Avião Liberdade do Grupo Surrealista Galego, por Alfredo Ferreiro

Liberdade, do Grupo Surrealista Galego

Liberdade, caixa de artistas ou objeto-livro criado polo Grupo Surrealista Galego e produzido artesanalmente por Manchea a partir da versão galega do poema homónimo de Paul Eluard, realizada por Xoán Abeleira. Com gravuras de Alba Torres, Ana Zapata, Alfredo Ferreiro, Laura Sánchez e Tono Galán.

À venda aqui. Contato: Laura Sánchez e Tono Galán: mailsamanchea@gmail.com.

Nota: A foto acima foi tirada na apresentação do Natal de 2015, em que os aviões da Liberdade voárom de novo.

Share

O Grupo poético Hedral reencontrouse n’ Á lus do candil

Grupo poético Hedral na libraría Á lus do candil, de Arteixo (7/12/2012)Levaba un tempo camiñando por esta terra, traballando neste país, criando os fillos como xeracións sen termo fixeron antes ca min e, subitamente, reencontreime con aquel eu mesmo que tiña vinte e cinco anos e profesaba a súa fe na poesía, na vangarda, no anarquismo, no lusismo… Os compañeiros daquela guerra en que loitabamos pola modernidade que nos tocaba construír, contra unha incercia cultural que nos parecía pouco seria, pouco sincera, pouco valente, pouco intelectual, pouco tradicional, pouco profunda e, en denitiva, pouco atractiva e deliberadamente pouco fértil, reuníronse de novo. Percibín como o tempo pasou e, aínda que tolerei os erros doutrora como un avó perdoa e xustifica amorosamente as crianzas, gustei de recoñecer os acertos que da intuición xuvenil chegaron a ser alicerces dunha filosofía que acredita no valor do amor e da arte, que acredita nun país tan forte e tan rico que prefere, máis intelixentemente do que algúns pensamos, aparentar que se deixa levar pola maré, como sen vontade, cando o que desexa é nunca camiñar polo carreiro que lle marcan desde afastados despachos.

Vinte anos pasaron, de guerra íntima e de loita social e, vendo de novo recitar os compañeiros do grupo, revelóuseme que a verdade está noutra parte que nos números do día das eleccións, os números da oficina de desemprego, os números da economía estatal, os números do documento de identidade… A poesía apareceu aquel venres n’ Á lus do candil e a luz fíxose palabra á vez que os números caían derretidos no chao. Os números do latrocinio, cifras dunha falsidade roubada, perante a verdade iluminada da poesía.

Todos os días preciso de ler as noticias políticas e económicas, e todos os días me digo que ler isto é unha tentación malévola que o sistema me ofrece para me contaminar, para que pense que podo mudar algo nesta falsa democracia en que o que o pobo di a ninguén importa, en que o pobo é quen menos ordena.

E cada vez que sucumbo, vexo como o meu corazón se torna escuro, a miña vontade amolece e o desánimo crece en proporción inversa á miña vontade de actuar.

Por iso agora quero dicir que renego íntima e publicamente desa realidade falsa que nos describen a maioría dos medios. Eu non recoñezo máis autoridade que a de quen é autor (cf. Mário Cesariny), e os autores que máis me interesan son os meus amigos, os meus familiares, os meus veciños, as miñas compatriotas, os meus artesaos, as miñas labregas, os meus mariñeiros, os meus xornalistas, as meus profesoras, os meus taxistas, as miñas dentistas, os meus artistas, as miñas escritoras, os meus libreiros… porque día a día son autores da miña vida. Non desexo prestar máis atención ao canto das sereas dun mar que nunca hei de navegar. Eu son de aquí, convosco moro e para vós escribo. E acarón de vós hei de morrer.

Nota: na foto de acima, que me manda Ramiro Torres, figuran (de esquerda e en pé): Alfredo Ferreiro, Luís Maçãs, José António Lozano, François Davo, Pedro Casteleiro, Tati Mancebo, Mário Herrero e Dulce Fernández. O vídeo é de Tati Mancebo.

Share

Un grupo ‘shandy’ galego?

