Novo Clube de Leitura no Concello de Culleredo

Clube leitura literatura galega CulleredoO Concello de Culleredo decidiu apoiar a miña proposta de crear un Clube de Leitura sobre literatura galega que inclúa sempre a presenza da autora ou do autor. E non foi porque Culleredo non teña xa clubes de lectura doutra índole, senón porque o seu compromiso coa arte e a literatura do país no deixa de medrar.

No próximo luns 2 de abril, no ancestral inicio o ano e aínda co apoio da lúa chea tentaremos comezar unha actividade que tentará afinar as nosas sensibilidades, estimular o noso espírito crítico, favorecer a solidariedade e, en definitiva, aumentar as nosas conexións neurais promovendo o pensamento diverxente. Porque a análise da arte, lonxe de ser algo acientífico, implica unha actitude que engloba as áreas de coñecemento e aumenta a capacidade investigadora.

Finalizada cada lectura, faremos por ter a persoa que a escribiu para desfrutar dunha tertulia irrepetible sobre todas aquelas cuestións que a experiencia nos suscitou. Trátase de chegar a profundar o máximo posible utilizando, de partida, o menor aparato crítico posible. Porque para entender a boa literatura só é preciso asumir que foi escrita para nós, e que a simple experiencia da vida xa nos permite conectarnos á súa mensaxe e nos anima a dar a nosa opinión.

Como en todos os clubes de lectura que se precen, o importante é a participación colectiva nun debate en que a lectura é un pretexto para reflexionar sobre a vida e a arte. Poder contar, no final do proceso, coa autora ou o autor será un privilexio periódico e de incalculable valor que nos obrigará a un esforzo institucional e de coordinación importante. Algo creado para as máis amantes da lectura que co seu habitual espírito humanista terá, sen dúbida, un resultado feliz.

*

Cf. Artigo de Sara Vázquez en La Opinión: “Libros contados de primeira man”.

Share

Teoria e prática do porco preto

Apanhado do FB de Chiqui Pereira, que está a dirigir “Tráfico” de Carlos Santiago com a companhia Baal 17, a estrear nestes dias em Portugal.

Share

Barriga Verde, da memoria á vida

Mándanos o amigo Germám Ermida a noticia de que a Asociación Cultural Morreu o Demo ofrece unha nova oferta de actividades para coles, bibliotecas e similares para lembrarmos Barriga Verde, como charlas, proxeccións, obradoiros e unha exposición para centros de ensino, bibliotecas e todo tipo de espazos culturais.
Existe un completo catálogo. Máis info aquí:
info@barrigaverde.eu
@proxectobarrigaverde
www.barrigaverde.eu
Tel: 630 16 61 94

Share

Fervenzas literarias: os mellores libros de 2011

«Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas.» {Fervenzas literarias}

No apartado de poesía temos que celebrar o cuarto posto do noso Versos fatídicos, sen esquecer o agradecemento permanente que lle debemos a Fervenzas Literarias pola divulgación da nosa literatura.

Share

'Al-Mutasim de Almería', de Catherine François

A acción desta peza teatral transcorre no al-Ándalus do século XI, durante o reinado dun Al-Mutasim acosado polos reis musulmanos viciños así como por un Afonso VI que afianzaba o poder cristiano pola Spania adiante desde a solidez político-militar dunha dinastía galaica tan arraigada na época como ocultada pola historiografía española. Mais a perspicaz Catherine François non cae nos erros de tantos e representa un Al-Mutasim que trata o rei cristiano de “perro gallego”:

“Dicen que los hombres son como los árboles, que se parecen en su forma de crecer y se distinguen por la calidad de los frutos que dan. Tras matar al enviado del rey Alfonso, el rey Al-Mutamid se ha tenido que someter a sus exigencias. Su audacia ha avivado contra todos nosotros la cólera del Perro Gallego que envía a sus tropas a sembrar el pánico hasta las puertas de Almería. El árbol que se eleva por encima de los demás es partido por el rayo y, en su caída, incendia el campo entero. Llegará el día en que nadie que permanezca en su patria podrá esperar más que ruina y destrucción” (p. 30)

As intrigas da guerra mestúranse coa poesía e a filosofía en palacios e campamentos militares:

“¿Por qué habría de apoderarme de Granada si los barcos vienen a nuestras orillas a descargar tesoros de países lejanos” (p. 16).

