Tati Mancebo cantará no próximo encontro Milpedras

Serán con versións propias en galego do Summertime de George Gershwin e doutras pezas de Leonard Cohen e James Taylor. Será acompañada por María Xosé Silvar (Sés) na voz, Tito Calviño na guitarra e Dubi Baamonde no saxo. Todo no contexto do recital poético e da expresión plástica do X Encontro Milpedras.

«Os Encontros en Milpedras, espazo de comunicación natural entre diversas artes, unindo os seus camiños nun fluxo simultáneo onde os espectadores e participantes poden aproveitar a enerxía de varios artistas compartida nun mesmo lugar e momento, continúan no Taller de Litografía Milpedras.

A proposta consiste no traballo común de escritores, músicos e artistas plásticos e visuais que queren comunicarse entre si e co público sen intermediarios, aumentando o coñecemento e o diálogo libre entre as diferentes disciplinas artísticas, e ofrecendo ao público interesado unha experiencia nova e enriquecedora.

Este X Encontro é moi especial, ao fin somos unha Asociación Cultural que nace co obxetivo de promover a cultura e do intercambio de coñecementos e actitudes dunha maneira libre, de tal xeito que o espectador poida estar en contacto directo cos artistas, inmiscuirse no seu traballo e sentirse unha parte importante del.

– Presentarmos oficialmente la AC Encontros Milpedras
– Presentacion da identidade da nova AC

O “X Encontro Milpedras” conta con estes participantes:

poesía
– Ramiro Torres
– Diana Varela Puñal
– Arturo Casas

pintura/artes plásticas
– María Martínez
– Gosia Trebacz

música
– Dubi Baamonde
– Tito Calviño
– Tati Mancebo (como cantautora)

lugar: 
Milpedras, taller de litografía
. Rúa Brasil, 3 baixo
. 15009, A coruña. Tel: 881 926 698
hora: venres 29 de xuño a partir das 21:00 h., 
duración aproximada dunha hora.
A entrada é libre e gratuíta.

info@milpedras.com

Atopa Milpedras premendo aquí» {Milpedras}

Share

Grupo Alea de Análise Poética (GAAP)

«[…] O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009. Fixa como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de decisión sobre de qué hai que falar cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco, non cinguido a coordenadas apriorísticas e acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

Forman o GAAP dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo orientarán o labor con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI. […]» (Ler máis en Lándoas)

Moito teño escoitado no Blogomillo e fóra del que a análise da poesía non admitía sistematizacións, nin había metodoloxía que lle fose propia salvo a interpretación inspirada e continxente do crítico definitivamente afectado pola era e Acuario. Eu considero que sempre souben falar sobre algunhas cuestións pertinentes dun poema calquera que fose, de calquera época e estilo, sempre que escrito nunha lingua na que tivese unha alta competencia. E falar de modo pertinente significa o contrario que de modo aleatorio, é dicir, significa falar coherentemente de arte escrita apoiándose en cuestións que obxectivamente se observan no texto. Non significa agotar o sentido do poema nin achar a fórmula exacta que fai  o poema ser o que é. Significa simplemente mostrar unha verdade asumíbel, a que o crítico conseguiu ver através dun criterio que fica á vista como as ferramentas de precisión do cirurxán.

Share

Sobre os “enfoques teóricos da crítica literaria”

Recomendo que lean enteiro o suculento artigo de Óscar Iglesias sobre as perspectivas actuais de traballo da crítica literaria. Aquí presento uns trechos significativos:

«[…] A Arturo Casas, que traballa no marco empírico-sistémico coas aportacións da hermenéutica, resúltalle sorprendente “escoitar escritores de prestixio sinalar que eles non pertencen ao sistema literario, como se iso fose como darse de alta nunha cátedra de mus”. Para Casas, o “bo nivel” da crítica ten o lastre dos refugallos do estruturalismo, pero “existe unha vangarda con escasa repercusión social que se liberou desa condición”.
[…] Non son a benevolencia do discurso de normalización cultural, nin a escasa visibilidade do libro galego, di Vilavedra, as pexas de inicio no labor do crítico: “O condicionante principal é o tamaño. Nun país pequeno sempre se acaba toupando coa Igrexa”. Por parte, opina que a función da crítica xornalística “non é separar o gran da palla, senón informar, orientar, avisar e estimular”.
[…] Manuel Outeiriño: “A respecto da crítica xornalística, “historicamente crucial”, avisa de que a súa desaparición “impregnaría os xornais de propaganda”.
[…] González Gómez, residente en Barcelona, afirma que a crítica universitaria está “retrasada con respecto ao seu tempo, porque os mortos non responden”. E apón responsabilidades compartidas á hora de facer canon e distinguir entre risco e éxito: “Eu critiquei Crime en Compostela porque me pareceu infame. Acéptao todo, pero xerarquiza”.
[…] Desde a AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias desbota as suspicacias xeradas este ano por unha suposta proximidade entre escritores e críticos: “Os críticos con obra finalista, evidentemente, abstéñense de votar… A relación entre a AELG e a sección de crítica é totalmente funcional, como en Cataluña”.
“Hai tanta proximidade entre escritores e críticos como entre xornalistas e escritores ou editores e axentes ou libreiros e distribuidores”, resume María do Cebreiro. […]»

Eu, como Casas, lembro que fiquei abraiado cando lin unha escritora no Protexta rexeitando o seu vínculo co sistema literario. Na altura sospeitei que no sabía ben de que concepto lle falaban, e que ante a dúbida entendeu que era máis positivo para ela mostrarse como unha escritora antisistema. Canto ao Protexta, é un proxecto inusual e louvábel por lle dar tanta preponderancia ao libro acarón dos seus autores, incluíndo crítica variada e reflexións sobre contidos e formas literarios.

Sobre a benevolencia da crítica hai escasas excepcións que confirman a regra. Salvo cando me equivoco eu non son unha delas. Por que? Porque fago poucas e fago case sempre as que me apetecen, e nestas sempre observo algo ou moito de positivo que merece ser resaltado como éxito. Porque sei ben o que custa escribir algo decente, e poucas veces sae da miña propia man.

Estimo que no sistema non desfrutamos de claras diferenciacións entre “literatura de éxito” e “literatura de risco”. Entendo que na actualidade unha obra ben escrita desde varios puntos de vista non é tan fácil de atopar, e cando aparece atopa sitio na maioría dos casos. Noutros, logros parciais na feitura ocupan postos inmerecidos por ausencia de propostas mellores. Son os limites da nosa capacidade produtiva, e as necesidades mínimas da nosa produción editorial. Con menos, talvez non exista sistema literario galego digno de ser defendíbel. Eu entendo que os que peor escribimos tratamos de mellorar, e que os que critican por sistema os erros dos autores debían aprender a escribir. Ou a facer críticas benévolas: xa de ser parásitos dos esforzos dos máis polo menos que traballen sen envenenar os pozos.

O mercado editorial condiciona o criterio dos críticos no sentido en que precisa da súa benevolencia para vender os produtos. Mais a falta de retribucións e a posición non profesional da maioría dos críticos permite, ao tempo, o maior grado de independencia posíbel. De calquera modo, a independencia dun crítico non se mostra en ser atrevido ou comedido, senón en poder demostrar que posúe un criterio propio ben fundamentado desde o que realiza o traballo, e que é susceptíbel de tornarse un referente para o lector.

No relativo á sección de crítica da AELG, xa teño afirmado que todo o que presenciei desde a súa constitución foron atitudes de procedementos pulcros e dignos de admiración. Nada do que vin e no que participei acontecei fóra dunha vontade clara de actuar dignamente en favor da divulgación das mellores obras literarias do ano, con pena mesmo daquelas que por necesidade ficaban fóra dos galardóns merecendo unha louvanza das súas virtudes literarias.

Share