normalizar, converten en habitual unha temeraria desviación cultural.

Para finalizar, vouvos pór un exemplo do que é ter criterio, se me permitides a vaidade de contar unha anécdota da casa. Recentemente G. F., de doce anos, leu esta obra por prescrición docente: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Despois de terlle dedicado á lectura tan só unha tarde, a súa concisa valoración foi a seguinte: “Gustoume moito, moito. Porque habendo tan poucos personaxes como hai, e tan poucos escenarios, mantivo a acción dunha maneira que non era capaz de parar de ler, nin sequera para ir ao baño. E iso paréceme un mérito moi grande”. Como vedes, aquí hai criterio, pois este lector sabe moi ben que as súas preferencias tenden á variedade de personaxes e escenarios; e ademais hai fundamentación técnica, pois explica claramente en que consiste a fórmula do autor e que tipo de éxito logra con esas ferramentas narrativas.

{Publicado en Praza Pública}

Share

Canucho, por Gabriel Ferreiro

{Grupo Surrealista Galego}

Share

Erotismo e lectura

Lembro con ardente emoción as aulas de literatura española do instituto. Con quince anos e unha admiración pola beleza feminina que levaba tempo desatada, tocoume en sorte ter como profesora de literatura española unha adorábel poetisa sudamericana. Era loira, o que supuña un plus desde as máis temperás fantasías, posuía uns labios moi sensuais e o que o seu desenfado docente lle indicaba era sentar sobre a súa mesa colocando os pés na dos alumnos da fileira de diante. O panorama era do máis inspirador: unha loira subida nunha mesa a falarnos de estética literaria encanto nos mostraba unhas medias con motivos florais axustadas sobre unhas coxas redondas, maduras e experimentadas. É escusado contar que aquel ano logrei un sobresaliente en todas as avaliacións, e que nunca me vin máis incentivado para preparar exames con voluntarias lecturas extra. Entendo que naquel curso naceu en min unha duradoira afección pola literatura, que se mantén firme como poucas desde hai trinta anos.

Nunha ocasión explicounos a diferenza entre pornografía e erotismo. Na pornografía, argumentaba ela, o sexo é explícito e móstrase abertamente, encanto no erotismo a excitación sexual é provocada pola suxestión. E poñía como exemplo o final dunha novela en que os amantes, despois dunha triste separación, se reencontraban nas rúas de París; o galán, antes de pechar a porta e correr as cortinas do coche, daba a seguinte indicación ao cocheiro: “Por favor, non pare de conducir pola cidade até que o avise”. Agora vexo, teoricamente, a escena en toda a súa profundidade: a tracción animal fóra e a atracción animal, non menos poderosa, dentro da carruaxe.

Un xogo erótico con algunhas diferenzas é o que propón Clayton Cubitt nun traballo intitulado Hysterical literature: “O proxecto, que esperta opinións ben encontradas, consiste en gravar a mulleres lendo un fragmento dun libro mentres na entreperna teñen un vibrador, escena que non se mostra no plano. As protagonistas len ata que xa non poden aturar máis a tensión sexual. Segundo Cubitt, o que lle interesa é “a batalla do individuo entre mente e corpo. Ademais estou interesado en como as culturas trazan unha liña divisoria entre o aceptable e o prohibido” (cfr. Letra en obras). A proposta consiste, ao meu ver, no contraste entre unha situación tan pública como a lectura e a experiencia dun orgasmo que acontece á vista de todos; nun segundo plano funciona, ademais, a dúbida de se a experiencia sexual é simulada ou se realmente existe un aparello oculto de probada eficacia. De calquera modo, teño para min que o autor é ben consciente de que non provoca indiferenza, e que esta desinhibición é se cadra proveitosa nesta nosa sociedade aínda lastrada por unha moralidade católica que estigmatiza o pracer sexual. Non menos interesante resultan, por outra parte, as parodias que están a xurdir. {Publicado en Praza Pública}

Share