Nas conversas entre as personaxes descríbense as campañas gañadas e perdidas:

“Tus palabras me alivian en este día de derrota -dille o rei ao poeta Ibn Al-Haddad, literalmente tocaio meu por canto significa o seu nome “Fillo do Ferreiro”- El rey de Granada acaba de arrebatarnos una fortaleza. No pocas veces me he dicho: si no puedo conservar la tierra de mi padre, ¿qué bienes podré dejar a mis hijos cuando abandone este mundo?” (p. 20). Reparen, noutra orde de cousas, nesta última frase e no valor que toma se a aplicamos hoxe á lingua galega.

Así como os problemas políticos e as estratexias necesarias para defender o territorio durante nove anos que terminan cos almorábides a punto de tomar Almería e a morte de Al-Mutasim no seu palacio envenenado pola tristeza da perda:

“Traedme agua pura, se acabaron en vino y sus quimeras. Ahora sé que renunciando a lo mejor hallamos lo sublime, que era la causa de nuestra sed. De ahora en adelante el placer me hallará junto a la fuente clara que sacia los espíritos sedientos de pureza. (Vacía la copa en el suelo).” (p. 58)

En todo momento os discursos dos reis e altos mandatarios son acompañados de argumentacións filosóficas e poemas delicados na forma e penetrantes no contido (p. 32: “La gloria en este mundo es un lujoso manto / de cenefas doradas gastadas por el uso”), nos que demostra François unha destreza na emulación dos diálogos árabes tan verosímil á conseguida para o ámbito chinés no xa comentado Caminos bajo el agua; mesmo me atrevería a dicir que, por momentos, algunhas intervencións como as do “Asceta” lembran a implacabilidade sapiencial dun Fuso Negro e a lingua áurea de Valle-Inclán nas Comedias bárbaras:

“El hombre es la única criatura capaz de concebir la nada y el absoluto, el único que se siente atraído por lo que escapa a su entendimiento. Cuando el Señor de los Universos propuso la custodia de los secretos a los Cielos, a la Tierra, a las Montañas, todos, temblando de pavor, se negaron a asumirla y el hombre, en su inmensa locura, aceptó hacerse cargo” (p. 38).

Share

Gustavo Pernas e Rubén Ruibal:

Gustavo Pernas: […]Eu escoito o da rebaixa dun 44% [en Industrias Culturais] e non me parece aceptable que o asumamos con resignación, máis aínda cando aí temos o que nos vai custar Ratzinger. A falta de política cultural do Goberno escúsana coa crise, e así desartellan un pouco máis a cultura. […] Xuntármonos os diferentes sectores sería fundamental. Hai pouco, un enxeñeiro alemán falounos dos recurtes no seu país. Dicía que é doado rebaixar na cultura porque noutros sectores hai lobbies que amalgaman a xente, pero a cultura está individualizada entre creadores e pequenos colectivos. Non hai nada que lle dea medo ao poder. E o noso esparexemento, a falta dun tecido cultural, é maior. […] O ano de Medidas preventivas levei tres premios seguidos e iso serviu para que non nos desen subvención. Aquilo lembroume o impaís de Xaquín Marín, co pé tripando na xente. Ao contrario, eu penso que se algo caracteriza á dereita gobernante é unha certa indiferenza coa cultura. Cando o Bloque estaba na consellería non era indiferenza, era que supetamente adoptaron unha política neoliberal, superburocratizada, cuns prexuízos tales que, ante calquera discrepancia, tiñas o perigo de ser claramente censurado. É dicir, a indiferenza o que leva é a que non haxa tanta persecución por tras… En plan “eses con catro pesos apáñanse”. […]

