palavra comum por marcos ferreiro

Volta a nosa revista galega lusófona: “É com a Palavra que edificamos o Mundo”

palavra comum por marcos ferreiro

Fotografia de Marcos Ferreiro, novo curador na PC

«A Revista Palavra Comum está de volta. Vem renovada nas vontades. Ao mais distraído pode parecer estranha, ligeiramente diferente. Mas é ela, a de sempre, a Comum: inquieta, livre e do Mundo. Nela mantém-se a voz de um tempo, os seus sentidos e as suas ânsias. Os seus caminhos longos e de horizontes largos. Há traços do seu corpo rebelde, há ensejo da paixão. Fronteiras que se desfazem ao seu passo. Vínculos que se fortificam. Eterna busca e territórios de experimentação. Há vida! Porque ela sabe: comovemo-nos com o absurdo de estarmos aqui trespassados por uma urgência. Farejamos esse último aroma, essa sensação de duração, essa assombrosa e impiedosa maquinaria da beleza. Erigimo-nos para nos defender da barbárie. Porque o mundo sufoca. O tempo atomiza-se. E por isso ela vem para demorar-se nesta sua nova etapa. Reagindo a uma “época de pressa”, ao efémero. Por isso ela é Palavra, Comum. Motor do sonho. Instante de deslumbramento. Ninguém poderá estar mais vivo quando dela se acercar. Talvez assim se explique a sua ansiedade, a sua rebeldia, o seu fulgor. Perscrutando talvez o impossível…

A Revista Palavra Comum está de volta, venham juntar-se a ela!»

{Palavra Comum}

 

Share

24 de Febreiro: “Un mar que se postra e unha terra que se alza”

No día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, terei a honra de participar no Concurso Poético organizado pola Biblioteca Central Henrique Rabuñal de Arteixo no que colaboramos os membros do Club de Lectura de Arteixo. Mais un ano, será unha honra para min colaborar coas actividades literarias da vila, tanto na homenaxe á tradición galega canto á promoción dos novos valores.

No caso segundo, tamén debo lembrar que, rematado o prazo para o envío de textos ao Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, só nos falta pór día para comezar a abrir os sobres recibidos e mandar as copias ao xurado, formado pola gañadora do ano pasado, dous membros da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica, respectivamente, así como por min propio, con voz mais sen voto.

Deixo tamén aquí o cartaz que o Tono Galán e mais eu elaboramos para a homenaxe a Rosalía en 2014:

Rosalia por Alfredo Ferreiro e Tono Galan

Share

Visita á Escola Mestre Mateo

Escola Mestre Mateo ~ Alfredo Ferreiro, 2018

Poucos lugares hai tan cheos de poesía como unha escola de artes. Eu, que estudei unha carreira de letras a causa do meu interese pola creación literaria, sei moi ben canto estudo non creativo, de pura memorización erudita, filolóxica e histórica, tiven que tolerar para formarme minimamente na análise literaria, aquilo que realmente me axudaba a entender a poiesis, é dicir, a creación. Unha ciclópea erudición, mecánica e cuantitativa, abafou durante aquela vida universitaria as miñas ansias de poeta, que houberon de procurar o seu espazo no perímetro dos estudos oficiais. Por iso a visita recente que tiven a honra de facer á Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela me foi tan grata. Porque alimentou directamente as miñas raíces de creador, como se unha árbore que andase polo mundo procurando un terreo fértil —permitídeme a viaxe onírica— por fin atopase un espazo con nutrientes compatíbeis para o seu crecemento.

Escola Mestre Mateo ~ Alfredo Ferreiro, 2018

Nesta visita, o primeiro que tiven a honra de presenciar foi unha reunión de traballo do grupo GALTEO, o equipo de dinamización da lingua galega. Arredor dunha mesa desfrutei do privilexio de ver nacer un proxecto novo, xestado no corazón para logo ser imaxinado na cabeza e puído polas mans de persoas que traballan pola lingua, pola arte e, en definitiva, por que non dicilo todo, pola saúde espiritual da sociedade.

Non esquezamos que o camiño espiritual é algo así como o estudo dos misterios da vida, e que nada trata mais directamente sobre eses misterios que a propia arte, elemento fulcral do conxunto das Humanidades.

Mais o humanismo patente que me embriagou durante a visita estaba presente en cada recanto, en cada sombra que albergaba unha ferramenta, en cada residuo de madeira, metal ou pedra, en cada traballo de modelado abandonado quen sabe cantos anos hai, ás veces ao lado do último esforzo en curso. Todo isto era absorbido por min en cada un dos talleres que visitei: o do téxtil, o da fotografía, o da pedra, o da madeira, o do modelado, o da xoiaría, o da forxa… En todos e cada un latexaba o eco dun proceso humano que se perde na noite dos tempos e que comeza coa inspiración, pulmonar e sagrada, que dá lugar ao xermolo dunha idea, que continúa coa xestación da mesma na intimidade da alma creadora, que precisa do coñecemento dunha técnica mais que ao tempo pretende superala nun atrevemento vangardista que, se tiver éxito, honrará a tradición sen deixar de mostrar un horizonte novo. O vello e o novo a danzar nunha representación desta nosa vida que é mutación permanente, variación que non cesa sobre as necesidades básicas.

Escola Mestre Mateo ~ Alfredo Ferreiro, 2018

E todo o traballo que alí día a día se dá, e que nunha breve visita como a que eu, cidadán privilexiado, puiden imaxinar, estaba a ser presidido pola figura do Mestre Mateo. Lembrei entón cantas veces na miña vida, mentres paseaba polo mosteiro de Carboeiro, á beira do Deza, imaxinei o grande mestre dirixindo os traballos daqueles discípulos que probablemente esculpiron os vinte e catro anciáns que tocan instrumentos acompañados pola percusión do río nas pedras. E agora estaba na capital do Antigo Reino diante das mestras e dos mestres de hoxe, a traballaren con discípulos que só desexan cumprir co seu destino de artistas e pór o seu talento a disposición do seu espírito e do mundo, mesmo sen saberen que ao se entregaren dese modo están a comprometerse con unha das tarefas máis sagradas que existen. Porque nada hai máis sagrado que a creación. E porque o da artista é un oficio que consiste, esencialmente, en ser humano.

{Praza Pública}

Share