XXVI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

«O próximo luns 30 de setembro finaliza o prazo para presentar orixinais para a XXVI convocatoria do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Este premio, destinado a autores inéditos, convócao o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene e o galardón consiste na publicación do libro na editorial Espiral Maior e conta cunha pequena dotación económica. O premio, convocado para honrar a figura de Xosemaría Pérez Parallé, procura dar a coñecer novas voces no panorama poético galego. A maioría dos autores e autoras que acadaron o galardón nos últimos anos, desenvolven xa unha sólida obra literaia. Son os casos de Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto ou Xiana Arias.
As bases da convocatoria poden consultarse ou descargase na páxina oficial

Share

Medios, comunicación e poder

Esta semana está a desenvolverse un seminario na Normal (UDC) pertinente como poucos: Medios, comunicación e poder. Despois de escoitar o luns as intervencións de Javier Toret (vía web), Tati Mancebo e Iván Sánchez sobre o uso das ferramentas hoxe imprescindíbeis para comunicármonos e traballarmos horizontalmente, na tarde de onte puiden acudir á fase final da segunda sesión de Análise de medios. Na Mesa de medios figuraban representantes de Cuac FM, Sermos Galiza, Praza Pública e Novas da Galiza, que contaron as liñas mestras dos seus proxectos e a viabilidade actual dos mesmos. As conclusións que tirei, apesar de faceren patente a dificultade dos tempos que vivimos, económica e politicamente, foron moi positivas.

Resaltouse na mesa o isolamento cidadán que se observa cando se descobren varias accións similares que se descoñecen mutuamente, o que constitúe unha intereseira segmentación social sen dúbida promovida polos poderes do sistema.

Defendeu alguén entre o público a necesidade de unir as enerxías dos varios medios alternativos para formaren un único con forza e recursos suficientes para enfrontarse aos medios convencionais, todos vencellados economicamente ao poder. A esta argumentación responderon que dubidaban moito desa estratexia, non tanto pola dificultade de atinxiren a altura económica necesaria mais porque hai que pór en causa o interese de termos a oferta informativa unificada, pois o monolitismo organizativo pode derivar en monolitismo ideolóxico e isto implica directamente a morte do xornalismo.

En xeral, a miña conclusión foi que todos eran coñecedores de cales eran os seus obxectivos e os seus recursos, e que en xeral están a traballar pola sustentabilidade dun xornalismo que, apesar de estar ferido de morte pola falta de independencia no ámbito da grande industria, ten un luminoso futuro por diante nestes proxectos que se basean nas auténticas necesidades informativas dos cidadáns.

Share

XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior.

A continuación foi o concelleiro de cultura Francisco Pérez (PP) quen resaltou o esforzo que están a facer en Sarria por manter o apoio económico a un premio que consideran un referente valiosísimo no contexto do país. É desde logo un mérito que merece o máximo recoñecemento a colaboración de Pérez xa desde o nacemento do premio, segundo nos constata a Ergueitos, especialmente cando desde o partido que el representa vemos día após día incesantes agresións á cultura galega. Aínda ben que nalgúns lugares podemos achar sensibilidades que fan gala do sentido común que nos inclina a valorar o patrimonio cultural como un ben prezado para o presente e o futuro. Non todo está perdido se hai persoas así, coas que habemos de partillar momentos felices como o de onte para alén das consignas e as disciplinas de partido.

A intervención de María Casar, presidenta de Ergueitos, constituiu un percurso emotivo polos trece logros que conforman xa o premio do Fiz Vergara, e que a día de hoxe ofrece á vencedora 6.000 euros, unha obra escultórica de Miguel A. Macía e a publicación da obra. Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.

O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.

Share