Manuel Rivas: “Cátedra Galicia-América”

Manuel Rivas participa em Buenos Aires na apresentação da Cátedra “Galicia-América”.

Sermos Galiza: «Coincidindo coa Feira do Libro de Bos Aires inaugúrase o vindeiro martes 26 a Cátedra Galicia-América na Universidade Nacional de San Martín apadriñada por Manuel Rivas. Con esta xa son tres as cátedras de estudos galegos que operan na cidade porteña. Esta cátedra está dirixida por Manuel Rivas xunto con dous activos membros da colectividade galega: o historiador Ruy Farías na dirección académica e de investigación; e a xornalista Debora Campos na dirección executiva. En Bos Aires xa funcionaban outras dúas cátedras, a Alfonso R. Castelao na Universidade de Bos Aires e a Cátedra de Estudos Galegos de La Plata. Esta cátedra, que forma parte do programa Lectura Mundi desta universidade, pretende ser “un espazo de reflexión crítica, investigación e difusión da cultura, a historia e a realidade de Galiza, tanto da ‘metropolitana’ como daquela outra esparexida polo mundo, especialmente a que se desenvolveu ou a que tivo contacto coa Arxentin, historicamente o maior destino mundial da emigración galega”.  Para isto, levará adiante distintas actividades durante todo o ano, que contemplan a investigación, a xestación e difusión de eventos artísticos e intelectuais e o intercambio con outras institucións culturais e de estudos galegos, tanto no país como noutros puntos do planeta […]».

Share

"A Cultura Galega contra a LOMCE"

«O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence, vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se educaren na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega reclamamos a retirada da LOMCE.»

Para mostrar o teu apoio ao acude ao web da Plataforma Galega en defensa do ensino público.

Share