Charla de Tati Mancebo sobre os eReaders nas Bibliotecas Municipais da Coruña

«Esta tarde [onte] na Biblioteca Municipal de Monte Alto tivo lugar unha charla sobre o libro electrónico e os seus dispositivos de lectura impartida por Tati Mancebo, que buscaba ilustrar aos asistentes sobre a historia e evolución do libro electrónico, os dispositivos de lectura que podemos atopar no mercado e a evolución que está a ter o sector da edición dixital, estando dispoñibles durante o evento distintos trebellos para que o público puidese probalos de primeira man, facilitando a súa futura elección de eReader.
Tati Mancebo explicou a longa vida que teñen os e-books e os distintos formatos existentes, que aínda que nun momento tendesen aos documentos PDF, na actualidade publícanse en formatos máis axeitados coma o EPUB ou o Mobipocket, aínda que este baile de formatos acompañado polo uso de tecnoloxías DRM están supor un atranco na normalización do uso de eReaders, posto que os textos que podemos adquirir non son compatibles con todos os dispositivos de lectura. Repasando os trebellos dispoñibles, Mancebo amosou as vantaxes da tecnoloxía de E Ink (destacando a súa autonomía), o reducido prezo dos lectores baseados en pantallas TFT, a posibilidade de ler no ordenador e no móbil e a forza coa que están a chegar ao mercado os tablets como dispositivos de lectura. Grazas a este repaso de hardware, parece que quedou claro que os libros electrónicos poden chegar ao público de moitos xeitos, podendo elixir cadaquén o que lles resulte máis cómodo […]» [Ler máis en Código Cero]

Share

Un lector precisa atención primaria!

Corren malos tempos para aquelas persoas afectadas do mal da lectura, ese que os obriga a ler -que deuses propios e impropios nos asistan!- todos os días, mesmo en varias ocasións. O diñeiro mingua, a información é falsa e os novos hábitos de lectura retroiluminada cansan máis do que a paciencia do lector suporta. Así as cousas, nada nos estraña que con frecuencia algún sucumba e pola rúa vague, desconsolado, na procura de axuda especializada. Isto era unha situación insalvábel, si señores e señoras, até que as Bibliotecas Municipais da Coruña decidiron pór libros na rúa. O seguinte testemuño demostrarao; trátase de A. F., un desorientado lector que practicou con suor a esgrima estilográfica, que con fruición martelou a máquina de escribir e que desde hai anos deixa os ollos pegados á pantalla mentres perde as pestanas como follas dun outono permanente:

«Si, eu vagaba desde había tres días pola Coruña -conforme me dixeron despois- durante os cais durmía sen noción do tempo nos xardíns e mollaba a caluga no peirao deportivo. Estaba desorientado, sen lectura que levar aos ollos, e o meu cerebro facía ruídos leoninos pola falta de literatura. Soñaba cunha morniña sopa de versos, un prato de suculentos capítulos con guarnición de ilustracións e unha doce sobremesa de aforismos. Cada día era un soño sen cumprir, o pesadelo da perpetua insatisfacción dun animal lector. Entón foi cando atopei a “Caseta de atención primaria”…

…e todo semellou tornar de cor. Alí atopei un trato refinado, a consideración que un desvalido lector precisa, e a máis moderna tecnoloxía en tratamentos prolectura, intensivos e progresivos, e mesmo de choque.

Inmediatamente o equipo bibliomédico se ocupou de min. Tomaron as pertinentes mostras de lacrimal e realizaron un inquérito exhaustivo sobre os meus hábitos lectores e as obras consumidas recentemente. Supoño que algunhas destas lle pareceron resesas á doutora, pola cara que puxo, mais non por iso habían de ser estritamente nocivas. Que non terá ouvido en termos de lectura polo mundiño adiante!

Os resultados das análises non foron motivo de calma. A recomendación, como se dun seguro privado se tratase (MAIS SENDO MUNICIPAL E GRATUÍTO!), foi que iniciase o tratamento alí mesmo por vía parenteral mediante un soro que harmonizase os meus sentidos ficcionais. Grande cousa como avanza a técnica bibliomédica, sobre todo desde que se descubriu que o tratamento da sensibilidade literaria permite mellorar as constantes psicofísicas do individuo. A ficción, mundo harmónico onde conviven placidamente o verdadeiro e o falso, permite a superación de moitas das contradicións que son motivo de infelicidade.

Para finalizar, a receita. A man da doutora Elena rubricaba un tratamento que sen dúbida proviña do coñecemento das miñas, recoñecidas ou non, auténticas necesidades de lectura. Lembroume mesmo, se podo dicilo sen corar, a experiencia que tiven hai moitos anos na Costa do Sol, sendo adolescente, cando por accidente cravei nun pé unha punta oxidada. Aquela enfermeira andaluza, madura e vigorosa, de ollos azuis e mans decididas que me perforaron o brazo cunha inxección contra o tétanos, semellaba a imaxe dun anxo sexuado que só probabelmente a fervenza adolescente podía imaxinar. Esta ocasión, diferente entre outras cousas porque a miña madurez xa non distaba demasiado da que a doutora aparentaba, sen dúbida me regalaba a mesma sensación de confianza e savoir faire. Por isto son desde agora e para sempre, das Bibliotecas Municipais un lector agradecido.»

Share