Esta obra case lendaria de Enrique Vila-Matas pareceume un deses licores que sempre desexo ter perto, para aqueles momentos baixos en que é preciso reencontrarse co saber intenso da boa literatura. Trátase dunha noveliña que se apoia no aspecto formal no ensaio e argumentalmente constitúe unha sorte de investigación sobre un colectivo de acción artística. Con certo tinte surrealista, a obra refire actuacións e encontros de reputados protagonistas como Duchamp, Scott Fitzerald, Walter Benjamin, César Vallejo, Rita Malú, Valery Larbaud, García Lorca, Pola Negri, Berta Bocado, Alberto Savinio e Georgia O’Keefe, todos estes ben mexidos e maxistralmente temperados cunha lingua literaria saborosamente destilada. Constituída a sociedade secreta, para facer parte dela había dous requisitos imprescindíbeis: a obra do artista debía ser portátil; a outra era que este debía funcionar como unha auténtica máquina solteira. Aínda que non imprescindíbel, era recomendábel posuír certos rasgos especificamente shandys: sexualidade extrema, espírito innovador, ausencia de grandes propósitos, insolencia, convivencia tensa con o duplo, simpatía pola negritude e nomadismo infatigábel.
7poetas_capa_600Porén, a lectura desta obra tróuxome á memoria o que sen sabelo puido ser un incipiente grupo shandy galego, alá polos 90, apenas cinco ou dez anos despois da primeira publicación da História Abreviada da Literatura Portátil (Porto: Campo das Letras, 2006). Éramos sete poetas: José António Lozano, Pedro Casteleiro, Mário Herrero, Tati Mancebo, François Davo, Luís Maçãs e quen isto agora lembra; contábamos ademais co apoio inestimábel de Dulce Fernández e con o albergue inigualábel da Agrupaçom Cultural O Facho. A nosa creatividade frenética durante as noites de case unha decena de anos pola Coruña adiante deu como fruto visíbel un libro denominado 7 poetas. Na capa podía verse unha foto en negativo da Torre de Hércules, facto que para min sempre singnificou a “reapropiación lexítima do símbolo herculino”, furtada, como toda a cidade, á cultura galega polo alcalde Francisco Vázquez.
7poetas_recitalPois ben, editamos o libro no cuarto da miña casa e imprimimos tan só 200 exemplares, 150 dos cais foron enviados a institucións e persoas relevantes. Despois de varios meses, poucas persoas nos tiñan acusado recebemento: Biblioteca González Garcés da Coruña, Biblioteca Municipal de Narón, Luciano Rodríguez, Xosé María Monterroso, Xosé Lois García, Cesáreo Sánchez, Francisco Fernández del Riego, Kathleen March, Vergílio Alberto Vieira, Miguel Anxo Fernán Vello e, das terras interiores da Goiânia, o brasileiro Gabriel Nascente, de quen recibimos unha fermosa nota de xornal que aquí por primeira vez reproducimos.
Lembro que na altura eramos ben conscientes da nosa singular posición político-cultural, que sempre poñiamos atrás das maiores ambicións poéticas, as cales tiñan evidentemente moito máis a ver cun gnosticismo fortemente intuído do que co pacato éxito editorial. Neste cadro, a ninguén pode sorprender de que modo intestino celebramos a publicación da obra: en lugar de organizar unha presentación pública decidimos reunirnos nós mesmos nun lugar afastado á beira dun río e comer e beber xuntos á saúde dos lectores do noso libro, naquel momento ignorantes da báquica homenaxe que lle estabamos a dedicar.
7poetas_gabrielnascente2-1024x468Por esta actitudes e por outras consideracións que paso a refenciar eramos, sen sabelo, unha sorte de clube shandy, a saber: a) a obra do poeta debía ser invisíbel, e para iso nada mellor que escribir o galego con grafía portuguesa, que aínda que histórica, filolóxica e romántica é a máis desprezada polo poder neste país, e por tanto inoperante no permanentemente incipiente mercado literario galego; b) o poeta debía funcionar como unha máquina solteira, o que sin excepción se concretizaba en que política e poeticamente non nos casabamos con ninguén, e implicaba, por outra parte, que non contásemos con padriños. Nunha ocasión en que estes si quixeron aparecer, o seu apoio viña condicionado a que expulsaramos do libro colectivo o François Davo, para dar lugar a unha obra coruñesa sen contaminacións exóticas. No entanto, se o François non estaba no grupo para atribuírmonos un marcado carácter internacional, interesante se quixésemos vender unha marca, tampouco había de restar coruñesismo ao proxecto. A poesía estaba por riba de todo, como unha ponte que salva o superfluo e une o esencial.
7poetas_conviteA maiores destas características, outras nos marcaban en diversa medida: espiritualidade extrema, afán innovador, ausencia de grandes propósitos editoriais, anarquismo, creación en grupo, simpatía pola lusofonía e nocturnidade infatigábel. Por todos estes motivos, e aínda por outros que esquecín ou non me atrevín a lembrar, puidemos ter promovido, sen sabelo, unha secreta conspiración literaria, o que se cadra nos haberá de inspirar para o resto das nosas vidas.

Share

‘O mundo habitado’, exposición de foto/poesía de François Davo e Gonzalo García

Exposición de François Davo e Gonzalo García

Até o 31 de decembro, “O mundo habitado” que descubriron François Davo e Gonzalo García chama por nós desde a Casa Museo María Pita da Coruña (Herrerías, 28). Trátase dunha exposición en que a escritura e a fotografía se unen para dar unha sorte de luz no territorio misterioso do máis ancestral, concretado neste caso no Dolmen de Axeitos. Fotos sobre as sombras que a pedra ofrece e textos sobre o saber que a pedra garda, feixes de luz cruzados que os artistas mostran limpamente, para que o lector/expectador apañe no detalle o universal.

Share

«No oeste»: fotografías de Melki Chichery

'sause', por Melki

‘sause’, por Melki

O amigo Melki, fotógrafo francés afincado na Coruña, expón traballos seus. Que ve a primeira vez un novo habitante na cidade? Así presenta el mesmo a súa exposición:

«A obra é un estudo dun territorio (Galiza) en constante transformación. Urbanístico. Subliñando un plantexamento urbanístico insólito, as fotografías plasman o esquema de lugares vacíos, rincóns abandoados como restos “periféricos”. Rescatan esas zonas arquetípicas aparentemente invisibeis para outras olladas. barrio de a coruñaLugares intermedios, restos de barrios ou aldeas. O retrato dunha arqueoloxía deses espazos anónimos deixados á súa sorte. (…) Trátase dunha paisaxe nos límites. Non se trata dunha paisaje natural cuxa beleza sexa similar ao mundo paradisíaco reflexado polo arte tradicional. Trátase de unha paisaxe domesticada e sentenciada polos novos usos de unha sociedade en continuo movimento. Lugar sen clasificación, lugares que ficaron atrapados como illas entre cidade e campo. A historia oculta deses rincóns deixa paso a outra historia cuxa característica é unha sociedade sen arraigo.»

Un paseo interesante, unha ollada particular, un foco se cadra sobre algo tan familiar, que xa non o vemos. Na Casa museo Casares Quiroga da Coruña (Panadeiras, 12) ata o 20 de setembro de 2010.

François Davó

Share