Elipse, revista literária galego-portuguesa

Vivemos tempos de incerteza devido ao rijo desamparo a que nos sometem os poderes fáticos, mais comprometidos com a gestão privada dos bens públicos do que com uma democracia digna de tal nome. As gentes sofrem e calam, choram e calam, trabalham por menos e vem minguar o pão na mesa, e por enquanto ainda comem e calam. Permanecemos aturdidos por uma triste realidade imposta desde a cima, como se de uma aterragem extraterrestre se tratasse, enquanto persistem inércias de cómodas épocas que logo haverão de virar tópico de papel couché, inércias que nos imobilizam enquanto a nossa sociedade, aquela que nos deu as merendas e nos mandou à escola, é arrastada pela corrente.
Mas à par disto outras vontades põem-se em marcha e uma nova esperança floresce no campo que pisamos desde há  milhares de anos. É o caso da revista literária galego-portuguesa Elipse, a que damos a benvinda e que já vimos de assinar por três números:

«O primeiro projeto de Círculo Edições é lançar uma revista literária que sirva de ponto de encontro para aquelas pessoas que desfrutamos com as diferentes formas em que se manifesta a arte de manejar a língua. Publicaremos três números por ano (em fevereiro, junho e outubro), em formato digital (epub e PDF) e em papel.
Os conteúdos serão variados: incluem a poesia, o relato curto, o ensaio e traduções. As secções corresponderão com estes conteúdos.
Ademais de estas secções variáveis programamos duas secções fixas. Uma dedicada a um autor ou a uma autora, que será proposto pelo Conselho Editorial e uma outra dedicada a um clássico da literatura galego-portuguesa como homenagem e em memória do nosso passado comum».

Mais informação no web da editorial.

Share

Transmisión interrompida

Un neno pasea con quen semella ser a súa avoa, e di: «Sabes como se di cometa en inglés?». A señora sorrí negando coa cabeza, e o rapaz responde todo orgulloso: «Papaventos!».

[Caso real, escoitado nunha praia de Arteixo]

Share

As Crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, por Gabriel Ferreiro

As Crónicas de Landereina, de Sabela González (Galaxia)O libro de Sabela González trata dun país onde todo era paz, pero un día cambiou. Un ser maligno subiu ao poder, o ser foi derrotado pero a ferramenta máxica que usou para conquistar Landereina seguía existindo. Séculos despois atópase repartida en anacos por todo Landereina tras un intento falido de destruíla. Agora as nosas heroínas, Güenaela e Berenguela, están pesquisando a localización de todos os anacos para poder destruír a posible ferramenta máxica máis poderosa de todo o universo: a Pedra da Lúa.

As novelas de aventuras fantásticas deben ser moi animadas e cunha considerable ración de acción, pero esta por momentos se dedica a contarche máis detalles da historia dos necesarios, segundo o meu criterio, o que a fai ás veces un pouco lenta.

Sen embargo, As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa gustoume moito. Basicamente pola característica de que, se comezas ao ler o libro e logo tes que retomalo, cun pouco de atención facilmente te enteiras absolutamente de todo do que pasou (evidentemente sempre hai detalles que están cando contan un suceso por primeira vez, pero á hora de escribir estas liñas non os teño en conta). Tamén me gustou a grande variedade de criaturas, personaxes, pobos, razas e culturas. É un libro moi bo.

Gabriel Ferreiro (un lector de 13 anos)

 

Share

“A Cultura Galega contra a LOMCE”

«O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence, vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se educaren na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega reclamamos a retirada da LOMCE.»

Para mostrar o teu apoio ao acude ao web da Plataforma Galega en defensa do ensino público.

Share