Debullando no Blogomillo

«Os tópicos instálanse e axiña fican como verdades incuestionadas. Dise que o blogomillo está morto, que non resistiu o avance das redes sociais. Mais é realmente así? Seguen a ser moitos, exponencialmente máis que nos momentos en que a etiqueta se acuñou, os blogues en galego. A súa vixencia mantense como arquivo e como espazo da escrita máis repousada. Tati Mancebo, a coordenadora deste A Fondo, guíanos nesta viaxe pola blogosfera galega actual.»

{Suplemento de Sermos Galiza}

Share

“Dicir que o blogomillo está morto é un tópico”

Táti Mancebo

Táti Mancebo

B.P.Hai xa máis dunha década que María Yáñez dicía iso de “outra vaca no blog (millo)”. Eran aqueles momentos de eclosión. Mais dunha década despois, as redes sociais semellan telo deixado en segundo lugar. Ou tal vez haxa xa tantas ducias e centos de vacas na leira que xa non sexa pertinente unha etiqueta para nomear unha comunidade emerxente. Analizámolo con Tati Mancebo, a coordenador dun A FONDO que sairá a rúa, conxuntamente co número 121 do semanario Sermos Galiza, esta quinta feira 6 de novembro.

-Levamos algo máis dunha década de blogomillo. Cal é a pertinencia de abondar na actualidade dos blogues, como se fai neste A Fondo?

-As redes sociais céntranse no concepto de inmediatez, mentres que os blogues o fan na idea de almacenamento e organización permanentes de contidos. Os perfís das redes sociais son entidades que se definen en relación ás súas redes de contactos, mentres que os blogues foron e seguen a ser diarios, individuais ou grupais, de comunicación co mundo, coa intención de chegar a toda persoa que poida interesarlle un tema ou o un punto de vista particular sobre ese tema.

-Que terías que dicir fronte á quen di que o blogomillo está morto?

-É un tópico similar a outros tantos que parte dunha necesidade de definir que temos as persoas. Dicir que algo está morto é unha boa maneira de poñernos a pensar que é, aínda que acabemos chegando á conclusión de que non estaba tan morto como parecía.

-Que aspectos concretos do blogomillo se tratarán neste A Fondo e por que?

-Tentamos mostrar unha visión máis ampla do panorama que habitualmente se pinta. Cando se escribe sobre blogues, axiña aparecen nomes como os de Manuel Bragado ou Manuel Gago, dous exemplos de pioneiros que seguen a ser dos máis relevantes na nosa comunidade, mais esta vez ímonos desculpar con eles e mostrar outras vertentes, tanto en referencia aos contidos, como aos autores. Por exemplo, Mallando no Android é un blogue colectivo que está entre as páxinas en galego máis vistas, e é un blogue […]».

{Ler mais em Sermos Galiza}

Share

Blogaliza actualiza o seu WordPress

blogaliza.orgA nova versión de WordPress implementada en Blogaliza actualiza o servizo da plataforma de blogues con novos recursos. Máis unha vez debemos agradecer o esforzo do compañeiro Pedro Silva por manternos á última neste servizo en galego que leva xa moitos anos ofrecendo un medio de publicación de contidos que moitos consideramos desde o principio sorprendente, e desde hai tempo imprescindíbel:

«A nosa maquinaria actualízase á última versión de WordPress, a 3.2.1.

Novidades?

  • Un novo estilo visual, TwentyEleven, con moitas posibilidades: cabeceiro, cores e disposición de columnas configurables.
  • Editor de anotacións a pantalla completa, para ver só o importante: o teu texto. Paga a pena botarlle un ollo: é un vicio!!
  • Dentro do editor, cando sexa de engadir ligazóns tes que probar o «ligazóns internas»: as referencias a contidos do propio blog vanse revolucionar…
  • Buscador para escoller estilo visual: acabouse andar pasando de páxina en páxina ata dar co theme que gostamos.
  • O estilo visual P2, que che permitirá facer un blog «tipo twitter» en minutos.
  • As anotacións poden ser «outras cousas»: ligazóns, citas, galerías…
  • Barra superior con todo o que precisamos ao alcance da man.
  • Correximos moitos erros no proceso de creación de novos usuarios.
  • Empregamos a tradución oficial. […]» {Ler máis en blogaliza.org}
Share

Premios Xerais 2011: este sábado ao vivo desde Blogaliza.tv

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/_ZUVrAWn-KA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Este fin de semana estaremos de novo na grande festa literaria da Illa de San Simón: os Premios Xerais. Descubriremos os gañadores do ano con nas tres modalidades de lectores principais: infantís, xuvenís e adultos. Unha reunión que implica a alegría dos galardóns e uns trescentos convidados entre os máis comprometidos co sistema literario galego que acoden por mar para desfrutar dos mellores frutos literarios da Terra. Un ambiente engoilante como poucos para os amantes da literatura que todos poderedes seguir ao vivo através do blogue de Xerais e de blogaliza.tv e en diferido nos días seguintes mediante os vídeos específicos que iremos ofrecendo desde a rede.

Share

Será que YouTube nos espía ou que Blogaliza lle pisa os talóns?

Tati Mancebo: «YouTube nos copia. Evidentemente non o digo en serio, e non só por cuestión de tamaño, pois na produción dunha única idea en concreto non ten por que influír. Mais habemos de recoñecer que nos fixo graza onte ver as similitudes da nova grella de streaming personalizada de Youtube coa que andamos a desenvolver para Blogaliza. Si, proximamente os máis de 20.000 usuarios de Blogaliza -xa rematada a migración de fillos.org-, poderán solicitar día e hora na grella xeral para estrear os seus programas e que todos poidamos velos ao tempo que nos unimos á conversa nunha caixa de chat.

Ademais, compartiremos os nosos coñecementos sobre produción de streaming de vídeo con software libre, para que calquera usuario sexa quen de facer retransmisións en directo dunha festa, dunha entrevista, dunha conversa, do que teña a ben.

E non é a única novidade de Blogaliza este outono, estean atentos á (nosa) pantalla ;)»

Share