III Enarborar o bosque en Carballo. Mina non!

Este foi o poema co que participei no libro Versus Cianuro, en defensa do monte do Corcoesto:

O AUTÉNTICO OURO DO CORCOESTO

Os nosos antepasados eran persoas

que adoraban a Terra.

Observaban o ceo e decidían

en que estación apañar os froitos

ou saltar o lume ritualmente.

Baixo a lúa facían o amor

conscientes da unión

de todo o que a chuvia molla.

Os nosos antepasados eran sabios

porque percibían na terra

o espírito de cada pedra,

a vontade secreta do ventoversuscianuro

e a luz interior que existe

no manto da brétema.

Daqueles antepasados proveñen

os paisanos que aran a terra

e hoxe coidan o gando,

os que á tardiña observan

o mesmo solpor

desde hai millóns de anos,

os mesmos que á noite prenden

o lume para aqueceren o caldo.

Mais contra estas xentes dignas

hai ignorantes que reclaman

que é preciso agredirmos a Terra,

facer unha sangría nos campos,

secar as fontes e converter o chan

nun lugar duro e amargo

en que non aniñen paxaros

nin acudan en comunidade as árbores.

Son voces que visten traxes caros

e divulgan con altofalantes

a máis indigna das blasfemias,

que é condenar unha Nai

a observar como se envenenan

os fillos que amamenta.

Alfredo Ferreiro

{Máis información en Enarborar o bosque}

Share

Cando o metal encontrou o seu señor

O pasado venres tiven a oportunidade de ofrecer o meu Metal central, xa de 2009, aos excompañeiros da fábrica a quen foi dedicado. Foi moi agradábel poder mostrarlle a laminadores e persoal de mantemento a existencia de poemas que só persoas coa súa exacta experiencia poden comprender en todas as súas dimensións, o seu peso, temperatura e, sobre todo, o cadro xeral da luz e do ruído. Experiencias concretas e duras, ás veces acontecidas a horas en que o común dorme placidamente, e que supoñen pór en risco a vida ou facer un esforzo persoal e en equipo brutal mollados por auga suxa e tinxidos de graxa negra, mais que non van perturbar nin os paxaros que a mañá saudarán desde o Barreiro.

O libro foi moi sentido, podo asegurar, e supuxo a miña volta á poesía despois de anos de inactividade poética. Mais faltábame facer a entrega oficial do traballo a aqueles que na realidade son os protagonistas. E isto foi posíbel grazas ao generoso esforzo dos amigos da libraría Á lus do candil por divulgar a nosa literatura, desta volta en Carballo. A eles, máis unha vez, obrigado.

Share