Rubén Ruibal: […] Eu en dúas tardes que botei na feira do libro da Coruña vino ben. Chega a tal extremo a separación entre xéneros que primeiro entraron os novelistas á presentación dunha novela; saíron os novelistas e entraron os poetas, e ao final entraron os coruñesistas que non len novela nin poesía. Iso é así. […] O que publicou agora Biblos [A néboa amarela, con César Candelas] mandeino a outras editoriais e dixéronme “teatro non imos publicar porque…”. Hai que botarlle peito e montar unha compañía para facer os teus textos, como Gustavo. […] Co dos premios seguimos nos anos 90. Agora nos Cunqueiro xa nin é obrigado publicar o texto; din “poderá publicar”. Antes era obrigatorio, pero coa miña intelixencia fixen que mudasen as bases… […] O deseño actual do que eran os premios nacionais é unha mostra máis do que queren facer. Queren derrubar. É unha consellería de demolición, a intención é esa, pero hano ter difícil. Cando as cousas se poñan chungas, a xente vaise mover.

Vía “Non lle damos medo ao poder”, por Óscar Iglesias · ELPAÍS.com.

Recomendamos tamén: Un recorte “humillante” | Galicia Hoxe.

Share

Biblos Clube de Lectores

Onte polo correo ordinario chegaron as encomendas feitas a Biblos Clube de Lectores, espazo no que hai un tempo merco libro galego, libro portugués e música, preferentemente. Nesta ocasión o lote consistía en:

Bos tempos para a lírica. A xeración de 1980, de Xavier Rodríguez Baixeras (Espiral Maior). «É un estudo exhaustivo, e ao mesmo tempo moi persoal, da escrita levada a cabo polos autores da coñecida como “xeración poética dos 80”. O autor analiza a obra de 11 poetas representativos dunha época particularmente “singular” da lírica galega contemporánea.»

Novas achegas ao estudo da cultura galega. Enfoques literarios e socio-históricos, edición de Olivia Rodríguez González e Laura Mariño Sánchez (Consello da Cultura Galega / Universidade da Coruña / AIEG). «Unha selección de traballos que pasaron, ademais da peneira do comité editorial, o cribeiro non menos rigoroso de seren postos en común, discutidos e refeitos polos seus autores durante os tres anos que mediaron entre o seu encontro na Universidade Federal de Salvador de Bahia (Brasil), co gallo do VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos organizado pola AIEG, e o momento presente, en que fixeron a última revisión antes de entregalos ao prelo electrónico.»

Medea dos fuxidos e outras pezas, Manuel Lourenzo (Biblos). «Conxunto de pequenas obras teatrais que permiten o seu disfrute como lectores e tamén a representación con sinxelas montaxes ao alcance dos afeccionados, escolares ou adultos.»

Totem, Fran Pérez “Narf” (Falcatruada). «Segundo disco de Fran Pérez, compositor e vocalista que ofrece baixo o marchamo de Narf a súa identidade máis sintética e acústica. Este traballo recolle melodías pop que dan forma a sons de todo o mundo.»

Share

Homenaxe a Pepe Rubianes en Vilagarcía

O 2 de setembro celebrouse no pavillón de Fontecarmoa, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), unha emotiva homenaxe ao artista galaico-catalán Pepe Rubianes. Era tal a nómina de corazóns de amigos e coñecidos que se convocaban que o equipo de Blogaliza quixo contribuír dalgún xeito a esta memoria, tentando que ninguén esquecese un evento con tan louvábel intención. Este é o vídeo que Maribel Úbeda conseguiu tecer coas gravacións que un servidor foi tomando cos xoellos e o cu sobre o duro e frío chao do corredor central do pavillón. Porque neste país hai moita máis cultura da que os medios convencionais logran malamente mostrar, tan parcos nas referencias ao que alimenta o espírito e no corazón perdura.

