Premios Xerais 2016 11 b 1000

Premios Xerais 2016: festeiros, demorados e currantes

Son varios os anos que levo emitindo, gravando e facendo entrevistas aos protagonistas dos Premios Xerais. Cada ano, sen falta, a profesionalidade e bo gosto (tanto estético canto culinario) do equipo de Edicións Xerais consegue que a visita anual a esta illa literaturizada por primeira vez hai 800 anos se converta nun episodio da vida que moitos gardaremos para sempre no cofre máis selecto da memoria. Se ben é certo que as auténticas protagonistas son as obras premiadas, e que o foco debe dirixirse ás autoras e autores que conseguiron chegar ao bon porto das sensibilidades dos variados e espelidos xurados, existen outros axentes que fan posible que a Illa das Letras estoure en tan gostoso abano de sensacións.

Editora Edicións Xerais de GaliciaDeseguida comprobaredes que non son fotógrafo. Mais como usuario habituado a certos trebellos, se algún deles acaba na miña man non podo evitar usalo e deseguida acabo imaxinando algún tipo de narración coa que pretendo ofrecer un sentido ao conxunto. Desta volta, á par dalgunhas das varias centenas de personalidades do sistema literario que acoden para ser testemuñas de honra na publicación e entrega dos premios, aquí poderedes ver outras persoas que normalmente non saen nos vídeos nin nas fotos oficiais porque o seu cometido é colaborar en labores de pouca ou ningunha dimensión pública. Entre elas poderedes ver: operarias de cámara, twitteiros, directoras do evento, polbeiras e polbeiros, capitáns de embarcación, gardas, secretarias de xurados, operarios das instalacións…

Un aviso para a Socioloxía literaria. Acabei descubrindo, como un pseudoDarwin asombrado na súa propia terra, que existe un tipo especial de convidados a este evento: os demorados. Son estes convidados que veredes ao final sentados nun valado ou contra unha parede cando o sol se pon e o último barco semella retardar o retorno ao continente, eses que sentan a parolar, a abrazarse ou a apañar profundamente o ar da ría nos últimos instantes como querendo multiplicar os segundos, como desexando atopar a eternidade en cada inspiración, fixando para sempre no máis íntimo as mellores imaxes dunha tarde memorábel caracterizada pola fraternidade, o amor ao país, ás letras e á arte.

Coas luces da Ponte de Rande como pano de fondo, os convidados retornan poñendo rumbo ao porto de Cobres. Nós, os currantes, noutro sentido mais sen dúbida cordialmente na mesma dirección tomamos, xa de noite, rumbo a Cesantes.

Este slideshow necessita de JavaScript.

Share

Premios Xerais 2011: este sábado ao vivo desde Blogaliza.tv

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/_ZUVrAWn-KA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Este fin de semana estaremos de novo na grande festa literaria da Illa de San Simón: os Premios Xerais. Descubriremos os gañadores do ano con nas tres modalidades de lectores principais: infantís, xuvenís e adultos. Unha reunión que implica a alegría dos galardóns e uns trescentos convidados entre os máis comprometidos co sistema literario galego que acoden por mar para desfrutar dos mellores frutos literarios da Terra. Un ambiente engoilante como poucos para os amantes da literatura que todos poderedes seguir ao vivo através do blogue de Xerais e de blogaliza.tv e en diferido nos días seguintes mediante os vídeos específicos que iremos ofrecendo desde a rede.

Share

Lembrando Lois Pereiro no Borrazás

Estas son as imaxes que conseguín gravar no Borrazás aquel previsibelmente lendario 2 de febreiro de 2011. A inspirada edición das mesmas é mérito de Maribel Úbeda, tamén do equipo de Algueirada S. L.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/9iwOYv116XU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/XMEuAebmfR4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Share

A porta aberta para o libro electrónico na Galiza

«[…] Algueirada presenta o seu servizo de maquetación de epub, o primeiro destas características que nace en Galiza. O usuario pode facer o cálculo do custo da maquetación inserindo datos de número de páxinas, formato do texto sen procesar, número de imaxes, número de notas ao pé. Unha novela de 75.000 caracteres, sen imaxes, custa maquetala 17,70 euros, IVE incluído. “Maquetamos a man, cada libro por separado, con coidado”, indican os promotores de Algueirada, entre os que está a especialista en libro electrónico Tati Mancebo e o poeta Alfredo Ferreiro.

O máis caro da maquetación é o procesamento das imaxes e a xestión das notas ao pé de páxina. A mesma novela que orzamentamos antes pasa de custar 17,70 a valer 70,80 se lle engadimos 75 chamadas. Con dúas fotos. Se lle poñemos ao texto sete fotos, o prezo sobe aos 83,19 euros.

A empresa Algueirada xestiona o portal de blogs gratuítos Blogaliza e foi pioneira no desenvolvemento de transmisión audiovisual en directo a través da internet.»

Vía A Nosa Terra – Confeccionar libros electrónicos en Galiza.

«[…] A iniciativa oferta maquetar de xeito manual calquera arquivo de texto para o formato epub de libro electrónico. Segundo explican desde a firma, os sistemas automáticos que se empregan de xeito habitual nesta tarefa provocan problemas no produto final. Tati Mancebo, responsable deste proxecto, explícanos polo miúdo cómo funciona e repasa a situación do libro electrónico no noso país.»

Vía A empresa achega a posibilidade de transformar calquera texto nun arquivo epub | culturagalega.org.

Share

Algueirada anuncia o seu servizo de creación de epubs

«Como sabemos que un ficheiro convertido automaticamente nunca pode ser un verdadeiro libro, maquetamos os ePubs a man, con sumo coidado, como se tivesen sido concibidos orixinalmente neste formato.

Recibimos os materiais -textos, notas, imaxes e metadatos- e organizámolos minuciosamente.

O resultado non é un texto máis ou menos lexíbel pero cheo de erros e de saltos de liña arbitrarios.

Os nosos ePubs son verdadeiros libros, formatados co máximo coidado, especificamente deseñados para seren lidos en calquera dispositivo dixital que soporte aplicacións de lectura de ePubs.

*

Ofrecemos unha xestión cultural baseada na utilización das novas tecnoloxías dixitais, na creatividade, no factor humano e no software libre. O noso equipo está formado por xestores de distintos campos do coñecemento e da tecnoloxía, que pensan e sinten en clave de cultura en rede para todos.

Algueirada é o noso laboratorio cultural, onde creamos comunidades como Blogaliza, proxectos musicais como ACoruñaSon, propostas de información cultural na Rede como a axenda cultural da AELG e o blogue da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Participamos na xestión de plans de formación cultural como Viacultura. Ademais somos os formadores en TIC da Fundación Amancio Ortega e construímos espazos para escritores como , entre outros, Xavier Alcalá, Pepe Cáccamo, Suso de Toro, Manuel Rivas, Marcelino Fernández Mallo, Marcos Calveiro, Xoán Abeleira ou Francisco Castro; e outros artistas como Federico Castellón ou Pablo Vara.

Que podemos facer por ti

Share