I Simpósio da “Asociación Galega da Crítica”

Simposio Asociacion Galega da Critica

Armando Requeixo, Carlos Quiroga, Moncho Lemos e Isabel Mociño

A Asociación Galega da Crítica celebrou nos dias 27 e 28 de novembro o seu primeiro Simposio. No primeiro dia, em que me coubo a honra de apresentar a nossa Palavra Comum, constatou-se o valor que o trabalho crítico em suas muitas variedades tem (crítica académica, jornalismo cultural, resenhas em magazines e suplementos, prefácios, apresentações públicas, etc.) para a divulgação da literatura em geral e da infantojuvenil em particular, para o teatro, o cinema e a arte, assim como os inúmeros obstáculos que hoje sofre na hora de tentar sair à palestra.

Houvo também oportunidade de refletir sobre certas incompatibilidades que não são de recibo para dignamente defender o setor: os casos de profissionais da crítica com vínculos evidentes a determinadas chancelas editoriais e outros casos em que relações económicas diretas ou indiretas dos críticos com a indústria convertem em incerta a objetividade na valorização de certos títulos. Chegados a este ponto, teorizou-se sobre esta “objetividade” e conclui-se que na realidade constitui um procedimento argumentativo lógico ou aceitável para apresentar uma inescusável subjetividade.

Lamentou-se, do princípio ao fim, a falta de respeito e valorização do trabalho crítico nuns meios tradicionais que, se nunca fórom amáveis com a profissão, agora oferecem menos espaço e tempo que nunca para a cultura e a crítica, sendo esta última reclamada unicamente quando um produto cultural passa a ser publicitado, fato que acontece desde que os jornais estão mais ocupados como o anunciante do que com o leitor.

A Asociación Galega da Crítica fundou-se em fevereiro deste ano depois de ter aprimorado seus objetivos e procedimentos no seio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que a tinha albergado de partida. É preciso, portanto, saudar a iniciativa e desejar-lhe uma consolidação que contribua para o melhor desenvolvimento do seu lavor.

Share

‘Fatídico Ferreiro’, por Armando Requeixo

«Non é esta a primeira vez —e estou seguro que tampouco ha ser a derradeira— que teño expresado publicamente a miña positiva consideración pola obra poética de Alfredo Ferreiro, infatigable lletraferit ben coñecido na súa faceta de crítico literario e blogueiro de pro.

Mais o certo é que Ferreiro é poeta dende sempre e que van alá xa máis de tres lustros dende que dera a coñecer os seus primeiros versos en letra impresa, por máis que o primeiro poemario comercialmente distribuído da súa autoría non chegase ata non hai moito coa publicación de Metal central (2009) por Espiral Maior.

Cumpría, pois, un volume que recollese toda esa produción édita e inédita anterior de Ferreiro e o tal libro por fin veu luz baixo o título de versos fatídicos (1994-2010) da man dunha das casas editoras máis recoñecidas do país, Edicións Positivas, nunha colección emblemática por moitos motivos: Di-versos.

O que versos fatídicos ofrece, por tanto, é a compilación de “Visión do médium (textos egoístas)” —breve escolma coa que participara no colectivo Sete poetas (1995)— e a plaquette coruñesa A cidade engrinaldada (1997), amais de moitos outros textos que permanecían espallados por diversas publicacións periódicas cando non inéditos.

As composicións que integran a obra, nacidas en distintos tempos e en ocasións diversas, son, como cabía agardar, abondo diferentes. Así, aos poemas máis simbólicos e visionarios da primeira etapa suceden outros máis enraizados coa complexidade do cotián, coa evocación lírica da cidade de instalación e mesmo coa reivindicación da memoria secuestrada ou evadida (tanto colectiva coma familiar), sen esquecer os ensaios de automatismo versal e a poética do telúrico e, xa en rematando o libro, a escrita de asunción da nosa natureza mortal coa consecuente reflexión sobre do vivido.

Do mesmo xeito, tamén no formal son estes textos de natureza dispar, que igual ancoran no poema breve, case aforístico, ca na prosa poética, pasando polo poema longo dividido en seccións e incluso ocasionais ensaios de poema-definición.

Porque ten razón Alfredo Ferreiro cando sentencia “Amo e amando espero/ a palabra perdida no universo”, non hai mellor homenaxe a esa súa verba extraviada que procurala cos ollos propios. Velaí deixo o sextante para navegantes; clica na imaxe da dereita e pasa ao outro lado do espello:» {Criticalia}

Share

Os medios independentes teñen máis crédito que os medios convencionais?

