Tertulia con Daniel Asorey no Clube de Leitura de Arteixo

Os encontros periódicos cos clubes de lectura son para min das experiencias máis gratas. Dedicar tempo de cualidade á reflexión sobre a arte da escrita con persoas amantes da lectura é algo fascinante. Debe ser que quen ama a literatura é necesariamente unha persoa solidaria, cordial e positiva, pois que outra cousa pode ser quen acepta o pacto literario implícito que se dá entre escritora e leitora? Un pacto que ten a ver coa necesidade de escribir xenerosamente para outros sobre o que é común a todos, co desexo de escoitar a alguén o que ten que dicir sobre o que a todas pertence, coa aceptación alegre da opinión allea así como da vontade implícita de avanzar na interpretación do mundo e portanto na mellora da vida. Diredes que a literatura non pode chegar tan lonxe como para mudar o substancial da vida, mais concordaredes ao menos en que sensibilizar os corazóns e facer reflexionar as mentes acostuma a ser o camiño para a mellora individual e social.

No martes pasado contamos na reunión periódica do Clube de Leitura de Arteixo coa presenza de Daniel Asorey, autor da última obra lida, Nordeste, publicada por Editorial Galaxia a teor do Premio Repsol de 2016. A obra gustou moito aos membros do clube, máis dunha ducia de atentas e sensibles lectoras que levan encontrándose para comentar obras máis de quince anos. Valorouse o coidado da lingua, na que algunha atopou a cumprida homenaxe a palabras galegas que coñecía desde hai moito mais que era consciente de ter deixado de usar; valoraron tamén a preeminencia da perspectiva feminina, así como a grande sensibilidade ao tratar asuntos humanos en situacións extremas; a imaxinación do autor para imaxinar un futuro de Galiza que foi por outros camiños dos coñecidos nunha distopía que desborda enxeño e atrevemento…

Celebramos con el a próxima publicación da edición brasileira no selo Mar Maior de Editorial Galaxia, dedicado á exportación da literatura galega no mercado internacional, e aplaudimos a boa recepción que está a ter a obra xa no ámbito académico do Brasil. Pola súa parte, el agradeceu a consideración que sempre lle dedica Arteixo, non sen lembrar que foi vencedor feliz do Certame Manuel Murguía na súa 11ª edición, evento sobre que garda como un tesouro na súa memoria de escritor.

Para non perder son as respostas que o autor me dedicou nunha entrevista realizada para o arquivo sonoro da Biblioteca Henrique Rabuñal de Arteixo, e que reproduzo abaixo.

*

Cf. : «O martes día 9 de xaneiro, produciuse un “Encontro con Escritor” do Club de Lectura da Biblioteca Central “Henrique Rabuñal”. Desta volta, foi Daniel Asorey quen asistiu á reunión semanal do club para falar do libro “Nordeste” coas participantes desta actividade que se desenrola todos os martes baixo a supervisión e apoio da Rede Municipal de Bibliotecas, dependente da Concellería de Cultura que encabeza Ana Bello […]». {Ler mais no blogue das Bibliotecas de Arteixo}

Share