Aproveito a ocasión para presentarvos O levantador de fotos, un blogue que complementará este coas imaxes que nos últimos anos fun apañando no meu particular “safari cultural”. As da homenaxe son estas.

Share

Algunhas recomendacións estivais

«O son de cada pisada dada naqueles corredores atormentaba os tímpanos coa intensidade dunha cazolada. Como podía un corpo de area provocar aquel estrondo? As estruturas metálicas da prisión ameazaban con virse abaixo lanzando Mario ao baleiro no medio da ferralla. Os funcionarios, afeitos ao ruído metalúrxico, avanzaban inexpresivos.

No amplo comedor ninguén mirou para Mario pero el sentiuse observado como un aprendiz de artista porno.»

A trenza é un romance de intensidade psicolóxica nun marco de reflexión sobre as complexas redes en que a sociedade nos capta, na ineludíbel fórmula universal da acción e a reacción, da elección e a responsabilidade sobre o propio e o alleo. Porque nada do que os outros fan deixa de afectarnos, porque nada do que facemos deixa de ter transcendencia.

Tres merlos brancos é o volume que contén as narracións premiadas nas tres últimas edicións do Certame Manuel Murguía de Arteixo (XV-XVII), convocante desde 1991. Neste caso ofrece os relatos de Xesús Manuel Marcos (Caída da folla), Miriam Rodríguez (Mentres espero) e Alva Martínez Teixeiro (Un domingo amarelo para dentro).

O Morgado de Fafe em Lisboa e O Morgado de Fafe Amoroso son dúas pezas de teatro dun dos maiores escritores ibéricos do século XIX, agora introducidas e editadas por Carlos Paulo Martínez Pereiro para a Biblioteca-Arquivo teatral “Francisco Pillado Maior”da Universidade da Coruña: «Pode-se afirmar que as duas peças protagonizadas pelo Morgado de Fafe posuem tanto o processo de crescimento, como o potencial de actualização que dão vida intemporal e acompanham os textos ‘clássicos’, pois, atacando as bases do próprio (e duplo) fingimento dramático como mostram as repetidas alusões distanciadoras ao próprio teatro ante o exagero de atitudes e situações, sáo muito mais -e já não seria pouco- do que típicas farsas que não visam mais que fazer rir pela típica tromperie bouffonnne

Os alimentos terresteres e Os novos alimentos, de André Gide, agora introducido e traducido polo poeta do verso narrativo (e non prosaico) máis polido das letras actuais, implica unha lectura dun calado raro na edición galega. É talvez un caso como o precedente, no sentido de que ofrece a pluma dun autor invulgar como poucos, e xenial como moitos menos: «Tira do meu libro; di que só é unha ds mil posturas posibles ante a vida. Busca a túa. Non fagas o que alguén tería feito tan ben coma ti, e escrito tan ben coma ti, non o escribas. Sinte apego nada máis que por aquilo que só está en ti mesmo e en ningunha outra parte, e crea de ti, con impaciencia ou con paciencia, ah!o máis insustituible dos seres.»

Aire negro, de Agustín Fernández Paz, é un dos éxitos de novela da modernidade, como traduce esta 13ª edición, revisada polo mesmo autor. Narración con fantasía e terror, inclúe o amor tamén na corda bamba dunha intriga tensa que só no final permite ao lector que recupere o alento. Unha mostra máis do talento de Agustín, na mellor utilización dos recursos emotivos do discurso literario.

