Avião Liberdade do Grupo Surrealista Galego, por Alfredo Ferreiro

Liberdade, do Grupo Surrealista Galego

Liberdade, caixa de artistas ou objeto-livro criado polo Grupo Surrealista Galego e produzido artesanalmente por Manchea a partir da versão galega do poema homónimo de Paul Eluard, realizada por Xoán Abeleira. Com gravuras de Alba Torres, Ana Zapata, Alfredo Ferreiro, Laura Sánchez e Tono Galán.

À venda aqui. Contato: Laura Sánchez e Tono Galán: mailsamanchea@gmail.com.

Nota: A foto acima foi tirada na apresentação do Natal de 2015, em que os aviões da Liberdade voárom de novo.

Share

O Grupo Surrealista Galego nas Portas Ártabras

A maioría das persoas que poden agora ver este inspirado video do compañeiro Tono Galán poderán facerse unha idea do que foi aquela noite nas Portas Ártabras, un lugar cativador pola súa querencia á Pedra e á Arte. Non foi unicamente a presentación do excelente libro Esplendor arcano do caro amigo Ramiro Torres, senón un paso máis, e non pequeno, da investigación poética que o GSG tenta levar a termo en todos os seus actos públicos.
A ninguén sorprende observar que nos últimos tempos os recitais poéticos máis atraentes son aqueles en que se abandona un estándar demasiado formal. Neste sentido algúns grupos de poetas teñen avanzado no carácter oral da poesía até o punto de convertela en parte dun espectáculo que se desenvolve no ámbito da canción ou do teatro. É esta unha volta á oralidade ancestral da poesía que resulta moi agradábel, mais que nada ten a ver coas pretensións do Grupo Surrealista Galego.
Efectivamente, no GSG nada estamos a facer por actualizar un xénero literario, nen ficamos preocupados coa aceptación maioritaria dos nosos actos públicos. Os nosos obxectivos están nun outro lugar, un lugar misterioso. E non é misterioso porque nós pretendamos ocultalo, senón porque ese Misterio é mesmo o obxectivo da nosa actividade, que por súa parte non é misteriosa, senón pública como vimos de recoñecer aquí.
O Misterio é o obxectivo, e sobre el pretendemos deitar luz. Por iso nos nosos actos nos esforzamos por saír do convencional e deixarmos que o Misterio se apresente, ele mesmo, aínda que chegue envolto ao noso pesar no encobrimento que lle é propio. Nós tampouco destacamos por sermos os máis sorprendentes de todos, iso sería propio de alguén que pretende vender algo, algo aparentemente novo que non for máis que o de sempre vestido con roupas adquiridas nun falso futuro. Nós queremos ser do presente, e é por isto que non podemos máis que convocar a Musa, ou a Deusa antiga que todos os nosos actos preside, esa alma que non pena senón que nos ilumina por dentro sempre que o corazón se abre para deixar fuxir a treboada e dar abrigo á harmonía que a Poesía ofrece.
É, necesariamente, un acto máxico ancestral o que se pretende, e isto non se pode describir en termos de actualidade, e moito menos predicir. É algo que se procura, é algo que hai que ter vontade de atopar.

{GSG VIDEO ESPLENDOR ARCANO from MrEIDANPELIS on Vimeo. Un vídeo do amigo do GSG Tono Galán}

Share

Para unha biografía de Ramiro Torres, auténtica

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013)Probabelmente algúns de vostedes non o saberán, mais o autor de Esplendor arcano, Ramiro Torres, é unha persoa singular desde o día en que chegou ao mundo.

O día que Ramiro naceu a súa nai estaba calma, tan asombrosamente calma que parecía querer parir como quen se dedica a unha actividade plácida, como quen non ten présa por acabar o choio e prefire andarse polas ramas. Tanta fama atinxiu esta actitude natalicia, que desde ese día o “estilo ramírico de nacer” figurou nos anais da Obstetricia.

No entanto, os prodixios non se cinguiron aquel día á área da ciencia médica, senón que algúns sucesos milagrosos houberon de colorir o seu nacemento co tinte dos elixidos: a matrona que o atendeu, nai confesa de tres cachorros, recuperou no acto a súa virxindade; e o xinecólogo que apañou o corpo de Ramiro para que non se magoase cando tombou no frío e luminoso mundo, nunca máis precisou de facer a manicura pois os seus dedos permaneceron delicados e suaves por sempre, para delicia de familiares e pacientes.

Ramiro Torres por Gabriel Ferreiro (2013_2)Si, señoras e señores, a abrupta experiencia do nacemento humano foi para Ramiro Torres unha doce caída polo tobogán da vida, e esta sabedoría, como os seus amigos sabemos, tamén afecta aos que rimos con el, aos que traballamos con el e aos que lemos os seus versos. Por iso a publicación de Esplendor arcano nos produce tanta emoción, porque recoñecemos un estilo propio, o ramírico, co que este libro foi parido, e mercé ao cal semella ter saído do prelo como por elevada e arcana predestinación, como un deses acontecementos que mudan o rumbo da Historia e que, se coñecésemos as antigas artes, saberíamos ver escritos no firmamento.

Hoxe é un día histórico porque podemos comprobar coas nosas mans e cos nosos ollos, en negro sobre branco, que acaba de nacer unha das potencias poéticas da época.

Deamos grazas á musa, e que a todos nós inspire. Amén.

Nota: Este texto foi lido na presentación de Esplendor arcano en Portas Ártabras, en 25 de xaneiro de 2013. As fotos son de Gabriel Ferreiro.

Share