Armando RequeixoArmando Requeixo: «Hai dúas semanas quixen pulsar a vosa opinión sobre un asunto que me parecía de non pouco interese: ¿que territorio mediático ten, hoxe por hoxe, máis peso na difusión da nosa literatura: as páxinas culturais dos xornais e das revistas ou as redes sociais, webs e blogs literarios? […] Practicamente tres de cada catro de vós (para ser exactos o 74%) cre que, nestes momentos, as redes sociais, webs e blogs literarios son máis decisivos á hora de dar a coñecer e valorar a nosa escrita que os suplementos dos xornais e as páxinas das revistas culturais e/ou especializadas, que só para un 26% son a primeira opción para informarse […].»

O artigo, interesante polas conclusións e polas referencias, presta atención especial á oposición entre os medios convencionais face aos novos medios dixitais, e por tanto fundamenta a perspectiva na cuestión tecnolóxica. Ao tempo, eu observo outra valorización dos resultados do inquérito se atendemos á orientación dos contidos e aos vínculos dos críticos. Non será que os medios convencionais, en papel ou dixitalizados, non permiten que a reflexión sobre a literatura naza dela mesma, senón como mísero e tolerábel contributo á cultura na maré diaria das desgrazas da economía e da política? Non será que nos medios independentes os críticos traballan á vontade nun espazo en que o literario é o obxectivo principal, e que isto os converte nun ámbito para liberdade e a credibilidade?

Share

Premios Xerais 2010

Máis un ano asistimos a unha das grandes veladas literarias da Galiza. Este ano aportamos en San Simón a equipa de Algueirada sen Tati Mancebo, que houbo de ficar en Arteixo e se encarregou da monitorización da transmisión de BlogalizaTV, do chat de Facebook e do Twitter; ao leme da transmisión, como non, estivo Pedro Silva e na gravación e edición de vídeo un servidor. Mais este ano contamos cunha equipa de colaboradores de excepción: Paula Gómez del Valle (fotografía), Miriño (cámara de streaming) e Ghanito (Facebook, Twitter). O resultado foron 2,5 horas de transmisión acompañadas de chat e chíos e 19 vídeos, dos que 14 foron entrevistas improvisadas, 4 foron resumos de discursos e 1 foi unha reportaxe. Resultaron suficientes as opinións referenciadas, mais aínda así ficamos insatisfeitos pola grande cantidade de nomes que gustaríamos de ter posto perante a cámara: Mercedes Queixas, Martin Pawley, Antía Otero, Armando Requeixo, Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, María Xosé Queizán, Rexina Vega, Pilar Ponte, Xurxo Sierra Veloso, Laura Caveiro, Xosé Manuel Beiras, Carlos Callón e tantas outras persoas de quen agradeceriamos saber que desexan dicir sobre os Premios Xerais e a situación actual da nosa literatura. Un saúdo a todas e parabéns para Teresa e Iolanda, as protagonistas, así como para o equipo de Xerais que con tanta profesionalidade ano após ano aposta pola nosa literatura.

Share

Abicedo ~ Cabrinfollas, de Victoriano Taibo

Abicedo / Cabrinfollas, de Victoriano TaiboHai algúns meses xa que o crítico Armando Requeixo me enviou a súa edición da poesía de Victoriano Taibo, un intelectual que participou nos proxectos de máis folgo do galeguismo cultural de principios do século XX e que ben merecía un recoñecemento actual do seu traballo. Membro das Irmandades, da RAE e mesmo do Instituto Histórico do Minho, semella non ter perdido ningunha ocasión de colaborar coas iniciativas galeguistas de antes da Guerra.
Cun rigoroso e completísimo estudo introdutorio (72 páxinas), a edición de Requeixo respecta as versións dos cadernos poéticos do poeta ofrecendo “unha transcrición fiel dos orixinais”, o que é de agradecer por todos aqueles que gustamos de saborear as escollas lingüísticas doutrora.
O libro, editado por Follas Novas primorosamente, enféitase cunha fermosa ilustración de Baldo Ramos, recente gañador do Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, artista xa consumado do verso e a caligrafía.
Recentemente co nome de Taibo foi creado un premio de poesía, gañado na súa primeira edición polo poeta Carlos Negro. Certamente, con apoios deste calibre auguramos para a figura de Victoriano Taibo o sólido recoñecemento que se pretende conseguir.
Entre os seus poemas rescatamos este por referenciar a fraternidade galego-portuguesa tan común no primeiro cuarto do século XX:

Noivados

A Teixeira de Pascoaes

A doncella fía
as estrigas brancas;
fía noite e día.

Fía linho de oiro
ou fía a esperança
de um menino loiro?

Lençois de noivado!

Amor nao espera, e a doncella fía… fía
fía noite e día…
e não dá fiado.

A velhinha fía
as estrigas brancas;
fía noite e día.

Fía en ritmo breve
seus cabelos alvos
ou só fía neve?

Lençois de noivado!

A morte tem pressa; e a velhinha fía… fía…
fía noite e día…
e nâo dá fiado.

Share