A verdade como mal menor, de Xosé Luís Martínez Pereiro, é o título dun conxunto de cuarenta e cinco relatos co que venceu o Premio Repsol 2008. Textos que pretenden unha focaxe tanxencial sobre o mundo, non só polo que supón arrimarse aos xéneros burlescos, nunha actitude proclive á sátira, a escatoloxía ou á obscenidade. Falo da pretensión de mostrar as posturas menos usadas polo cerebro, aquelas que lle permitirán pensar dun outro modo. Algo así como facermos ioga co pensamento, na procura dunha nova perspectiva: a postura do arado, por exemplo, mais non afectando á nosa coluna vertebral, senón facendo dobrar o noso modo de pensar sobre si mesmo. Un afán libertario que na literatura galega surxe talvez por primeira vez.

«Calquera localidade pode ser o centro do mundo; Xuan Bello fai, con emoción, que nestes textos o sexa Paniceiros. Coimbra, Tánxer, Nova York, Barcelona… todos collen en Paniceiros. As sete casas desta aldea asturiana gardan un espazo literario propio que Xuan Bello universaliza maxistralmente. É Historia Universal de Paniceiros unha das obras máis líricas e emocionantes que se escribiron nos últimos tempos».

Unha experiencia literaria no sentido máis aberto do termo, sin contemplacións sobre o estilo e a perspectiva. Unha reflexión sobre o universal e o local, o social e o individual nuns relatos escritos desde unha óptica moi particular. Non só Gide dicía que o que debemos escribir é aquilo que só nós somos capaces de levar ao papel, Herberto Helder tamén estaba convencido disto nunha das escasísimas entrevistas que concedeu.

Share

III Encontro de novos escritores AELG (1/5)

[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/mExAzJ8t1pE" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

O III Encontro de novos escritores da AELG, co epígrafe “Entre dous séculos”, comezou no Pazo de Mariñán coa mesa “Cartografías literarias do novo século”, coordinada por Mª Xesús Nogueira. Sobre o dito por Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal tomamos nota do seguinte:
Oriana Méndez: “Estou cansa da idea do compromiso do escritor novo, pois non só os novos se comprometen”. Máis que xeracións ve inevitábel a formación de “redes de posicionamento común” ante as mesmas circunstancias históricas. Fundamentalmente o que existe como elemento aglutinador é un posicionamento político. “Desde unha parte da crítica valóranse moito as obras formalmente arriscadas”.
Mario Regueira: “Estamos afectados pola crítica excelente”. Critica o excesivo interese en etiquetar: moitas veces a etiqueta nace antes de que haxa tempo real e prudente para valorar as obras literarias. “Creo que as cousas verdadeiramente interesantes que se levan facendo neste país non as fixeron as chamadas xeracións literarias, senón grupos de persoas que decidiron intervir no sistema en momentos concretos, con independencia da súa idade, o seu estilo literario e tamén da norma ortográfica do galego que escolleron. Dalgunha forma isto representa un ponto intermedio entre o individualismo literario e o compromiso común, un ponto que non sempre está no mesmo lugar, senón que flúe e procura o seu espazo a cada momento”. Advoga pola independencia e máis pola responsabilidade ante a mala situación do sistema. “Temos moito en común con outras literaturas subalternas”, porque a nosa non pode desenvolverse con liberdade. “Estou canso da idea do compromiso do escritor”. Intervén Francisco Castro: Non cre que teñamos unha literatura subalterna senón que posuímos un sistema literario subalterno. “Temos un problema co país”: a xente non ten interese en ler en galego, e non importa que calidade se lle ofreza.
Rubén Ruibal: Non observa xeracións literarias difiníbeis. Ao tempo, si experiencias comúns, no caso dos seus coetáneos: a escola dos 70, a droga, o paro… Afirma que no teatro moitos críticos non se atreven a facer críticas negativas. E Paco Souto intervén: “A crítica non ten a trascendencia que debería a nivel social. Eu deixei de facer crítica de teatro por enfrontamentos coa xente do teatro.”

Alfredo Ferreiro / Tati Mancebo

Share