‘Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro’, por Ramón Nicolás

Versos Fatídicos, por Alfredo Ferreiro (Positivas, 2011)«Tras Metal central (2009) retorna Alfredo Ferreiro ao primeiro plano da actualidade cos seus Versos fatídicos (1994-2010): unha intensa colectánea que agrupa composicións inéditas e outras que agora se versionan e modifican, dispostas logo dun intelixente limiar subscrito por François Davo e que contan cun monllo de ilustracións da man de Alberto Esperante.

Este volume susténtase na aplicación dunha perspectiva heteroxénea, tanto no que ten que ver cos asuntos tratados como no que se refire a formas e estilos, onde podemos atopar desde composicións máis ortodoxas a aforismos, pasando por prosas poéticas ata reflexións de carácter filoensaístico. Se cadra sexa nesta clave desde a que cómpre achegarse ao que se configura como o espello persoal dunha visión poliédrica e singular do noso propio tempo e do “fatum” que o rodea, inquirindo con teimosía posibles respostas a unha morea de preguntas, articuladas desde un rico universo simbólico, que vai desde o ámbito do automatismo creador ata a presenza do máis cotián, sen esquecer a evocación memorialística nalgún caso e, talvez por riba de todo, o cuestionamento respecto da morte e o seu último sentido.

Un libro que nace desde a instancia das incertidumes e as conxecturas pois “Escribir un poema debe ser un diluvio que agoniza”. Poesía que se espalla en marés de palabras, moitas veces esgazadoras, para seguir camiñando sobre o tempo e a vida.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011 baixo o título de «Culto ao vario en marés de palabras».»

{Caderno da crítica}

Share

‘Vivir un soño repetido’, libro electrónico de homenaxe da AELG a Lois Pereiro

“Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas. As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato: a) poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro; obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro. Da  conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.” [Vía Asociación de Escritores en Lingua Galega]

Os autores e autoras que participan son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar Janeiro.

Algunhas recomendacións para a lectura:
1. Tanto en Linux canto en Windows é recomendábel usar Calibre. Con Windows 7 vai ben Adobe Digital Editions.
2. Para navegadores: a) Epubreader en Firefox funciona perfectamente (hai que instalar o addon e despois abrir o libro desde “Abrir arquivo” en “Arquivo”); b) Para Chrome recomendamos a extensión MagicScroll.

Share

Eu tamén son un Bolechas!

Os Bolechas difuminan os limites entre o mundo virtual e o real. Desde hoxe partindo dunha foto propia o usuario pode construír un avatar e verse integrado no mundo creado por Pepe Carreiro. O proxecto preséntase hoxe, martes 21, ás 13:15 na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela.

Meubook chegou a un acordo con Pepe Carreiro e desenvolveu unha ferramenta que permite a creación dun conto personalizado a través da web. Baseándose na tecnoloxía de recoñecemento facial, e a partir da introdución duns poucos datos fisionómicos, un avanzado programa de caricaturización elabora unha imaxe do usuario adaptada ao mundo creado por Pepe Carreiro, que como personaxe dos Bolechas protagonizará unha historia creada para a ocasión. O libro ten un prezo de 19,99 euros, e pode ser solicitado a través da web ou encomendado ao libreiro de confianza en seis idiomas: galego, castelán, catalán, vasco, aranés e portugués.

O conto personalizado dos Bolechas é un novo produto de Meubook, unha plataforma que pretende ofrecer servizos eficientes e polivalentes para lectores e editores. Orixinalmente galega, a plataforma Meubook pretende achegarse ao usuario do ecosistema do libro en varias linguas: galego, castelán, catalán, vasco, portugués, inglés e francés.

Share