‘A distancia do tambor’, de Eva Veiga, presentado nas Portas Ártabras

A_DISTANCIA_DO_TAMBOR_250Coas butacas ocupadas e aínda xente de pé, nas Portas Ártabras tivo lugar a presentación do libro de Eva Veiga A distancia do tambor, XIII Premio Fiz Vergara Vilariño máis unha vez editado por Edicións Espiral Maior. O editor Miguel Anxo Fernán Vello iniciou a presentación da obra cunhas acertadas notas sobre a substancia da obra e a profesora Teresa Seara puxo o ramo cun discurso caracterizado por unha florida comparación con abondosas plumas universais. O acto foi amenizado cunha actuación do Grupo Ouriol en que a mestría dos músicos e o talento para o recitado de Eva ficaron máis unha vez patentes.

A poesía, o recitado e as intervencións sobre a obra foron simplemente estraordinarios. Mais o viño do Berzo e as cereixas do Antigo Reino non foron menos! Ás veces penso, ao invés doutros ditos máis sanguinarios, que a letra pola gorxa entra.

28

ALGUÉN viu o terror nesas follas verdes

como un brillo ciliado no estómago de pedra?

Pedra licuada coa voz máis azul do veleno.

Anémona viva.

Os teus dedos aflixido cristal contan os buracos,

a madrugada é un tanque destrozando a luz,

escóndeme de min cabeleira de sombra,

dalle ás crianzas o gran río

como unha coroa de valses.

Quen é reloxeiro neste deserto da lingua,

quen escribe noite co imán do desamor,

quen esmaga o carambelo dun breve laio?

O baleiro asedia

océanos dunha carencia antiga

que volve remando.

 O sangue é un tacto branco que foxe da loucura.

Durmir como a madeira de volta á praia.

Share

XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior.

A continuación foi o concelleiro de cultura Francisco Pérez (PP) quen resaltou o esforzo que están a facer en Sarria por manter o apoio económico a un premio que consideran un referente valiosísimo no contexto do país. É desde logo un mérito que merece o máximo recoñecemento a colaboración de Pérez xa desde o nacemento do premio, segundo nos constata a Ergueitos, especialmente cando desde o partido que el representa vemos día após día incesantes agresións á cultura galega. Aínda ben que nalgúns lugares podemos achar sensibilidades que fan gala do sentido común que nos inclina a valorar o patrimonio cultural como un ben prezado para o presente e o futuro. Non todo está perdido se hai persoas así, coas que habemos de partillar momentos felices como o de onte para alén das consignas e as disciplinas de partido.

A intervención de María Casar, presidenta de Ergueitos, constituiu un percurso emotivo polos trece logros que conforman xa o premio do Fiz Vergara, e que a día de hoxe ofrece á vencedora 6.000 euros, unha obra escultórica de Miguel A. Macía e a publicación da obra. Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.

O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.

Share