Premios AELG 2013

«Os socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente. As obras gañadoras daranse a coñecer na gala que terá lugar ás 20:00 do 4 de maio no auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:

Blogs Literarios

Ensaio

Literatura Infanto-xuvenil

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012

Narrativa

Poesía

Teatro

Tradución

Share

Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

Pronunciamento da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ante das eleccións ao Parlamento

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas que concorren a estas eleccións co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego.

Demandamos, dos partidos e organizacións políticas que presentan candidaturas ao Parlamento, que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa.

A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento como corresponde a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de Europa.

Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Entendemos que a literatura e a lingua consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada, que nos converte en individuos dun pobo cunha cultura e un idioma senlleiros.

Defendémolo nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

É por isto que demandamos dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país. Asemade, requirimos da administración galega instrumentos de xestión para o achegamento da literatura e polo tanto tamén dos escritores e escritoras á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade.

Como primeiras medidas do novo goberno, solicitamos:

1. Reposición da desaparecida Consellaría de Cultura.

2. Creación dunha Dirección xeral do libro.

3. Creación dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior.

4. Participación das escritoras e escritores galegos e od sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais.

5. Apoio ao teatro galego.

6. Promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral.

7. Recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega.

8. Elaboración dun plan da lectura.

9. Apoio efectivo aos medios de comunicación en galego.

10. Elaboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica.

11. Restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena.

12. Expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres.

Así mesmo, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.

{Asociación de Escritoras en Lingua Galega}

Share

Premios AELG 2012

Miro Villar: “Coma dixen na Cea das Letras da AELG, quixera lembrar o maxisterio que recollín en especial de tres bitácoras: asuvasnasolaina, do finado amigo Marcos Valcárcel, brétemas do editor Manuel Bragado e trafegandoronseis da profesora Gracia Santorum. Ao tempo que agradezo a existencia do proxecto blogaliza, personalizado nos poetas Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo, que acolle a todos tres blogues finalistas deste ano. Os outros son dous blogues amigos que sigo decote e que recomendo vivamente: Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, e Criticalia, do crítico e profesor Armando Requeixo“. {Letra en obras}

Edicións Xerais: “O libro Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, foi elixido na noite do sábado Premio AELG áPremios AELG 2012 mellor tradución durante a Cea das Letras que se celebrou en Santiago de Compostela. Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra.”

Máis información na Axenda Cultural AELG.

Share

A Asociación de Escritoras marxinada máis unha vez

Celso Emilio Ferreiro 2012Todos sabemos a estas alturas que a falta de recursos económicos do goberno galego está a ser unha arma sibilinamente utilizada para afogar os máis activos sectores culturais. Mais en ocasións o lobo non pode evitar que asomen con descaro os seus caninos por debaixo da máscara, e a súa vontade de depredador fica ao descuberto.
O 18 de febreiro Ramón Nicolás lamentaba no seu louvábel Caderno da Crítica que nos actos anunciados para este ano de Celso Emilio Ferreiro non figurase a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en que tantos e tantas con orgullo figuramos como socias, e que ten traballado como ningunha institución deste país pola dignificación da nosa literatura durante trinta anos. Como se isto non fose pouco, resulta especialmente triste que a súa Secretaria Xeral, Mercedes Queixas, se vexa na situación de explicar a posición da Asociación mediante un humilde mais necesario comentario no medio particular de Ramón: “Se a AELG tivese sido convidada estaría, sempre no exercicio das súas responsabilidades.”Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
O asombro chega entón a límites insospeitados, e o descaro do responsábel político de cultura mostra xa unha tonalidade de declarada guerra fría: non semella isto un desprezo en toda regra, máxime cando é coñecido que a Asociación, como non pode ser doutro modo, está a traballar en diversos proxectos na memoria da obra de Celso Emilio Ferreiro?
Prezadas amigas e amigos, esta actitude institucional dá a entender que o goberno actual non ten ningún respecto polas institucións culturais que manan do pobo, e que son na realidade o auténtico baluarte da pobre democracia que até a data neste país fomos capaces de construír. Desde a Xunta son preferidas, ao meu ver, accións que máis se asemellan a un novo feudalismo, ou se cadra á cara lavada dun caciquismo que nunca deixamos de padecer.

Share

María Xosé Queizán: “Volvo a estar censurada”

María Xosé Queizán, escritora e activista para a que con toda xustiza se reclama un amplo recoñecemento local e nacional, para alén do institucional, dixo estas palabras perante a nosa cámara en 2009 durante unha entrevista de 1 hora e 17 minutos por encomenda da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Como temo que esta ampla e substanciosa entrevista, en que só importaba deixar espazo para as súas palabras, puido non ser debidamente coñecida decídome a publicitala de novo desde aquí. Para min foi un luxo escoitar na súa propia casa como naceu a súa vocación de escritora, como comezou a súa actividade literaria, en que ambiente e con que estilos e temas traballaban os autores e autoras daquela época e en xeral a descrición e fundamento da súa obra publicada até o 2009. Tamén me resultou especialmente impactante a súa xustificación dos xéneros literarios, o coñecemento da censura que padece por parte dos medios de comunicación, así como a descrición pormenorizada do seu persoal proceso de creación e a súa necesidade de actuar coa ansia sincera de mellorar o mundo. En fin, sobre a importancia do esforzo persoal e a crenza na utopía que hoxe máis do que nunca precisamos protexer.

Share

‘Traición a Lois Pereiro’, por Alfredo Ferreiro

Con este poema creado a partir doutro de Lois Pereiro comezo un traballo que titularei O libro das traicións, no que elaborarei versións de textos dos meus autores e autoras preferidos. Estas versións constitúen unha homenaxe sincera ás obras daqueles que, non pusuíndo eu o talento necesario para debidamente imitalos, me atreverei a “traicionar”, seguindo a Sócrates naquela defensa do burlesco á hora de tratar os máis serios misterios da vida, pois non seriamos quen de tratalos coa seriedade que realmente merecen. Ao mesmo tempo, á hora da “traición” lembro as palabras o Herberto Helder, cando dicía: «[…] Deve-se estar disponível para decepcionar os que confiaram em nós. Decepcionar é garantir o movimento. A confiança dos outros diz-lhes respeito. A nós mesmos diz respeito outra espécie de confiança. A de que somos insubstituíveis na nossa aventura e de que ninguém a fará por nós[…]».

Este poema foi publicado no libro electrónico Vivir un soño repetido, homenaxe da AELG a Lois Pereiro.

Traición a Lois Pereiro

Os éxitos atinxidos nesta vida
leváronme a gañar máis unha vez
definitivamente e sen pesar
todo o que contaba como gañado.

Éxtase libertaria ou iluminación
dun amor sempre xustificado;
foi a alegría até o paroxismo
o móbil que alentou a miña idea
de organizar en min unha verbena
e danzar toda a noite sobre a area.

Eu perpetúo o éxito atinxido
na tranquila travesía
en que vivo
porque esta orgullosa estatua namorada
ha de recibir nos labios dilatados
o mel esculpido como gloria profana
libre de todos os erros evitados.

Abrazado polo remuíño que me eleva
desde as tristes espirais da nada
ao alegre sendeiro da miña pena.

Alfredo Ferreiro

(Cfr. poema “XX”, de Poesía última de amor e enfermidade)

Share