Entrega de premios do Certame literario de Arteixo

«Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 11 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.

Reunido o xurado, composto por Begoña Paz (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Mario Regueira (crítico representante da Asociación Galega da Crítica), Teresa Moure (gañadora da 26ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (agora por orde alfabética de autora):

Bochorno, de Charo Pita

Unha praia na Polinesia, de Mercedes Leobalde García

A porta do Reconhecimento, de Tiago Alves Costa

De todos os relatos recibidos, 63 foron admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.

A coordinación agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.

O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Aida Saco, compositora que interpretará a piano pezas do seu disco Atmosferas; ao mesmo tempo, o humorista gráfico Luis Davila nos deleitará cos seus deseños proxectados en directo. Rematado o acto, ofrecerase un viño de honra como fin de festa.

O evento incluirá unha lembranza da figura de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Contacto: Alfredo Ferreiro (609 653 176)

Coordinador literario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Apartado da web municipal sobre o Certame: http://www.arteixo.org/gl/servizos/cultura/manuel_murguia»

Share

Deixar uma resposta