“A vespa solar”

Há uma vespa de luz
a percorrer uma ilha que voa
no suspiro de uma ninfa a sonhar.
Uma vespa solar
nas estrelas florais do sonho.

Alfredo Ferreiro. Malhorca, 2011.

Share

Cando o metal encontrou o seu señor

O pasado venres tiven a oportunidade de ofrecer o meu Metal central, xa de 2009, aos excompañeiros da fábrica a quen foi dedicado. Foi moi agradábel poder mostrarlle a laminadores e persoal de mantemento a existencia de poemas que só persoas coa súa exacta experiencia poden comprender en todas as súas dimensións, o seu peso, temperatura e, sobre todo, o cadro xeral da luz e do ruído. Experiencias concretas e duras, ás veces acontecidas a horas en que o común dorme placidamente, e que supoñen pór en risco a vida ou facer un esforzo persoal e en equipo brutal mollados por auga suxa e tinxidos de graxa negra, mais que non van perturbar nin os paxaros que a mañá saudarán desde o Barreiro.

O libro foi moi sentido, podo asegurar, e supuxo a miña volta á poesía despois de anos de inactividade poética. Mais faltábame facer a entrega oficial do traballo a aqueles que na realidade son os protagonistas. E isto foi posíbel grazas ao generoso esforzo dos amigos da libraría Á lus do candil por divulgar a nosa literatura, desta volta en Carballo. A eles, máis unha vez, obrigado.

Share

Turismo interior, gozo profundo

Praia de Coroso desde unha terraza de Palmeira (Ribeira) Non estou en Ibiza nen na Costa Azul, senón nunha terraza paradisiaca onde se pode tomar un refresco por menos de 2 euros, a carón de Ribeira, esa grande vila que os gobernantes rancios de sempre tentan pasar por “Riveira”, se cadra para que se afaste da lingua que falan o 97% dos seus habitantes e se asemelle máis do francés, nunha tentativa de disimular un españoleirismo demodé.

Aínda ben que talentos da talla de Quico Cadaval colocan no seu sitio a bandeira ribeirana, para orgullo de propios e admiración de todos.

Eu hoxe só pretendo animar o persoal a visitar este lugar marabilloso, onde a xente fala cun seseo que me acariña as orellas e tan ben me sinto tratado desde hai varias ducias de anos.

A foto, como sospeitades, foi tirada esta mesma tarde xusto antes de porme a escribir estas liñas.

Share

Nace a revista Luzes

«”Estamos un tanto a escuras (…) Nós pensamos que o que vemos non nos gusta, ou nos nos recoñecemos niso (…) Pretendemos unha publicación que recolla a mellor tradición do xornalismo. Aquel que estabelece que as historias hai que contalas tal como foron e co alento que se precise, non como conveña ou onde caiban”. Está a piques de nacer un novo medio informativo en Galicia: chámase Luzes, será mensual, editarase en papel, en galego, e verá a luz en outono. Esta tarde presentouse na Feira do Libro da Coruña o seu número 0, un exemplar, un prototipo que se podía ver “e tocar”, como ben salientou algún dos seus responsables, unha mostra dun proxecto aínda aberto, en marcha, pendente de recibir novos apoios e achegas, pero xa moi avanzado.

Entre os nomes que xa impulsan a revista atopamos de forma moi destacada a Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez e Manuel Rivas; o proxecto gráfico é responsabilidade de Antonio Doñate e Xosé Carlos Hidalgo; e tamén se conta coa colaboración de Hércules Ediciones e Tórculo. O comité de redacción está formado, inicialmente, por Belén Regueira, José Manuel Sande, Juan Janeiro, Antón Lado, Manuel M. Barreiro, Tati Mancebo, Julio Gómez e María Yáñez. E o Consello Editorial confórmano Fermín Bouza, Lino Braxe, Xabier Seoane, Antón Patiño, Jonathan Dunne, Martine Silber, Ramón Chao, Débora Campos, Xoán Antón Pérez-Lema e Suso Iglesias […]» {Ler máis en Praza Pública}

O rexistro en streaming foi de Tati Mancebo.

Share