O aplauso cínico de Caneiro

“[…] Como aplaudo tamén outro intento, o de Diego Ameixeiras. Quixo saír da súa narrativa pretérita, esa que fala dun detective como tantos. Aparecía o tal en dúas novelas anteriores a esta que comentamos, Tres segundos de memoria, coa que obtivo o Xerais. As novelas anteriores peroraban en torno a un personaxe que por veces amosaba a Auria blancoamoriana e só semellaba apuntar lixeirísimos matices do malditismo, as periferias, e os baixos fondos. Un detective tópico, repetido, que intenta ser orixinal e resulta simplemente patético. Esa literatura sen literatura, ese clixé, eses neomodismos que non constrúen voces propias senón que han de limitarnos (a literatura galega) e limitar ao autor. Creo que Ameixeiras pode, e quere. Tres segundos de memoria, que non é unha novela como a min me gustan as novelas, é unha novela que define a un autor que pode ser un autor importante, necesario, dun tempo novo.

Hai acenos intensos na novela: perdedores que non son os perdedores que todos coñecemos. Hai humor, lucidez, ansias dun autor que é escritor e quere ser escritor. Non hai lingua literaria. Nin un ápice. Pero talvez eu descoñeza as novas tendencias literarias: a literatura sen lingua literaria. Non vou explicalo aquí. Pero a dicción, a prosa, vai determinando estéticas. A estética da Nada acabará en Nada, creo, aniquilándonos. Pero esa é simplemente unha opinión e pode, como repiten incesantemente, que eu estea equivocado. En todo caso é a miña equivocación. E incluso a equivocación é un credo. Atisbos dun inadaptado a estes tempos literarios. Polo tanto, logo de pensar moito esta columna, recoñezo o valor de Tres segundos de memoria. Non é a literatura que eu defendo. Pero hai outras literaturas. E outros autores. Como Diego Ameixeiras. Hai, pois, futuro. E desculpen, por favor, a este inadaptado.” (“Inadaptado”, in Culturas, La Voz de Galicia, páx. 14)

O discurso crítico de Xosé Carlos Caneiro non deixa de sorprenderme. Cualifica a narrativa de Ameixeiras de intento, perorata, de ofrecer personaxes patéticas, tópicas, de ser pretensamente orixinal, de clixé, de non ser digna de ser considerada literatura, de ser limitadora e conducir a literatura galega á aniquilación… E, asombrosamente, aplaude “as ansias dun autor que é escritor e que quere ser escritor”; entende que Ameixeiras “pode, e quere”; opina que “pode ser un autor importante, necesario, dun tempo novo”; recoñece o valor de Tres segundos de memoria

Chegado aquí, desilusiona escribir sobre tamaño monte de despropósitos que, dito sexa de paso, son enfeitados cunha lingua paupérrima. Caneiro séntese un inadaptado mais, na realidade, é o seu ego o que parece non se adaptar ao mundo (o trinta por cento do artigo, como na súa obra Os dominios de Caín, asenta na lamentación e na autoxustificación). Cando por fin leo: “en todo caso, é a miña equivocación. E incluso a equivocación é un credo” xa non temo por el.

Share

Xosé Carlos Caneiro: “Soy quien soy”

«[…] Eu defendo, polo tanto, a estética da ruptura. Ou, para dicilo doutro xeito, a aposta decidida e tenaz para intentar que o discurso narrativo fuxa da carga expositiva ao [sic] que foi sometido dende o óbito ou claudicación da mal chamada Nova Narrativa Galega ou, por expresarme con maior corrección (oh, maldita corrección), o intento de vadear ese río Aqueronte que separa a ambición e a pretensión de crear voces propias e a inerme realidade refuxiada na novela negra, ou na novela de aventuras, ou na novela de experiencia xuvenil, ou na novela de sucesos, ou na novela best-seller que tende a fotografar a realidade, presente ou pretérita, creando o que eu chamo a [sic] novo figurativismo, tan de moda e que tanto ten proliferado nos últimos anos no Estado e na nosa nación. Por tal motivo é usual que un periodista metamorfoseado en novelista (Arturo Pérez-Reverte, verbigracia) acade éxito editorial. Os periodistas son os que mellor relatan os aconteceres. Pero a expositio periodística non é a expositio literaria. Por tal motivo Pérez-Reverte escribe unha literatura (chamémola taquigrafía) plana, profusamente informativa, carente de matices. Insulsa, en definitiva. […]

Para explicarme cunha frase que todos poidan entender, clara e cristalinamente: Vivimos na ditadura do simplismo. O simplismo que converte a arte nun narcótico, como ben sinalara o mestre Castelao. Ditadura do simplismo. O escudo desta neoligarquía sinala sempre a competencia coas novas tecnoloxías, ou co cine, como fundamento da necesidade dunha arte diáfana (clara e cristalina). O cine, que sempre é inmediato, fai depender da claridade da narración o resultado final. […]

A estética dominante é pois a estética da mediocridade, da vulgaridade, da morneza ou medianía intelectual. […] Read More

Share

A revolución de Caneiro

Xosé Carlos Caneiro

De Xosé Carlos Caneiro, o dandi das nosas letras, recollemos esta aposta pola literatura de calidade e por unha revolución literaria que el mesmo pretende iniciar a pesar dos impedimentos do sistema educativo. Unha revolución iniciada por un debate intenso, baseada na elusión das intervencións aburridas e apoiada pola Administración:

«[…] Houbo un tempo en que todo o escrito en galego era considerado como literatura. Vendíanse libros que non eran literatura nos institutos e algúns autores escasamente dotados para a arte literaria pasaban a formar parte, de contado, da nómina áurea da cultura patria. Sucedeu e aínda sucede. […] Ao galego, nestes días tamén, fáltalle aínda naturalidade literaria e sóbralle afán didáctico. Velaquí o problema: o didactismo. Xogamos a edificar textos que ideoloxicamente resultan moi plausibles pero que fallan, creo, na argumentación artística: a busca de novos camiños, o intento orixinalizador, o coñecemento existencial, a dicción frondosa, a estructuración milimétrica, a experiencia vivida convertida en experiencia contada… escribo esta reflexión coa prudencia necesaria. Intentando aportar motivos para un debate intenso pero sosegado, ou desasosegado como un verso de Pessoa, qué importa. […] O escritor debe aumentar a súa presenza en foros, debates, televisións, radios. O escritor debe tamén non aburrir en tales territorios. E a Administración, como garante do noso “topos” cultural, debe ser a precursora desta revolución que eu pretendo.» La Voz de Galicia, 26/08/2006, Culturas, páx. 5.

Teño que recoñecer que no fondo comparto con Caneiro unha preocupación pola literatura ― desde logo non máis pola de agora que pola de épocas anteriores ― que me leva a pensar: a literatura galega será literatura ou non será.

Share