Fisterra, a derradeira perla de occidente

No pasado día da Revolução dos cravos o escritor Modesto Fraga ofreceunos a agardada presentación en Arteixo do seu primoroso libro sobre Fisterra. Xa sabíamos que era unha obra que trascende amplamente o concepto de guía turística local, mais puidemos comprobar até onde son capaces de chegar a súa paixón pola vila e a súa altura intelectual. Porque este libro mostra moito máis que unha terra atlántica con personalidade memorábel: toda a idiosincrasia do pobo galego fisterrán. Deste modo, a obra de Modesto repara nas referencias históricas máis relevantes, nas características físicas e espirituais do seu singular patrimonio, nas peculiaridades da fala e da toponimia, nas personalidades da vila, ao tempo que noutros aspectos máis mundanos e pragmáticos como os servizos de hostelaría e as rotas e lugares recomendados aos camiñantes.

Non podía ser doutro modo: Modesto Fraga quería dar a coñecer as virtudes da súa Fisterra aos turistas, por iso como valor principal había de falar das cualidades da súa xente. É o que diferencia un humanista dun simple reporteiro.

Quen desexe recibir na súa morada o libro Fisterra, a derradeira perla de occidente, debe solicitalo no teléfono 615 48 45 07 ou ben no correo electrónico: luscandil@gmail.com. Mandaranllo asinado polo autor e sen ningún gasto de envío ao prezo de 16 €.

Share

Cando o metal encontrou o seu señor

O pasado venres tiven a oportunidade de ofrecer o meu Metal central, xa de 2009, aos excompañeiros da fábrica a quen foi dedicado. Foi moi agradábel poder mostrarlle a laminadores e persoal de mantemento a existencia de poemas que só persoas coa súa exacta experiencia poden comprender en todas as súas dimensións, o seu peso, temperatura e, sobre todo, o cadro xeral da luz e do ruído. Experiencias concretas e duras, ás veces acontecidas a horas en que o común dorme placidamente, e que supoñen pór en risco a vida ou facer un esforzo persoal e en equipo brutal mollados por auga suxa e tinxidos de graxa negra, mais que non van perturbar nin os paxaros que a mañá saudarán desde o Barreiro.

O libro foi moi sentido, podo asegurar, e supuxo a miña volta á poesía despois de anos de inactividade poética. Mais faltábame facer a entrega oficial do traballo a aqueles que na realidade son os protagonistas. E isto foi posíbel grazas ao generoso esforzo dos amigos da libraría Á lus do candil por divulgar a nosa literatura, desta volta en Carballo. A eles, máis unha vez, obrigado.

Share

A colección Caldeirón de poesía erótica

No pasado mes de decembro tivemos a sorte de acudir á presentación da colección Caldeirón en Arteixo, cun interesante elenco de autoras e autores consagrados polo Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Non viñeron recitar todas, mais contamos cun nutrido grupo de plumas: Paco Souto, Alberte Momán, Enma Pedreira, María Lado e Elvira Ribeiro. Foi, como non, na libraría Á lus do candil, onde tivemos a oportunidade de gravar estas imaxes do evento.

Share

Nelson Quinteiro presenta Gharbo

O pasado sábado asistimos en Á lus do candil á presentación do novo disco de Nelson Quinteiro, Gharbo, que nesta ocasión decide financialo mediante unha páxina de crowdfunding. O concerto foi alucinante, e non podo concebir ninguén que non queira facerse cun disco así: vibrante, evocador, tradicional e moderno, e de tal modo fresco que a música armenia ou da parte do mundo que fose resultaba harmoniosamente fundida en pezas de grande sensibilidade galega. Galega e inconmesurabelmente universal. Facede como nós e apoiade o seu proxecto, porque non poderedes durmir se non axudastes a parir un proxecto así. Este é o vídeo que gravou Tati Mancebo.

Share

O Grupo poético Hedral reencontrouse n’ Á lus do candil

Grupo poético Hedral na libraría Á lus do candil, de Arteixo (7/12/2012)Levaba un tempo camiñando por esta terra, traballando neste país, criando os fillos como xeracións sen termo fixeron antes ca min e, subitamente, reencontreime con aquel eu mesmo que tiña vinte e cinco anos e profesaba a súa fe na poesía, na vangarda, no anarquismo, no lusismo… Os compañeiros daquela guerra en que loitabamos pola modernidade que nos tocaba construír, contra unha incercia cultural que nos parecía pouco seria, pouco sincera, pouco valente, pouco intelectual, pouco tradicional, pouco profunda e, en denitiva, pouco atractiva e deliberadamente pouco fértil, reuníronse de novo. Percibín como o tempo pasou e, aínda que tolerei os erros doutrora como un avó perdoa e xustifica amorosamente as crianzas, gustei de recoñecer os acertos que da intuición xuvenil chegaron a ser alicerces dunha filosofía que acredita no valor do amor e da arte, que acredita nun país tan forte e tan rico que prefere, máis intelixentemente do que algúns pensamos, aparentar que se deixa levar pola maré, como sen vontade, cando o que desexa é nunca camiñar polo carreiro que lle marcan desde afastados despachos.

Vinte anos pasaron, de guerra íntima e de loita social e, vendo de novo recitar os compañeiros do grupo, revelóuseme que a verdade está noutra parte que nos números do día das eleccións, os números da oficina de desemprego, os números da economía estatal, os números do documento de identidade… A poesía apareceu aquel venres n’ Á lus do candil e a luz fíxose palabra á vez que os números caían derretidos no chao. Os números do latrocinio, cifras dunha falsidade roubada, perante a verdade iluminada da poesía.

Todos os días preciso de ler as noticias políticas e económicas, e todos os días me digo que ler isto é unha tentación malévola que o sistema me ofrece para me contaminar, para que pense que podo mudar algo nesta falsa democracia en que o que o pobo di a ninguén importa, en que o pobo é quen menos ordena.

E cada vez que sucumbo, vexo como o meu corazón se torna escuro, a miña vontade amolece e o desánimo crece en proporción inversa á miña vontade de actuar.

Por iso agora quero dicir que renego íntima e publicamente desa realidade falsa que nos describen a maioría dos medios. Eu non recoñezo máis autoridade que a de quen é autor (cf. Mário Cesariny), e os autores que máis me interesan son os meus amigos, os meus familiares, os meus veciños, as miñas compatriotas, os meus artesaos, as miñas labregas, os meus mariñeiros, os meus xornalistas, as meus profesoras, os meus taxistas, as miñas dentistas, os meus artistas, as miñas escritoras, os meus libreiros… porque día a día son autores da miña vida. Non desexo prestar máis atención ao canto das sereas dun mar que nunca hei de navegar. Eu son de aquí, convosco moro e para vós escribo. E acarón de vós hei de morrer.

Nota: na foto de acima, que me manda Ramiro Torres, figuran (de esquerda e en pé): Alfredo Ferreiro, Luís Maçãs, José António Lozano, François Davo, Pedro Casteleiro, Tati Mancebo, Mário Herrero e Dulce Fernández. O vídeo é de Tati Mancebo.

Share

O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo

Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode ao meu íntimo cando lembro os esforzos e ilusións doutrora. Pasaron moitos anos desde que, nos distantes anos noventa, ofreciamos recitais como o froito maduro de interminábeis conversas nocturnas sobre anarquismo, nacionalismo, lusismo, esoterismo, tradición e vanguarda, todo isto aplicado desde o corazón para un país que amábamos e necesitábamos mudar.  Estas son algunhas referencias gráficas que puiden rescatar:

Share